Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 9 de xullo de 2014

Texto informativo de titores e titoras de cursos de linguaxes específicas

Texto informativo de titores e titoras de cursos de linguaxes específicas, vía CTNL


Os cursos de linguaxes específicas (presenciais e cursos en liña) dábaos e titorizábaos un grupo do profesorado colaborador da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL). Dende 2011 eran os 29 primeiros da listaxe, aos que ía unirse outro novo grupo de titoras/es que finalizaron a súa formación en xaneiro de 2014; por tanto, somos ou eramos un total de 40 titoras/es.

Dar ou titorizar os cursos de linguaxes específicas (presenciais e en liña) é o único ingreso que percibía a maior parte deste profesorado durante todo o ano, así daban ou titorizaban estes cursos para a Xunta de Galicia sen contrato de traballo e sen estar dados de alta na Seguridade Social.
Unha pequena parte do profesorado colaborador que daba cursos Celga adheriuse a unha denuncia que a CIG interpuxo perante a Inspección de Traballo da Coruña e as outras inspeccións de Galicia para denunciar esta situación laboral anómala. As inspeccións de traballo da Coruña, Ourense e Lugo sancionaron a Xunta de Galicia e deron de alta de oficio este profesorado con efectos retroactivos nos períodos en que deron cursos Celga nos últimos catro anos. A Inspección de Traballo da Coruña está a comezar co recoñecemento dos cursos de linguaxes específicas (presenciais e en liña). Falta aínda a resolución xudicial que defina cal debería ser a relación laboral entre a SXPL e este profesorado colaborador.
Este ano, a SXPL, no canto de seguir contando con este colectivo para dar os cursos preparatorios Celga, cuxo requisito era que estivesen desempregadas/os, optou por ofrecerllos ao profesorado en activo como horas extras. Esta é a mesma vía que segue a SXPL cos cursos de linguaxes específicas (presenciais e en liña). Por tanto, a SXPL fomenta o pluriemprego e destrúe o emprego.
A finalidade deste escrito é informarvos deste conflito, se participades nos cursos de linguaxes específicas (presenciais e en liña), nós quedamos sen traballo, por tanto, a nosa suxestión é que rexeitedes percibir os 1 817 euros netos como horas extraordinarias a conta dun colectivo que na súa grande maioría non ten outro traballo e é o profesorado da SXPL. Cómpre que sexades conscientes de que sen a vosa contribución a SXPL estará obrigada a botar man, moi ao seu pesar, do profesorado chamado colaborador para os cursos de linguaxes específicas.
Non amosariades a vosa desconformidade e indignación se vós non tivésedes outro traballo, se agardásedes por un traballo temporal para sobrevivir todo o ano e quedásedes sen el porque alguén, cun traballo e un salario fixo, estivese disposto a realizalo?
Amais, cómpre que saibades, que os cursos en liña de linguaxes específicas requiren unha grande dedicación, que non é compatíbel cun traballo de oito horas ao día, de ser así, estes cursos son difíciles de levar. Había que corrixir 5 tarefas de documentación, 3 tarefas de oralidade e 2 foros, a corrección debía ser exhaustiva e os prazos eran de 3 días. Tamén cumpría realizar a mensaxería do curso, resolver as dúbidas do alumnado en 24 horas e encher o “foro de dúbidas” e mais o “foro de xestión técnica” coas cuestións que xurdisen no curso. O número de alumnos/as podía chegar a 30, por tanto, son moitas correccións que hai que facer. O exame final é en Santiago de Compostela e, amais de avaliardes oralmente, levaredes convosco os exames escritos para os corrixir.
Os cursos en liña requiren unha grande dedicación. Tédeo moi en conta porque isto non volo van explicar. Decatarédevos disto cando vos enfrontedes ao enorme traballo e atención que este traballo require. Desta volta é probábel que a coordinación alixeire os contidos e os comentarios que deberedes facer nas tarefas e que estableza uns prazos máis amplos para as corrixir.
Estamos ao voso dispor para o que consideredes oportuno, mesmo se precisades información sobre os cursos en liña. Grazas pola vosa atención e pola vosa solidariedade.
profeslinguaxesespecificas@gmail.com

Ningún comentario:

Publicar un comentario