O único artigo prescritivo da Lei de Normalización Lingüística (Lei 3/1983) é o que estabelece como única forma legal dos topónimos galegos a súa xenuína, isto é, a galega, xa que á lingua galega pertencen. É por isto deplorábel que, en pleno século XXI, se discuta ou deforme o que unha lei que cumpriu 35 anos de vixencia -que non de aplicación- estipula verbo dos nomes de lugar galegos, orixe, en tantos casos, dos antropónimos correspondentes. Que unha institución académica española, como a RAE, ditamine que tal principio básico poda ser vulnerado, apelando ao artificio dunha adaptación «grafofonolóxica» ao español (!) mostra ás claras até que ponto as mínimas verdades histórico-filolóxicas poden ser alteradas en nome do imperio do idioma oficial do Estado, o español, con capacidade auto-atribuída do «ordeno y mando» sobre as linguas diferentes que están baixo o xugo da mesma estrutura política. Os académicos da RAE -entre os que se contan significados galegos, a comezar polo seu director- semellan ignorar evidencias flagrantes: tan galegos son topónimos como Celanova, Pontevedra, Chantada, Pazos, Barallobre ou Faramontaos como Sanxenxo, Rianxo, Teixeiro ou Chandrexa de Queixa. Os primeiros mencionados sobreviveron á vaga españolizadora porque, aínda sendo exóticos, podían figurar como admisíbeis no español. Os segundos posúen un fonema inexistente neste idioma. O que se practicou con eles non foi unha tradución: foi a ortopedia forzosa de adaptación á lingua española, isto é, a súa barbarización, que os converte nun híbrido indixeríbel. Como é que, en nome desa suposta adaptación, a RAE non considera lexítimos chou (inglés show) ou Yeneralitá (catalán Generalitat), xa que esa é a fonética común dos español-falantes, meios de comunicación incluídos?
O galego é unha lingua milenaria e os nomes dos nosos lugares pertencen a unha historia que non pode ser alterada a capricho dunha autoridade académica entregada a intereses nada académicos: a potestade omnímoda de mandar non só na súa lingua, senón nas que pertencen a sociedades diferentes, coa súa lingua específica. Tal operación vén de vello, moitos anos antes do franquismo (aí acerta a RAE, non hai máis que examinar o dicionario de Madoz, 1845): a lingua é o espello dunha dominación política que se vale dela para selar a subordinación galega, a falta de autonomía mínima, sequer sexa para chamármonos como os nosos antepasados crearon e consolidaron, na maior variedade toponímica de toda a Península. Sirva un só exemplo da cidade da Coruña: a chamada oficialmente «Avenida de la Marina» (escudo da Armada española incluído ) é, na realidade, a Mariña, isto é, a ribeira, o que antano -antes do recheo- foi costa e areal coruñés. Teremos respeito dunha vez pola nosa historia e polo noso ser?
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
mércores, 27 de xuño de 2018
Toponimia galega
por Mª Pilar García Negro, en La Voz de Galicia:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario