Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 4 de marzo de 2018

A lingua galega na mocidade

por Víctor F. Freixanes, en La Voz de Galicia:

Andrea ten 15 anos, estuda derradeiro ciclo de secundaria nun colexio concertado en Santiago, gústanlle as ciencias sociais, aínda que non ten decidido cara a onde orientar os seus estudos futuros, no caso de que acceda á universidade, que de seguro accederá. A reflexión que reproduzo é súa, case que literal: «Nacín nunha familia galegofalante. Os meus país e os meus avós falaron e falan galego comigo. Pero cheguei á escola e dende o primeiro momento, xa dende moi pequeniña, decateime de que, na práctica, o galego non contaba, ou contaba ben pouco, nas relacións sociais, na comunicación cos mestres (con algunha excepción), no tempo de recreo no colexio, nos cómics, no cine, na televisión… O mundo, fóra da relación íntima cos meus pais, vivía e desenvolvíase en castelán, e os nenos e as nenas, no colexio, aínda que moitos estaban na miña situación, instalámonos entre nós tamén en castelán, porque era a lingua que mandaba. ¿Que podemos facer para que isto non suceda?».



E engade Andrea sobre a súa situación, xunto con algúns outros compañeiros que me visitan: «¿Que temos que facer para que a lingua galega, que nós sabemos que é a lingua do noso país, a lingua dos nosos pais e dos nosos avós, siga viva e medre arredor de nós?».

Cando Andrea di «arredor de nós» refírese á vida social (as vías de socialización que actúan alén da familia: a escola e os amigos fundamentalmente, que é onde se establecen as primeiras relacións da convivencia). Cando Andrea di «arredor de nós» refírese ás horas de recreo, a relación cos mestres, a programación do tempo de lecer, os debuxos animados, os xogos (incluídos os videoxogos), e cada vez máis, xa metidos na adolescencia: as redes sociais, o cine, a música, as primeiras discotecas, a prensa, a radio, a televisión, a sinalización das cidades, os escaparates das tendas, o consumo... Dende 1984 dispoñemos de medios de comunicación en galego (a CRTVG, coa radio e a televisión autonómicas), pero ¿que outras ofertas hai no dial, alén de meritorias propostas de radio local? ¿E os medios impresos? ¿Que oferta ten o cidadán que se achega aos quioscos de prensa, ou ás carteleiras de cine, nas plataformas dixitais da televisión, na música?

O recente estudo que presentamos dende a Real Academia Galega sobre a presenza/resistencia da lingua galega nesta segunda década do século XXI, di dúas cousas fundamentais. A primeira é que a lingua galega segue a ser a lingua maioritaria da nosa poboación, ¡aínda a xente maior está viva!; pero atención á segunda: a lingua perde aceleradamente falantes nos sectores máis novos, moi principalmente no ámbito urbano, que é onde se van deseñando e impoñendo os modelos de futuro. Sobre estes sectores de mocidade é sobre os que cómpre actuar, con vontade política, con recursos, con intelixencia e firmeza, con afouteza (outra vez a palabra), sen retórica e sen cortinas de fume, que ao final son demagoxia e ruído.

Ningún comentario:

Publicar un comentario