Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 8 de abril de 2011

Cousas que soan a galego

por Francisco Xosé Rei García, no Terra e Tempo. E aproveito a foto para poñela na foto-denuncia, que ben o merece.

Voltábamos estes días no grupo local da Mesa da Coruña, máis unha vez, sobre a sempiterna cuestión pendente da regaleguización do rueiro da cidade e a restauración e restitución das ducias de microtopónimos que, aínda non engolidos de todo polo cemento físico que nos impón o urbanismopost-moderno, malviven en distintas zonas da cidade abafados polo cemento, non menos daniño nin invasivo que o outro, da castrapización provinciana e acultural que inzou e aínda inza as nosas vidas. 

Máis en concreto, recordábamoslle ao alcalde Javier Losada o seu compromiso público de hai aproximadamente un ano, expresado a varios medios de comunicación, de que o rueiro sería modificado "progresivamente y con naturalidad". Por suposto, como é norma da casa nestes casos, o alcalde non incluía nese seu anuncio nin prazos concretos de execución da medida nin tampouco calquera "folla de ruta" que indicase, ou servise para saber, que nomes do rueiro serían modificados ou corrixidos, cales non e por que. 

Como era máis que previsíbel, un ano despois, a vida segue igual: a calle/rúa Villa de Lagesegue no seu sitio, desafiando as neuronas e o sentido común que se atreveren a aventurarse por alí e xogando coa paciencia das e dos abnegados veciños aos que, por razón de proximidade coa nosa morada, non nos queda outra que pasar por xunto a ela case a diario; a calle/rúa de Noya, relativamente próxima a á anterior, aí segue, compartindo veciñanza coas calles/rúas Puentedeume, Río Anllones ou Río Jallas, ben como coa máis ampla Avenida de Arteijo. Non son, por suposto, as excepcións: ben coñecida tamén é, por ser das máis transitadas, amplas e poboadas da Coruña, a Avenida de Finisterre, tradicional vía de entrada ao centro da cidade desde as terras bergantiñás e desde o outrora vizoso Couto da Coruña, leiras farturentas hoxe reconvertidas en polígono industrial de La Grela(sic) que, o que son as cousas, ameazan agora con substituír por emprazamento para grandes áreas comerciais, malia que no medio dos shopping center -que lle imos facer -emerxan polo de agora as molestas e imponentes chemineas da refinaría.  E aínda poderíamos falar de calles/rúas como Mellid, da plaza/praza de Orense ou das tamén moi castrapeiras e ben céntricas Rúa Nueva (sic), Rúa Alta e Rúa Ciega. 

Poderíase pensar que Javier Losada tan ocupado anda deseñando a súa Gran Coruña que nin tempo tivo a se ocupar destas cousas tan cativas. Mais o caso é que xa hai ben máis de dous anos que a Concellaría de Normalización Lingüística que dirixe a nacionalista Ermitas Valencia elaborou, en cumprimento das súas competencias (e, todo sexa dito de paso, da estrita legalidade), un inventario completo das denominacións viarias que non se axustan á lei e que, por tanto, deberían ser modificadas; inventario que, coidamos, debe de andar a durmir o sono dos xustos nalgunha gabeta da Alcaldía, como tamén a proposta de reposición dos nomes tradicionais da zona baixa da Zapateira (A Madosa, Penarredonda, Monte do Crego, O Escorial, Augaceiros, etc), hortera e unilateralmente substituídos aínda no mandato de Francisco Vázquez con nomes tan cosmopolitas (ou era cosmopailáns?) comoAvenida de Nueva York ou calles/rúas como Amberes, Boloña, Lisboa, París ou Londres. Neste punto, non deixa de ser digna de todo eloxio a iniciativa da Universidade da Coruña de recuperar, pór en valor e divulgar a toponimia tradicional dos lugares en que hoxe se asentan os campus de Elviña e da Zapateira, demostrando que, se hai vontade, moitas cousas son posíbeis. O que teríamos dado algunhas persoas por termos estudado no Campus das Mariñas Douradas, un dos fermosos microtopónimos da zona recollidos e recuperados...

Adoita ser lugar común -máis se cadra nestes tempos -que o galego é "cousa de todos" (e supomos que de todas tamén). Mesmo de quen non o tendo nin o querendo ter, apúntase á súa homenaxe unha ou algunhas veces ao ano. Ás persoas e colectivos que vivimos e queremos unha Coruña e unha Galiza na nosa lingua propia gustaríanos, no entanto, que o galego estivese no programa e no ADN de todas as forzas políticas -das grandes e das non tan grandes -que o vindeiro 22 de maio concorren ás urnas e andan estes días a nos pediren o voto. Sería toda unha noticia de normalidade lingüística (e política) que as persoas conscientes e orgullosas da nosa condición de galegas puidésemos escoller entre un abano plural sabendo que ningún dos nosos ou das nosas representantes nos vai tocar a lingua, en expresión escoitada ao noso admirado veciño Manolo Lourenzo. 

Porén, o que son as cousas da democracia plural e multipartidaria, a realidade teima en nos negar os nosos xustos desexos: un, que anda demasiado ocupado coa súa Gran Coruña como para se ocupar das cousas pequenas (sen se parar a reflexionar que se cadra as cousas pequenas son moitas veces mellores e máis fermosas); outro, o de apelidos máis galegos, preséntasenos xa de inicio como o máis desgaleguizado de todos e xa nos advirte: fóra a normalización lingüística, que non vale para nada, e dentro os topónimos acastrapados e os nomes e símbolos que honran e veneran á ditadura fascista na que algún dos seus coñecidos correlixionarios afirmaba que vivira "con gran placidez"; outro, aínda máis castrón que o anterior, di directamente de mudar a Concellaría de Normalización Lingüística pola de "Normalidad" lingüística, isto é, opta por facer da anormalidade, virtude. Aínda menos mal que o electorado coruñés e galegoconsciente ten algunha opción: a que estivo sempre; a que tivemos sempre. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario