Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 26 de xullo de 2014

Día de Galicia e o galego na igrexa (25 xullo 2014)

por Manuel Cabada Castro en Tabeirós Montes

Con motivo da celebración conxunta hoxe da festividade de Santiago Apóstolo e do Día de Galiza, é case obrigado que lembremos algunhas cousas sobre a importancia de que a nosa igrexa galega, é dicir, tódolos cristiáns galegos, saibamos incardinarnos ben na terra e no país no que, pola graza de Deus, nacemos ou vivimos.Nesta incardinación pode haber deficiencias. Por unhas ou outras razóns, que sería longo enumerar, esas deficiencias existen e debemos ser conscientes delas. Mais penso que o máis importante é que deberiamos aprender a ver esta incardinación en continuidade e como consecuencia da incardinación ou encarnación que Deus mesmo fixo de si no mundo, facendo nacer e vivir ó seu fillo Xesús nun país, nunha cultura e nunha lingua concretas. Polo tanto, a encarnación da Igrexa na cultura e lingua de Galicia témola que ver como unha esixencia da mesma fe nosa nun Deus que se encarnou.No próximo ano, 2015, cumpriranse ó mesmo tempo o primeiro centenario do nacemento do P. Seixas en Santiago e tamén os primeiros cincuenta anos da celebración, neste mesmo día do mes de Santiago e en Santiago, da primeira misa oficial en galego de tódolos tempos, que o mesmo P. Seixas tivo o honor de celebrar. Unha misa que se celebrou, como ben podedes ver, con moitísimo atraso, se temos en conta que a lingua lingua galega se fala na nosa terra desde hai moitos séculos.
Foi o último concilio ecuménico da Igrexa, o Vaticano II, o que abriu por fin a porta á utilización na liturxia das linguas chamadas vernáculas, é dicir, das faladas pola xente aínda que por razóns de tipo político ou de calquera outro xénero non tivesen a categoría de oficiais. Aínda así, a nosa lingua galega tivo que esperar varios anos ata a súa introdución no uso litúrxico da Igrexa. Houbo daquela moitas protestas por esta inxustificada demora, ata que por fin, o 7 de xaneiro de 1969 se aprobou en Roma o uso litúrxico da lingua propia do noso país tras moitos esforzos individuais e colectivos a prol dela.
Chovía en certo modo sobre mollado. Xa a mediados do século XVI, o Concilio de Trento acordara que, aínda que a misa se seguise dicindo en latín, se lles dese cabida nela ás linguas vernáculas ou populares para explicar ós asistentes o que alí se estaba a facer. Pero tamén daquela nesta sufrida terra nosa se decidiu contra toda lóxica que a lingua vernácula de Galicia era o castelán. Por iso os galegos, sorprendentemente, non puidemos dispoñer ata hai moi pouco de oracións ou catecismos escritos na nosa lingua. Os catecismos imprimíanse en castelán e a doutrina e mailas oracións básicas ensinábanse tamén en castelán, contra o que o Concilio de Trento pedira.Despois do Concilio Vaticano II, celebrouse en Galicia durante toda a década dos anos 70 o chamado Concilio Pastoral de Galicia. As disposicións concretas deste Concilio Pastoral galego parten do suposto básico da necesidade de identificarse coa propia cultura dos destinatarios da mensaxe liberadora do evanxeo en canto “boa nova”. Dise alí, por exemplo: “Este Concilio Pastoral pídelles ós cristiáns de Galicia que a súa acción se encarne nos valores naturais, humanos e culturais da Rexión e que, xunto con todo o pobo galego, os desenvolva cando son expresión da súa personalidade, riqueza e liberdade. Isto levaraos a rexeitar toda forma de colonialismo e a proclamar o dereito á lexítima liberdade en tódolos seus niveis e a decidir o seu destino”. E incluso se engade alí: “O Concilio Pastoral de Galicia pide que a autoridade pública, lonxe de determinar o carácter propio da cultura galega e, máis aínda, de oprimila, favoreza tódalas condicións e medios para soerguer a vida cultural propia do pobo galego, fundamentalmente a súa lingua”.
Por iso, e isto tócanos xa directamente a nós, dise aínda nun dos textos conciliares: “O CPG pídelles a tódolos cristiáns, Bispos, Curas e Leigos, cadaquén segundo a súa específica misión, que participen na promoción da lingua galega, por ser un valor humano que está asociado coa liberación do home galego e, por tanto, coa evanxelización”.Polo tanto, este Concilio pídenos a tódolos cristiáns máis “encarnación”. Do mesmo modo que Deus se encarnou no concreto Xesús da historia.
Teremos. pois, que pregarlle hoxe ó noso Padroeiro, o Apóstolo Santiago, o “fillo do trono”, que nos dea ímpeto civil e relixioso para facermos de Galicia unha realidade xusta e libre, conforme ó espírito que recibimos do Evanxeo. Unha realidade ben encarnada na súa propia historia, na súa cultura, na súa lingua.Dicíavos hai un momento que no próximo ano 2015 se cumprirán os primeiros cincuenta anos da primeira misa en galego, acontecemento de primeira magnitude na historia da igrexa galega. Pola miña parte aproveito esta ocasión para facer tamén unha curta alusión a outro cincuentenario que persoalmente celebro tódolos anos con agradecemento a Deus. Xustamente tal día coma hoxe, no ano 1963, hai polo tanto xa cincuenta e un anos, fun ordenado sacerdote xunto con outros 14 xesuítas de diversas nacionalidades (ademais doutros tres relixiosos: un bieito, outro franciscano e outro cisterciense) polo bispo tirolés da cidade austríaca de Innsbruck. Un dos xesuítas que comigo recibiron a ordenación era o valisoletano Segundo Montes e foi fusilado en Centroamérica pola ditadura militar non hai aínda moitos anos xunto co máis coñecido Ignacio Ellacuría. Fomos ordenados no día de Santiago Apóstolo porque no día seguinte, o día 26, era a festividade de santa Ana, padroeira de Innsbruck, e neste día se celebraban tradicionalmente as primeiras misas ou misas novas dos ordenados no día anterior. Os tiroleses e tirolesas viñan en masa a participar nese día nestas misas, ás que lles tiñan moita devoción.
Andando o tempo, funme dando conta do ben que cadrou para min esa data ó estar tan relacionada para nós os galegos coa defensa e exaltación da nosa terra. E fago aquí, finalmente, alusión a esta anécdota persoal, vital e espiritual, miña para así podervos rogar que lle deades hoxe grazas comigo ó noso Deus polo don sacerdotal recibido neste día. Moitas grazas!

1 comentario:

  1. Completamente dacordo, mágoa que sigamos sendo sinalados por promocionar o galego na igrexa e tamén a igrexa en galego, persoalmente sinto que me miran raro tanto os curas coma os galeguistas, pero eu sigo coa teima: "Deus fala galego".

    Eu intento poñer o meu gran, sobre todo facendo material de traballo en galego e pedindo na igrexa polo rural... inda que son de cidade e "neofalante", muller e profe en paro de máis de 45, unha xoia... (http://xanostesaqui.blogspot.com.es/)

    Unha aperta desde Ponteareas ;)

    ResponderEliminar