por Xosé María Lema, nas Voces de Prolingua:
Contra 1960 os flamengos decatáronse de que a fronteira lingüística fixada nos anos trinta non era tan fixa, e eran os neerlandófonos os que perdían terreo co paso dos anos. Con certa periodicidade facíanse novos censos de poboación, e se a maioría falaba maioritariamente outra lingua nunha localidade concreta, a fronteira movíase. Os feitos demostraban que arredor de Bruxelas o francés era a única lingua que avanzaba: era «a mancha de aceite francófona» que penetraba no territorio flamengo. Como solución, optouse por prohibir os censos para sempre e manter a fronteira fixada nos anos trinta.
En 1961, 278 alcaldes negáranse a distribuír os formularios para os censos e houbo marchas sobre Bruxelas e non poucos altercados, que desembocaron no trazado definitivo da fronteira lingüística en 1962. Consagrábase así o uniligüismo en Flandres e en Valonia e o bilingüismo na rexión de Bruxelas capital. Naqueles momentos 24 localidades valonas (23.000 hab) pasaron a Flandres e 25 flamengas (87.000 hab) a Valonia.
En cada territorio había obriga de falar a súa lingua propia, sen ter que coñecer a outra. Iso deu lugar a un conflito que chegou a cotas surrealistas en ocasións, tanto por unha coma pola outra parte. Dous exemplos: en 1987 o goberno de Wilfried Martens caeu porque non procedeu ó nomeamento dun alcalde francófono na comuna dos Furons (Fourons en francés) que, aínda que gañara as eleccións, non sabía falar neerlandés. Na famosa Universidade Católica de Lovaina (Leuven), unha das máis antigas do mundo, situada en territorio flamengo, houbo entre os estudantes un forte conflito lingüístico: en 1968 tiveron que dividila e creouse a uns 50 km, no Brabante francófono, a Universidade de Louvain-la-Neuve (‘Lovaina a Nova’); mesmo se dividiu a biblioteca (un libro para unha, outro para outra; un tomo dunha enciclopedia para unha, o tomo seguinte para a outra…).
Debido á presión conxunta das dúas comunidades lingüísticas, flamenga e valona, Bélxica evolucionou progresivamente cara a un sistema cada vez máis federalista. En 25 anos ningún outro país democrático occidental cambiou tanto. As reformas constitucionais de 1970-71 e de 1980 transformaron Bélxica nun Estado de rexións e comunidades. A última reforma, de 1994, consagraba un Estado federal. Parecía a reforma definitiva, pero aínda habería unha quinta reforma en 2001, e en 2004 os flamengos expresaron o seu desexo de modificar a Constitución para crear un Estado confederal. E niso están agora.
Como consecuencia diso o Estado central foi perdendo cada vez máis competencias en beneficio das novas comunidades e rexións. Ó Estado central quédanlle tan só as competencias en xustiza, orde pública, protección social e política exterior. En suma, que como consecuencia destas desavinzas, en Bélxica hai máis de 800 mil funcionarios, nun país de 10.500.000 hab (o 18 % da poboación activa).
PorcentaxesO neerlandés foi na maior parte da historia de Bélxica, e ata hai pouco, unha lingua desprezada: lingua de labregos, de xente ignorante, mesmo a burguesía flamenga fuxía dela no séc. XIX e boa parte do XX, e por parte dos valóns non había intención de aprendela, pois consideraban que era unha perda de tempo. Os flamengos defenderon o seu territorio lingüístico con uñas e dentes, sen permitiren perder un metro da súa fronteira lingüística, e hoxe prefiren que se lles fale en inglés e non en francés. Poucos saben que, realmente, a lingua minoritaria de Bélxica, ademais do alemán (1 % da poboación: 70.000 hab), é o francés (falado polo 32 %) e non o neerlandés, que é maioritario, pois fálao o 57% dos belgas. Só o 10 % é oficialmente bilingüe (a área metropolitana de Bruxelas). O alemán é o idioma propio de Eupen, Saint-Vith e Moresnet, vilas do leste do país que pasaron de xeito “artificial” a formar parte do Estado belga en 1925 como consecuencia do Tratado de Versalles de 1919 (compensacións de guerra); hoxe están integradas na Valonia.
Hoxe, no ensino, a ambos os dous lados da fronteira lingüística os alumnos aprenden a outra lingua nacional na escola primaria e secundaria, pero con matices, pois mentres en Flandres é obrigatoria a aprendizaxe do francés e do inglés, na Valonia dáselle a escoller ó alumnado entre o inglés, o alemán ou o neerlandés. Na rexión de Bruxelas a aprendizaxe do neerlandés como primeira lingua é obrigatorio, pero recentemente o inglés é quen está ocupando este privilexiado lugar.
Cambiaron as tornasTodo este proceso coincidiu co declive valón e o despegue económico flamengo, o que acabou por complicar aínda máis o problema comunitario. A partir da década de 1970 a industria do carbón e do aceiro de Valonia empezou a ter dificultades, e o plan de reconversión de 1978 deu lugar a un novo enfrontamento, pois Flandres non quería poñer cartos sen compensacións, e así se fixo. Cambiaran as tornas e agora os flamengos –que no séc. XIX (e a maior parte do XX) eran os “pobres”- pasaban a ser o sostén do país. Flandres produce hoxe o 57,3 % do PIB belga e Valonia só o 23,7 %. Como a maioría numérica é sempre flamenga, os francófonos son agora os que buscan afanosamente praza nos colexios neerlandófonos para os seus fillos para que prosperen e que atopen un bo traballo, pois decatáronse da utilidade do bilingüismo.
Os valóns son os que en maior número se consideran tamén belgas (e non en moita proporción); os flamengos case ningún, e a perspectiva da independencia prendeu en moitos deles, na maioría. Unha das causas que impide a independencia é Bruxelas, cidade francófona -oficialmente bilingüe- situada en territorio flamengo: sería unha illa, unha especie de Berlín da guerra fría. Algúns flamengos mesmo estarían dispostos a renunciaren a Bruxelas, pero tamén están os problemas da integración inmediata ou non na Unión Europea, que economicamente pesarían moito. Pola contra, non son poucos os valóns que, de se independizaren os flamengos, non verían mal integrarse en Francia sen máis, pero o centralismo francés bota o freo a este desexo.
Malia que nas eleccións sempre acaba predominando a maioría flamenga, ó final faise unha especie de goberno de coalición no que están representadas todas as comunidades equitativamente, mesmo as máis pequenas. Os francófonos están lixeiramente sobrerrepresentados no goberno federal. O voto é obrigatorio, e quen non vota recibe unha multa.
En 2010 viviuse unha crise de goberno entre flamengos e valóns que durou 541 días; durante este tempo os asuntos de goberno estiveron a cargo dun gabinete en funcións dirixido polo primeiro ministro Yves Leterme, que acabou presentando a súa dimisión ó rei Alberto II. Durante este tempo, sen gobernantes, o país seguiu funcionando coma sempre, nin mellor nin tampouco peor. Actualmente preside o goberno das dúas –ou tres- nacións, Elio di Rupo, líder do Partido Socialista de Valonia, que sufriu unha humillante derrota nas recentes eleccións europeas do 25 de maio de 2014, pois só recibiu o 6,11 % dos votos.
Jacobo de REGOYOS: Belgistán. El laboratorio nacionalista; Colección Ariel, Ed. Planeta, Barcelona, 2011. -http://fr.wikipedia.org/wiki/Histoire_de_la_Belgique, e http://fr.wikipedia.org/wiki/Question_communautaire_en_Belgique, consultados o día 8-6-2014.
Ningún comentario:
Publicar un comentario