por Miguel Anxo Fernán Vello, no Sermos Galiza:
No ano 2015 faleceron en Galiza 31.403 persoas, a maioría delas galegofalantes, e só houbo 19.346 nacementos. Por outra banda, como é ben sabido, nos últimos anos volveu caer sobre nós a sombra da emigración, e entre 2009 e 2015 máis de 142 mil persoas, todas elas menores de 35 anos e con coñecemento da lingua propia, abandonaron o país.
¿Como é que pode desaparecer un idioma? ¿Como podemos saber se unha lingua está en perigo de desaparición? A UNESCO teno claro. Son varios os factores que se identifican para podermos falar de “Linguas en Perigo de Extinción”. E entre estes factores están a transmisión do idioma dunha xeración a outra, a proporción dos seus falantes con respecto á poboación total, a actitude dos membros da comunidade de falantes cara ao seu propio idioma e a actitude ante o idioma e a política lingüística das autoridades gobernamentais e as institucións, comprendida a cuestión do seu recoñecemento e usos oficiais, ademais da alfabetización no idioma e o ensino regrado do mesmo.
Recentemente a Real Academia Galega alertou de algo que calquera observador pode palpar no día a día: que a xente nova fala cada vez menos galego e que o idioma se está deixando de transmitir de pais/nais a fillos/fillas. O uso do galego, informa a Academia, diminúe a gran velocidade nas áreas urbanas e periurbanas, sobre todo nas bisbarras de Vigo e A Coruña. E a RAG acaba por reclamar, diante de tal escenario dantesco para o idioma, unha acción eficaz e iniciativas máis ambiciosas por parte do Goberno da Xunta e do conxunto das institucións galegas e dos distintos axentes sociais.
¿Iniciativas máis ambiciosas por parte do Goberno da Xunta? Xulguen vostedes. Xusto o pasado ano o PP (Xunta de Galicia) bloqueou no Parlamento unha Iniciativa Lexislativa Popular, promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística e apoiada por numerosos colectivos e organismos, para desenvolver e garantir o uso do idioma galego no ámbito da empresa, o traballo e o consumo. O PP de Galicia, a Xunta de Galicia e o presidente Feijóo, hai que dicilo con toda claridade, están abertamente en contra do idioma galego. Non hai moito expresouno doutro xeito Víctor Freixanes, presidente da RAG: “Nas eleccións nas que chegou o PP ao poder (2009), o galego vendeuse por un prato de lentellas”.
Fronte á insensibilidade e “frialdade” (sociopatía e trazos etnocidas) do PP con respecto ao “idioma propio de Galiza”, os axentes activos da política, da cultura e da sociedade galega sensíbel ao problema —unha ampla maioría— deberían fixar unha liña estratéxica común para, democraticamente, desaloxar do poder a un partido político na Xunta de Galicia que (cousa nunca vista en ningún país do mundo) atenta contra o idioma propio e a cultura propia do mesmo país que goberna. A sociedade galega na súa maioría, culta, madura e democrática, non pode permitilo. Traballemos, pois, para que cese o lingüicidio e o etnocidio. Está nas nosas mans.
Ningún comentario:
Publicar un comentario