Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 3 de xullo de 2014

Corazóns, cabezas, bocas

por Nel Vidal no Sermos Galiza:

Tantas veces teño calado o meu desacordo como veces teño escoitado que o que nos fai falta para mellorar no proceso de normalización lingüística son máis mans que traballen.
Que se necesitan máis mans? Sempre, claro. Que o que se necesitan son máis mans? Oxalá. Ese “o” sería determinante para simplificar moitas cousas. Porque..., que queremos que fagan esas mans?

Veume á cabeza isto estes días, entre outras cousas, porque seica varios círculos de Podemos estaban a escoller o castelán como lingua de comunicación da organización. Si, si, escollendo o castelán, a lingua que a “casta” nos impuxo! E xa desde hai un tempiño vimos vendo tamén como está habendo movementos sociais, grupos cidadáns reivindicativos, organizacións cívicas, etc., que se expresan cada vez máis en español... E queremos que todos estes movementos, grupos, organizacións e persoas se unan ao fomento do galego, verdade? Pois, se o queremos, teremos que procuralo coas mensaxes, complicidades e actitudes axeitadas.
Que xente que, en principio, quere traballar pola xustiza social, e participa activamente nun movemento político, escolla o castelán como a lingua na que quere visibilizar o seu discurso e traballo, tennos que facer reflexionar ás persoas e movementos que traballamos polo galego.
Que estamos a facer mal para que nin esas persoas que queren traballar pola xustiza social entendan que a normalización lingüística é o xusto? Onde fallamos para que nin sequera quen procura a equidade entenda que o fomento do galego forma parte das necesarias políticas de igualdade? Que non facemos ben para que non se entenda que a nosa lingua precisa medidas compensatorias, similares, por exemplo, a que pague máis quen máis ten, ou ás políticas para a igualdade e empoderamento das mulleres?
Por que non nos entenden, non? Por seren ignorantes? Féridos e duros? Imbéciles e escuros? Ou porque non atinamos coas mensaxes, accións, implicacións e empatías?
Os motivos poden ser moitos, pero entre eles teremos que ver tamén cales son os erros nos discursos a prol da normalización lingüística, cal é o obxectivo e a efectividade das mensaxes que lle lanzamos á sociedade, ás persoas. Pois creo que non todos os problemas son de altofalantes, nin de mans, nin alleos a nós.
As mans non sobran, non. Nunca sobran. Mais o que necesitamos, creo, son máis corazóns, cabezas e bocas. Máis emocións, ideas e mensaxes. Amor, mente e desexo. Empatía, imaxinación e lingua.

Ningún comentario:

Publicar un comentario