CONTAN AS crónicas que dúas funcionarias da Delegación da Xunta da cidadede de Lugo se negaron a atender en idioma galego a unha cidadá que lles demandaba unha determinada información, e aínda por riba unha das dúas empregadas públicas, ademais de enxalzar alegremente ao ditador Franco, desexou a morte expresa do idioma no que escribiu don Ánxel Fole: "Pues si se pierde mejor", expresou —con ánimo sepultureiro— a traballadora administrativa do órgano colexiado do Goberno galego, que toma o nome da Xunta do Reino de Galicia creada en 1528.
Independentemente de que estas dúas altaneiras funcionarias contraviñesen ou tivesen quebrantado a lexislación autonómica, estatal e internacional —a administración competente debería tomar inmediatas medidas ao respecto—, o que chama de xeito moi poderoso a atención é a existencia, e neste caso con exhibición pública, do odio a un idioma, o galego, que ademais "é a lingua propia de Galicia", tal como recolle o noso Estatuto.
O odio que latexa na galegofobia, xunto coa "perigosa ignorancia" que a preside, devora o espírito da democracia e sitúase a un paso do fascismo
O odio aos idiomas, a min, francamente, sempre me resultou moi estraño e sospeitoso. E máis aínda cando este odio se proxecta sobre o idioma propio dun país, neste caso o noso, o "idioma proletario do meu pobo", tal como enunciaba Celso E. Ferreiro; o idioma popular da xente do común, traballadora, labrega e mariñeira, e tamén o idioma dunha literatura, dende a época medieval á contemporanea, de alta factura artística e recoñecemento internacional. ¿Por que hai xente, aquí e agora, como as funcionarias luguesas, que odian o idioma galego? ¿Por que ese sentimento de profunda antipatía, aversión ou repulsión que se acompaña do desexo de evitar ou destruír o obxecto de dito odio?
Eu coincido con certa liña de pensamento que afirma que a fonte do odio é unha forma antecedente do racismo ("racismo lingüístico", poderíase dicir aquí), pois a exclusión do outro, previa desvalorización e aversión, leva directamente ao odio. Ou como o que sinala o lingüista John Baugh cando sostén que o racismo incorpora sempre un aspecto lingüístico, pois os racistas cren que a súa lingua é sempre superior a aquelas que consideran "inferiores". E, obviamente, as funcionarias luguesas galegófobas ("Pues si se pierde mejor") consideran "inferior" o idioma galego. E o odio que latexa na galegofobia, xunto coa "perigosa ignorancia" que a preside, devora o espírito da democracia e sitúase a un paso do fascismo.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
sábado, 10 de marzo de 2018
O odio ao galego
por Miguel Anxo Fernán Vello en El Progreso:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario