comunicado de ProLingua, no seu portal:
Os pasados días 5 e 6 de xuño, a Real Academia Española publicou uns chíos na súa conta cos que respondían a unha pregunta dunha usuaria sobre a forma correcta do topónimo correspondente ao concello galego situado entre Poio e O Grove: “La grafía es “Sanjenjo” (sic), mientras que “Sanxenxo” es la grafía en gallego”. Ante a falta de ortografía que cometera a propia RAE, o día 6 corrixía: “Este topónimo tiene en español la grafía “Sangenjo”.
Fóra dunhas escuetas declaracións dalgunha autoridade cultural galega recollidas en prensa, botamos moito de menos unha firme e contundente declaración oficial en favor dos topónimos galegos por parte das autoridades políticas (Xunta de Galicia), académicas (RAG e ILG) e culturais (CCG) do noso país. Estas institucións non teñen nada que lle dicir á Real Academia Española? Pois deberían, porque polos criterios anacrónicos desta RAE estanse a guiar os medios de comunicación españois, e de aí que nos últimos tempos nos volvan a sangrar os ollos cando vemos en pantallas televisivas “Ginzo de Limia”, “Arteijo”, “Piedrafita del Cebrero” e barrabasadas polo estilo, que nos lembran o máis rancio franquismo e que criamos anuladas desde a entrada en vigor da Lei de Normalización Lingüística en 1983 (hai 35 anos !!!).
Por esta ausencia de declaracións oficiais contra esta reespañolización decretada pola Real Academia Española das faltas de ortografía, a asociación cívica e apartidara en defensa da lingua galega ProLingua, reitera os seus argumentos expostos en comunicados anteriores:
1.- A RAE ditamina que, agás en textos oficiais, “donde es preceptivo usar el topónimo gallego como único nombre oficial aprobado por las Cortes españolas, en textos escritos en castellano debe emplearse el topónimo castellano”, co que se establece un estraño e paralegal uso de dobres formas cando o Parlamento de Galicia por unanimidadee oficializou para os topónimos galegos unha única forma, a galega, e o mesma faría anos despois o propio Congreso dos Deputados de España. As formas legais son as galegas, pero a RAE teima ilegalmente por motivos ideolóxicos nas formas acastrapadas.
2.- Na Ortografía de la lengua española (2010:642) da RAE, ao referirse á toponimia das zonas españolas denominadas “bilingües”, considérase que “los hispanohablantes pueden emplear, siempre que exista, la forma española de estos nombres geográficos, y transferir aquellos topónimos que posean una expresión única, catalana, gallega o vasca”, que se exemplifica con Pasó la mayor parte del verano en Sangenjo, pero tuvo tiempo para visitar Bilbao y llegar hasta Gerona. Idéntica recomendación pode verse en El buen uso del español (2013:220), tamén da autoría da RAE, e cos mesmos exemplos de Sangenjo, Bilbao e Gerona.
3.- Porén, no tratamento dos exónimos, a RAE considera que se a forma “tradicional” española correspondente a un topónimo noutra lingua xa non se usa ou pasou a considerarse politicamente inadecuada, esta situación forza a que se reemprace coa forma local do topónimo, proceso que a propia Academia considera irreversible cando esta última se asenta como preferida, como ocorre con Bremen (antes Brema), Ankara (antes Angora) ou Maastricht (antes Mastrique). A RAE recoñece que nos medios de comunicación se están a espallar exónimos que difiren dos tradicionais en castelán (Mumbai por Bombay ou Beijing por Pekín), pero considera que só se debe adoptar a nova forma cando sexa un verdadeiro cambio de nome, “fruto de una decisión política de carácter oficial”, como San Petersburgo por Leningrado ou Sri Lanka por Ceilán.
4.- Consonte este tratamento que se lles dá aos exónimos cunha forma tradicional “politicamente inadecuada” e tendo en conta que houbo “decisión política” para cambiar oficialmente os nomes de lugar galegos que foran deturpados, pedímoslle novamente á Real Academia Española que revise os seus ditames e recomendacións sobre a toponimia galega (e tamén a catalá e a vasca), porque tanto se unha persoa elabora o discurso en castelán como se o fai en francés, en alemán ou en galego deberá dicir que o Miño pasa por Ourense, que Pardo Bazán naceu en A Coruña e Castelao en Rianxo, e que o ex-presidente pasará o verán en Sanxenxo.
5.- Pedímoslle á RAE que recomende transferir á lingua castelá topónimos galegos coma os acabados de citar, e tantos outros hoxe oficialmente recuperados, e que se consideren desusadas, anticuadas e politicamente inadecuadas castelanizacións e deformacións como Orense, La Coruña, Rianjo, Arosa, Sangenjo, El Cebrero e outras moitas formas, e que estas recomendacións llelas faga chegar aos medios de comunicación, universidades, organismos administrativos centrais e autonómicos etc.
6.- Por outra parte, en moitos mapas e atlas virtuais e impresos editados para todo o mundo desde hai anos (Guía Michelín, Google Maps etc.) as únicas formas que aparecen son as autóctonas e legais galegas: Ourense, A Coruña, Rianxo, Sanxenxo, Arousa etc., polo que non damos comprendido esa teima a contracorrente e paralegal da RAE se non é por motivos estritamente ideolóxicos e extralingüísticos.
Xa que logo, Prolingua, plataforma apartidaria a prol da lingua galega, pídelle á RAE que non vogue cara a atrás e que respecte a toponimia autóctona galega (non tan diferente como para provocar descoñecemento nun hispano falante) e que recomende o seu respecto nos manuais de estilo dos medios e das editoriais, e aos responsables de universidades, forzas de seguridade, wikipedia española, administracións públicas etc.
Asemade, ProLingua, fai un chamamento á Real Academia Galega e así mesmo ás institucións e colectivos de defensa da lingua, á Secretaría Xeral de Política Lingüística, á Xunta de Galicia, aos partidos políticos (con ou sen representación no Parlamento) e ás persoas que traballan pola dignificación de Galicia e pola recuperación dos seus sinais identitarios (e a toponimia é un deles) para que se dirixan á Real Academia Española e lle esixan que reconsidere os seus ditames sobre a toponimia galega, que vogue na dirección dos tempos e que respecte e faga respectar a legalidade, porque nin Sanjenjo nin Sangenjo son formas lexítimas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario