Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 6 de xullo de 2014

Castelao

por Francisco Rodríguez, no Sermos Galiza:

Un non sabe como comezar para dar conta da magnitude da ocultación, a destrución e a ignorancia desprezativa que soportan a figura, a obra e a traxectoria política de Castelao, no marco da xa de por si marxinal e desprezada cultura e historia da Galiza. Só é comparábel á súa magnitude e importancia obxectivas como manifestación artística, cultural, intelectual, ideolóxica e política, que ten como referencia o pobo galego e expresa unha perspectiva galega do mundo. Manifestación e expresión, en moitos aspectos, antitéticas ás dominantes na cultura española da época, como é lóxico, pois se afirman no que esta trata de negar, combater ou ignorar. De entre todos os membros da Xeración de 1916, Castelao é o seu cumio máis sobresaliente, pola súa ocupación multifacética, a calidade da súa obra e a exemplaridade da súa contribución á causa do nacionalismo, que é como dicir á causa dunha Galiza consciente, digna e liberada. Hai moitas figuras senlleiras e mesmo proteicas nesa Xeración, pero ningunha reúne tantos aspectos diversos compaxinados de forma que o resultado puider acadar un valor simbólico tan claro como o de Castelao. Após Rosalía, é a figura e a obra más emblemáticas da cultura galega e, digámolo xa, a que encarnou mellor o esforzo do que debemos entender como política ao servizo de Galiza. É moito dicir no contexto dun período histórico, o da Primeira Grande Guerra, no que se produce, por fin, unha literatura nacional galega plenamente unilingüe e se asentan as bases para contarmos cunhas artes plásticas propias do país. Son manifestacións de mudanzas cualitativas que van parellas ás grandes mobilizacións agrarias a prol da redención ou abolición dos foros e aos intentos de autoorganización nacional, como As Irmandades da Fala (1916) ou a Asemblea Nacionalista de Lugo (1918).

E no medio de tanta mesquiña ignorancia e ocultación oficiais, o novo Rei Filipe VI enfía o seu nome cos de Espriú e Aresti na súa obrigada, cativa e estereotipada alusión á variedade lingüística e cultural de España. Como entendelo? Hai só dúas posibilidades: desleixo oportunista con desconsideración total ou afán de confundir e destruír. Mesmo as dúas poden ser complementarias. Simplemente botaron man do nome máis sonoro do século XX, dándoo por poeta, malia non selo, como o catalán e o vasco citados, nin da posguerra franquista. Por certo, homologación que deu por boa toda a prensa española e conspicuos catedráticos de Universidade, dando así unha proba do descoñecemento total da cultura e da literatura galega, e da súa historia contemporánea. Velaquí a outra intencionalidade só para galegos: recorrer ao nome do escritor, pintor e político, emblemático da tradición nacionalista, para baleiralo de significado, anulalo na súa intencionalidade e situalo no limbo do superado pola historia, afondando así na confusión, desnorte e desvalorización da sociedade galega por ela propia. Os asesores áulicos non recorrerían nunca aos nomes de Maciá ou Companys, Aguirre ou Telesforo Monzón, ben menos radicais e revolucionarios que Castelao. Hai a posibilidade de que, conscientemente, coñecedores da ignorancia inducida, do desprezo alimentado, aproveitasen para contribuíren ao labor de desmantelamento e aniquilación dos nosos valores culturais, do seu sentido simbólico e da súa nidia indicación de camiños alternativos aos de España.
Sospeitosamente, a faena foi completada polo tan cínico como inefábel, debido á protección mediática, Feixóo. Co gallo da entrega das medallas Castelao –nunca tanta apropiación indebida padeceu o seu nome como nestes máis de trinta anos de autonomía-, o Presidente da Xunta, personificación do desleigado e renegado en estado sublime, man en peito incluída, agradeceu o detalle do Borbón, o de ter invocado o nome do noso artista, escritor e político. Esa cita desleixada, e sen custe algún, converteuna nun acto de xustiza, reducida así a un recoñecemento cínico e paternalista que a nada obriga. Que mesmo permite máis tarde a desconsideración e a aniquilación violenta. Xustamente o que vén facendo o Presidente da Xunta e o seu Goberno con Castelao. A súa obra plástica está sen catalogar, maltratada, oculta, só de forma mínima exposta ao público. Nin a ampliación do Museo de Pontevedra, en mans da Deputación, nin a Cidade da Cultura –baleira de contidos—serviron para a súa pasmosa obra artística poder ser contemplada polos seus lexítimos destinatarios, en primeiro lugar, o pobo galego, e despois quen ama a variedade de pobos e culturas e desexa achegarse a elas con afán de coñecemento. Non se explica este pertinaz desleixo, desprezo e inimiga máis que se teñen claro que hai que ocultala, amordazala e deixala podrecer. Calquera outro país tería feito desta obra un símbolo cultural de primeira orde pola súa valía, para os de dentro e para os de fóra.
Afectación servil
O Presidente da Xunta, coa acostumada afectación servil con España e co seu monarca, desenvolveu o que estaba implícito como intencionalidade no discurso rexio. Non contento coa desconsideración reducionista, implicitamente o poeta Castelao, agravouna, con descaro, converténdoo nun inocuo galeguista e autonomista, vítima por casualidade dunha historia, tan inventada e invertida na súa narración, que arrepía: nin golpe militar nin represión, nin asasinatos en masa, nin exilio…A actual monarquía é tan seráfica e caída do ceo que non ten mancha nin pecado orixinal. Por iso, o inefábel protexido alude a ela como unha monarquía feudal, de dereito divino. Filipe VI tería actuado como instrumento da xustiza invisíbel (a de Deus?), cando graciosamente pronunciou o nome de Castelao. Unha profanación a mantenta convértese así en mirífico acto de redención. Porque xa se sabe que nada galego ten valor se non se recoñece desde España. O malo é que non lles ten custe algún, non gastan un peso e inoculan resignación e mansedume suicida. “Hai moitas formas de ser español, e unha delas é ser galego”, velaí o último reclamo publicitario de Feijóo. Quérese dicir por ser español o que nos boten!!!
O discurso rexio intentaba con eufemismos ocultar a xerarquización e opresión das linguas e culturas que non son a española, co recurso ás consabidas frases ocas do dialogo e a convivencia. Coa nosa lingua e cultura non hai dialogo nin convivencia por parte dos poderes do Estado. A Xunta de Galiza, ao servizo dos deseños externos máis aniquiladores e opresivos para garantir a unidade de España, tense envorcado, con perseveranza, na destrución ou desprezo de calquera protección legal para o noso idioma. Non hai legalidade prescritiva que nos permita vivir como galegos e galegas con dereitos lingüístico no propio país. Para a Xunta non hai nin cultura nin pobo galego, a non ser como exaltación emocional momentánea, como alarde culinario ou como protocolaria, controlada e inocua cabriola oficialista. A súa obsesión é xustamente a que o discurso filipino intenta agachar, a dunha “España unida” que persegue sen descanso unha “España uniforme”. Aproveitando a nosa fraxilidade e temendo a nosa potencialidade, decidiron arremeter, con especial incidencia e impacto, no pobo galego, desprotexido e desamparado. Hai que lograr a súa asimilación rápida e violenta até a caricatura. Non vaia a ser. Para iso non hai outra que usar a autonomía como unha delegación do Goberno de España, presumir de ser e actuar como súbdito obediente e alumno avantaxado das ordes e ditados da Corte.
Caricatura do gobernante cínico
É difícil imaxinar maior esperpento que o de Feixóo aproveitando a cita real para repenicar, para consumo doméstico, afondando na mentira, na manipulación, na confusión a mantenta. Co seu característico cinismo de gobernante que se permite a aparencia de ser flegmático, pois se sabe protexido mediaticamente até o delirio interesado, cita e aprópiase de nomes e traxectorias ás que ignora, despreza e fai todo o posíbel por ocultar e destruír na práctica. Se o pobre Castelao levantar a cabeza ficaría abraiado e algo horrorizado, el tan ácido no seu humorismo e tan bo de corazón, tan piadoso co caído como rexo e digno cos poderosos. Vería esta autonomía como o resultado lóxico dunha transición fraudulenta e como unha entelequia derivada da esencia centralista de España. Arrepoñeríase contra a ousadía españolista, agresiva, que se permite co propio país nada menos que quen pasa por ser o seu presidente. E ficaría algo perplexo perante o nulo respecto e a desconsideración polo esforzo, a traxectoria dos devanceiros que nos abriron o camiño para sermos algún día un pobo digno e consciente, mentres se usa e manipula o seu nome de forma tan noxenta polos que queren manternos como un pobo submiso e asimilado. Porén, non morrería de mágoa, senón que faría unha caricatura do gobernante cínico que, con tanta protección mediática, pretende sumir o pobo galego na indignidade, acabar con toda aspiración a existir como tal. Nesa caricatura algún risco sinalaría a covardía e a inmoralidade intelectual que nos abafa, as secuelas da ignorancia sobre a cultura do país, que nos invalida deixándonos indefensos.

Porque cabe que moitos destinatarios da obra de Castelao, hoxe máis que nunca, a ignoren ou acabasen por desvalorizala, pois nada noso é para tanto. Glorioso resultado, após máis de trinta anos de autonomía, monarquía, unidade de España, sabiamente orientadas aquí, tamén desde dentro, a aniquilar a conciencia de Galiza como pobo, desde logo, non a desenvolvela. Todo adobiado en paralelo cun proceso de desmantelamento produtivo, de retroceso demográfico e lingüístico, únicos, específicos e sen comparación en toda Europa. A propósito de Castelao, faríamos ben, perante espectáculo tan indigno, sublevarnos, concretamente esixindo que se permita ver a obra do invocado Castelao, que se acabe coa súa censura e ocultación como artista, dedicándolle o merecido espazo público no que se poda contemplar obra tan abundante, variada, historicamente significativa e artisticamente tan orixinal e valiosa. Non faltan as infraestruturas adecuadas, hoxe baleiras ou mal utilizadas. Faríamos ben en esixir o coñecemento da súa obra literaria, artística e política no sistema educativo. Faríamos ben en coller folgos contra a falta de autoestima e a desconsideración do propio, citándoo como fonte de inspiración política e como orientación ou punto de partida para cavilar e enfrontarnos ao futuro. Moito podemos tirar das experiencias e análises dos que viviron o pasado, como el fixo, con auténtico afán de servir o país, Galiza, e termos dereitos e dignidade como pobo…Ten moito que nos dicir e moito que nos suxerir. Moito para nos galvanizar e protexer fronte aos poderes fácticos desta España imperial tan decadente, como agresiva e intolerante, por moito que intente vestirse con pel de cordeiro, co gallo dalgún fasto de farsa e retórica. Castelao sintetizaríao nunha caricatura incisiva, desvelaríao analiticamente nun ensaio breve e denunciaríao politicamente co seu verbo cálido. E mesmo cavilaría na posibilidade de escribir unha novela curta, que superase en ironía e carraxe crítica O porco de pé de Risco, para desentrañar a natureza verdadeira do inefábel Presidente Feixóo. Entón seguro que sentiría unha fonda dor e tristura moral e física polo que representa tanta servil agresividade desde dentro do propio país.

Ningún comentario:

Publicar un comentario