Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 9 de abril de 2011

O xogo das cadeiras

Manifesto pola entrada das Mulleres na RAG, do blogue 'O xogo das cadeiras'
As mulleres sostemos a metade do ceo. (…). É hora de deixar de agardar”. Xohana Torres.
“Ver Xuntas, ver cada unha o que a outra non pode ver porque cada unha ocupa[ba] un lugar diferente, pero saber que nos xuntamos nese cuarto para mirar o mesmo, para trenzar un espazo común”. Margarida Ledo
“dunha banda a muller como axente de importancia capital na transmisión da lingua tradicional (…), doutra a muller como axente difusor do cambio”. Rosario Álvarez
“Imos de nai a nai pola liña da vida”. Luz Pozo
Catro mulleres, catro cadeiras, catro palabras. Demasiadas poucas para soster a metade do ceo, para trenzar un espazo común, para transmitir e cambiar a lingua, para ir de nai a nai pola liña da vida. As fortes voces das poetas, das narradoras, das lexicógrafas, dramaturgas, estudosas da literatura, transformadoras da linguaxe e polo tanto da vida en xeral quedan empequenecidas no absurdo xogo das cadeiras polo cal a Real Academia Galega nos reduce á insignificancia.
Dende a fundación da Real Academia Galega as mulleres levamos xogando sen cesar a aquel vello xogo infantil das cadeiras. Sempre somos nosoutras as que quedamos sen asento. Corremos máis ca ninguén, temos méritos, valores, as mans desgastadas de tecer redes, os lombos fartos de cargar con moito máis ca a metade do ceo cada día. E, malia a isto, seguimos quedando sen cadeira.
Resulta indigno mesmo ter que sequera argumentar o inxusto e innobre desta situación. Nestas alturas da nosa historia non abondan as cadeiras todas da Rúa Tabernas para dar acubillo ás mulleres de tantas xeracións que teñen méritos máis que sobrados para ocupar o seu posto. As nosas voces diversas deben de ser escoitadas, as nosas voces transformadoras e críticas, aló onde a lingua se decide, aló onde se debate a súa supervivencia que é tamén nosa. Non queremos ficar máis excluídas da historia, non queremos que as escritoras e estudosas do futuro teñan que buscarnos, como fixemos nós coas nosas devanceiras, entre o cascallo condescendente das palabras dos homes ou nos fondos máis escuros das bibliotecas. Queremos estar aí porque é de xustiza. Porque nosoutras tamén facemos a lingua, porque nosoutras tamén a labramos, a tecemos, a enguedellamos ás vidas do cotián, ás vidas do grandioso, ás vidas propias e alleas. Moitas das nosas mans, ademais, están curtidas en traballos pola igualdade moito máis amplos, en estratexias e alianzas que a Real Academia necesita para chegar á sociedade.
Señores académicos, non queremos seguir xogando ao xogo das cadeiras. É hora de deixar de agardar. Cadeiras para as mulleres XA.

Ningún comentario:

Publicar un comentario