Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 4 de marzo de 2018

Retos para un xornal en wolof… ou en galego

por Cheikh Faye, no Sermos Galiza:

Gústame ler cada día a prensa en papel. É a forma de ler que coñecemos a xente da miña xeración. Eu vin con esa costume do Senegal, e case desde que cheguei leo a prensa a diario. Ao principio tiña problemas para comprender os textos, pero a lectura axudoume a aprender o español. Eu leo a prensa nos bares, que é unha forma de estar con xente e combater un pouco a soidade. A lectura dos xornais tamén me permite estar ao día da actualidade galega, estatal e internacional. Así que para un inmigrante coma min os xornais teñen tres funcións: aprender a lingua para integrarme, sentirme parte dunha comunidade e da conversa, e estar ao tanto das cousas que pasan no mundo.


Cando viaxo a Senegal, unha das cousas que boto de menos é a lectura diaria dos xornais. Alí en Gade, na miña aldea, non hai bares nin chega a prensa. En xeral, en Senegal para ler a prensa tes que comprala e iso está ao alcance de pouca xente. En Gade escoitamos a radio e vemos a televisión. Os xornais tan só se distribúen nas cidades e chegan a unha clase social determinada. Aquí, en Galiza, en case todas partes hai bares e nos bares hai prensa que se pode ler tranquilamente tomando o café do día. A min gústame informarme do que pasa nos xornais porque o papel permite facelo de xeito máis reflexivo ca radio ou ca televisión. E tamén porque cando leo textos en español ou en galego párome e miro como se escriben esas palabras que as veces escoito e non sabería escribir de primeiras.


Agora din que vai haber un xornal en papel en galego: O Diario Galego. E penso no que suporía para a cultura e a educación de boa parte dos senegaleses que en Senegal houbera un diario en papel en wolof.

Un periódico en wolof permitiría unha mellora no uso do idioma. E de seguro que sería o xornal máis lido no país, porque o wolof é a lingua máis estendida e a máis utilizada. E porque non hai oferta ningunha de xornais escritos en wolof. Toda a prensa está en francés. Son xornais en xeral mediocres pola forma e polo fondo, que por riba empregan mal o wolof. Son descoidados co wolof, mesmo co francés. Gustaríame que o xornal en wolof reunira dúas condicións: a primeira, que estivera ben escrito e respectara a lingua; e a segunda, que tivera máis calidade cos periódicos habituais en francés. Estes son dous retos tamén para o xornal en galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario