por Francisco Castro no Sermos Galiza:
Botei un día enteiro participando nunhas xornadas profesionais centradas nos novos entornos de traballo nestes tempos complicados que estamos a vivir. Foi todo moi interesante e, coma sempre, aprendín cousas. Porque sempre se aprende escoitando falar a outros e a outras aínda que non sempre se compartan as súas ideas.
Falouse fundamentalmente de economía, de como mellorar rendementos, traballar nos novos entornos... en definitiva, de como ser máis eficaces nas nosas actividades profesionais. E pasaron pola palestra importantes directivos e xentes experimentadas nas cousas da economía, das organizacións, das empresas, das estratexias competitivas... e, en toda a mañá... só se escoitou unha vez o galego (e foron un monte de xente galega a que participou)....e foi un empresario catalán que trouxo unhas palabras escritas na nosa lingua! Así que xente acostumada a tomar decisións, a crear cartos, a asumir riscos, a, en definitiva, fabricar riqueza e mover o mundo real, non teñen o galego incorporado á súa vida empresarial. E non só iso. É que se alguén lles dixese algo sinalando isto como unha eiva, probablemente nin entenderían que é o que se lles está a reclamar.
O tópico, precisamente porque o é, levamos escoitándoo e repetíndoo toda a vida. E xa sabedes cal é: a economía galega non fala galego, as empresas galegas, agás excepcións moi excepcionais (e por certo, empresas exitosas) non saben do galego nin lles preocupa a cuestión. Tampouco teñen sensación de que se perdan nada. Como tampouco, e velaquí ao meu entender a clave de todo o problema, teñen a sensación de que a sociedade, para ao que a eles preocupa (vender, facer negocio, mover cartos dun lado para outro) considere que o galego teña que estar.
Traducido e coma sempre: se a economía galega prescinde da lingua do país, non a ten en conta, nin a chega a desprezar porque en realidade nin a considera un factor económico relevante, se algo así sucede é só, e sen ningunha clase de dúbida, pola nosa causa culpa responsabilidade desleixo desinterese, etc. Non hai unha masa crítica consumidora en galego potente. Non hai unha masa de galegos e galegas que obriguen ás empresas a incorporar o galego na súa actividade, na súa comunicación, na súa normalidade.
O doado é satanizar ao empresariado e acusalo de galegofobia (haiche moito, si; mais tamén unha chea de proletarios obreiros galegófobos). Eles o que queren é vender. E se detectan que o galego é un factor de venda incorporaríano sen o dubidar.
As consecuencias de que a lingua galega estea fóra da realidade económica de Galicia é a que xa todos e todas sabemos. E sabemos que son consecuencias tráxicas, tamén a nivel económico ou político.Levámolo dicindo toda a vida: só cando as elites falen, con normalidade e en público, en galego, a situación da lingua mellorará e sairá da marxinalidade. E a clase directiva, gústenos ou non, son elite.
A eles e a elas habería que evanxelizalos para o galego.
E para que entendan, tamén, que non todo é cuestión de pasta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario