Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 20 de xullo de 2014

COMUNICADO DO SUG SOBRE AVALIACIÓN DO DECRETO 79/2010 XULLO 2014

Comunicado das Universidades galegas sobre avaliación do decreto para o plurlilingüismo:


Perante os estudos e opinións coñecidas nos últimos días sobre a escasísima presenza do galego como lingua vehicular do ensino non universitario no ámbito urbano, as tres universidades galegas, membros da Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística (CIPL), queremos manifestar o seguinte.
Todas as universidades galegas propuxemos na xuntanza da CIPL do 19 de xuño do 2013 abrir un diálogo coa Xunta para actualizar o Decreto 79/2010, do 20 de maio para o plurilingüismo no ensino non universitario, como consecuencia da anulación xudicial de varios dos seus preceptos.
Entendíamos daquela que era precisa esa actualización para garantir o cumprimento dos pronunciamentos xudiciais, e tamén parar cumprirmos os obxectivos normalizadores marcados pola Lei de Normalización Lingüística de 1983, o Plano de Normalización Lingüística aprobado polo Parlamento en setembro de 2004, ben como a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias.
Concretamente, as tres universidades considerábamos que os nosos equipos de investigación poderían contribuir decisivamente, desde a independencia e alta cualificación técnica da que dispoñen, á avaliación seria, transparente e rigorosa dos resultados da aplicación do Decreto. Esta avaliación está prevista na disposición adicional quinta do propio Decreto 79/2010 como paso previo á súa actualización.
En tal sentido, propuxémoslle á Xunta de Galicia a constitución dunha comisión mixta de traballo.
Porén, non recibimos resposta até o día de hoxe.
Consideramos que as razóns que nos levaron en 2013 a ofrecer a nosa leal colaboración institucional á Xunta de Galicia para avaliar cientificamente o cumprimento da legalidade vixente son a día de hoxe ainda máis prementes, vistos os síntomas de aparente retroceso que experimentou o uso do galego no nivel máis decisivo (educación infantil e primaria) para unha correcta formación das novas xeracións de nenos e nenas na nosa lingua propia.
Non poden existir motivos para que o goberno galego incumpra a obriga de avaliación que establece a propia legalidade vixente. Ningunha política pública pode construirse seriamente sen unha científica e transparente avaliación dos resultados derivados da súa aplicación, polo que reiteramos de novo a nosa oferta de colaboración institucional á Xunta de Galicia neste ámbito.
A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, a 18 de xullo do 2014

Os responsables de normalización lingüística das Universidades da Coruña, Santiago e Vigo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario