Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
martes, 5 de abril de 2011
USC: máis teses en inglés que en galego
A abafante presencia do castelán na universidade pode verse explicitada nas gráficas elaboradas polo SNL da Universidade de Santiago de Compostela, a máis galeguizada das universidades galegas.
Nos últimos 20 anos a porcentaxe de teses en galego na USC non chegaron en ningún momento ao 16%. Como exemplo de como andan as cousas da nosa lingua podemos tomar o caso do último ano. Segundo informa M. Isabel Quintero no último Cartafol Dixital foi maior a presenza do inglés que a do galego:
o dato máis salientable é que o castelán segue sendo a lingua predominante nos traballos con que se lles pon o ramo aos estudos de doutoramento: das 214 teses lidas en 2010, 137 realizáronse neste idioma (o 64,01%). Ao seu lado, a utilización doutras linguas como o galego (13,78%), o portugués (7,24%), o inglés (15,95%) e outros (0,2%), resulta moito máis discreta. O inglés adscríbese a teses presentadas en departamentos de ciencias da saúde e ciencias puras.
Hai algo que non funciona na política lingüística, vexámolo. Desde o SNL da USC ofrecen axudas que promoven o uso do galego nas teses. O inglés e o castelán non teñen esas axudas, ou polo menos iso é o que parece. Na realidade para o galego todo son atrancos: primeiro está toda unha lista de prexuízos que son sistemáticamente divulgados non só por particulares senón mesmo polas institucións, en segundo lugar o galego segue a estar excluído dunha serie importante de ámbitos sociais, sen que se dera ningún paso para modificar esta situación, e por último espállase o discurso de que podemos discriminar e reducir o seu uso sen que iso supoña detrimento dos seus usuarios. En definitiva, hai via libre para exercer o racismo lingüístico coa desculpa de que todos os atrancos para o uso do galego están ben pagados se o que fai un tese en galego recibe catro euros. Sáelles barato o conto.
Etiquetas:
Normalización,
Universidade
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario