Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 9 de xullo de 2014

Un ano para Filgueira Valverde: burla, loucura ou provocación?

por Suso de Toro en El País


O “Día das Letras Galegas” é esencialmente mortuorio tal como el se celebra. Ese modo triste de celebrar a vida da nosa lingua naceu nun tempo que era hostil e naceu encollido, o triste é que chegou así até aquí. A sociedade galega debera ser capaz nesta altura de darlle forma a outra maneira de pór en valor a creatividade na nosa lingua e a afouteza duns falantes que seguen a sostela contra a Historia e contra todo. Non insisto, xa o repetín moitas veces. E sobre as academias en xeral e a RAG en concreto tampouco vou insistir.

O que si, a escolla da figura que fixeron este ano os académicos e académicas da RAG presenta todos os rasgos da perversión, pídesenos que aceptemos a loucura.Que lle fagamos unha gabanza a Filgueira Valverde.
A figura é presentada cunha aparencia de racionalidade, trátase dun “polígrafo”, un estudoso da nosa cultura. Mais ese labor seu de estudoso tan particular, Filgueira Valverde non foi unha figura que creara escola, non pode ser visto en abstracto fóra do contexto do propio país e do seu tempo. Pídennos que celebremos un home que, sen verse obrigado e de motu proprio, serviu e fixo próspera carreira política no Réxime, ese réxime que condenaba a desaparecer a propia lingua e cultura á que el dedicaba atención. Que asasinara e encerrara aos outros "polígrafos"...É unha contradición existencial ben interesante a desa persoa. Porén, nós debemos ver o significado de escoller esa figura para ser homenaxeada no contexto do noso propio tempo e país.
A recuperación da autonomía foi unha oportunidade histórica en boa parte perdida, así e todo até a chegada de Feijóo nunca houbera unha administración que fixese unha política explícita en contra da normalización da lingua galega. A intención fixérona evidente Ana Pastor e Alfonso Rueda nas vésperas da campaña electoral xuntándose cos autobuses chegados de Madrid e capitaneados por Rosa Díez para manifestarse contra a política lingüística. Chegados a Xunta foron sistemáticamente implacabeis en todos os niveis onde puideron perxudicar a situación do galego.
Non debera ser preciso que se lle explique a eses académicos o que fixeron, mais hai poucos días o actual Presidente da RAG, Alonso Montero, igualaba esta administración coa da Xunta presidida por Pérez Touriño e iso é un outro disparate ou unha infamia. Feijóo, no tema da lingua como en todos os temas sociais, é único: dedicouse a desfacer o que comezaron a facer os predecesores. Igualalo coas administracións anteriores, relativizar e aínda negar que Feijóo teña unha política lingüística específica contra o galego, é o modo que ten o Presidente desa Academia de darlle amparo.(A figura de Xesús Alonso Montero está a ter unha visibilidade destrutiva para el propio. Sempre recoñecimos o maxisterio que Alonso Montero tivo no franquismo como divulgador da nosa literatura mais tamén nunca deixamos de ver as súas actuacións contradictorias. Finalmente esas contradicións internas súas acabaron por dar unha figura que acabou por ser destructiva para si propio e para a lingua e cultura galega. Pasar a vida a danzar abrazado a un propio remata no delirio.)É neste contexto no que se quere canonizar a figura de Filgueira Valverde, non é unha figura elexida inocentemente. É unha outra manobra para lexitimar a quen practican políticas destructivas contra a lingua e a cultura galega.A Real Academia Galega móstrase con toda naturalidade como outra mostra do fracaso do galeguismo no periodo aberto tras a morte de Franco. Institucionalizouse o galeguismo máis sometido ás políticas centralistas e colonialistas, quer no plano lingüístico quer no plano cultural e ideolóxico.É normal que Carvalho Calero e todo o que representa non caiba nesa Academia, tampouco cabería Castelao de vivir hoxe.E se Alexandre Bóveda non fose fusilado, se puidese ter sido ministro de economía do goberno galego que creaba o noso estatuto, e se tivese escrito ensaios sobre economía e sociedade, tampouco non entraría nesa entidade. Filgueira Valverde, precisamente, foi testemuña de que iso non foi posíbel.
O galeguismo republicano extinguiuse e unha vez e outra os suplantadores crávanlle cravos na súa caixa.O que ven de facer é unha provocación á cidadanía que sostén a nosa lingua contra todo, unha outra fenda nun corpo debilitado e atacado.A manobra de provocación correrá do seguinte xeito: Alonso e os seus e Feijóo e os seus celebrarán solemnes a figura do "polígrafo, cando se escoiten as protestas acusarán: "sectarios", "radicais", etc. E constituirá un novo episodio de acusación e estigmatización dos activistas da lingua.
Non pedimos demisión de ninguén pois nin somos socios desa institución nin escollemos aos seus membros, mais como había dicir Rosalía "non che digo nada, pero vaia!".
Moit@s non celebraremos a figura de Filgueira. O traballo que fixo Filgueira Valverde debe ser recoñecido no que val, mais non é unha figura que a nosa sociedade debe considerar exemplar en ningún sentido. Polo contrario, é un pésimo exemplo cívico.Quen queira celebrar que a lingua sobreviva, viva e ría, non o celebrará. Quen queira celebrar os traballos e as vidas de quen optou por darlle vida ao galego, non o celebrará. E os galegos que teñan vergoña tampouco non o celebrarán.E se queren "polígrafos" aí teñen ao Víctor Lis Quibén. Víctor Lis foi un personaxe singular e fascinante, cruzouseme cando escribín "Home sen nome" e sempre me quedou a curiosidade. Pontevedrés tamén como Filgueira, pertenceu tamén ao Seminario de Estudos Galegos, deixounos un estudo antropolóxico moi interesante sobre a medicina tradicional. Xa de franquistas, franquistas de vez.Din de nós. As enquisas din de nós que somos desconfiados e non sei cantas cousas máis, non importaba se non fose porque tamén moita xente de aquí asume esa visión e repite que somos desconfiados e non sei cantas cousas máis. Aceptamos a visión dos outros e así nos vai.
Mais para saber como nos seguen a ver “os outros” abonda con atender a unha noticia que redactou a redacción da Galiza deste xornal e, sobre todo, ler os “posts” que veñen a continuación. A noticia apareceu na web na edición para a España, de modo que os “posts” son moi significativos da visión dos galegos por parte dos lectores deste xornal na España. Contemplen como a noticia dun crime se transforma nun debate cheo de prexuízos, desprezos e xenofobia cara a nós. É o que hai. E quen sabe se non o merecemos, por parvos.Frankfürt: Europa muda e estalle a nacer un Wall Street nesa cidade. A realidade etérea dun centro de poder financieiro alemán europeo está a cobrar forma e volume, estase a levantar un impúdico castelo de torres de poder. E moi perto érguese xa o falo co que o Banco Central Europeo gobernará as nosas vidas.Na pinacoteca da cidade dei do retrato do cortesano señor Goethe, non quero evitar a admiración intelectual polo autor de “Poesía e Verdade” nin tampouco a miña distancia crítica co modo no que interpretou o rol de intelectual. Dunha banda os seus puntos de vista son sempre dunha grande intelixencia e hainos que tomar en consideración, doutra banda o seu papel a respecto do poder resumiuno moi ben nunha expresión que non deixa de ser ambigua, “eu prefiro cometer unha inxustiza que aturar a desorde”.
Diante do retrato do Goethe lembrei a Carlos Casares, non lembro ter comentado con el concretamente as opinións sobre o Goethe, mais de seguro que era unha referencia. Carlos representou un esforzo de darlle racionalidade e sentido de realidade á cultura en lingua galega, non concordei co modo no que el interpretou iso. Con todo extraño ás veces a súa presenza, por conversar disentindo maiormente.Chegoume pola radio unha canción de outrora, “Fonte do Araño” do Emilio Cao. Aquel disco foi unha novidade no seu momento e abriu camiños que logo foron andados, é ben lembrar os pasos andados e saber como se chegou a esta fronda de músicos galegos.
O terríbel é que este país non ten os medios para que esa realidade chegue á xente, descoñecemos o capital artístico que temos. Iso é o que tratan, facer que acoren xeracións extenuadas unha tras doutra. Ignoramos cousas novas que van ocorrendo e que son iso, novas. Gmail en galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario