Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 1 de xullo de 2014

A cuestión lingüística belga. As orixes do conflito

por Xosé María Lema, membro da Cerna de Prolingua, nas Voces de Prolingua:

Desde finais do séc. XVI a cuestión diferenciadora entre os Países Baixos do norte (actual Holanda) e os Países Baixos do sur (actual Bélxica) non foi o idioma, senón a relixión, pois mentres o norte holandés se fixo cada vez máis luterano e despois calvinista, o sur flamengo e valón –con dous idiomas distintos- permaneceu católico. Os flamengos falaban o mesmo idioma cós holandeses, o neerlandés, pero non sentiron a necesidade de se uniren a eles, pois eran “herexes” protestantes. A lingua oficial de Valonia é o francés normalizado, pero o seu idioma propio é o valón, que é unha lingua de oïl, coma o actual picardo ou normando francés e coma o antigo francien, base do francés moderno, dialectos todos da lingua latina hoxe considerados patois (‘falas deturpadas’) polos franceses.Era a época dos Países Baixos españois, dominio herdado polos Austrias españois dos flamengos Filipe o Fermoso e Carlos V. A Guerra dos Oitenta Anos (1568-1648) foi unha sucesión de continuas rebelións dos neerlandeses contra a intolerancia –sobre todo relixiosa, pero non só- dos Filipes españois (II, III e IV); os goberno baixo o terror do duque de Alba (oito mil condenados a morte en tres anos), coa axuda da Inquisición, e doutros “pacificadores” españois, quedarían na memoria popular durante séculos. Os do norte, calvinistas a partir de 1563, acabarían logrando a independencia en 1648; é a actual Holanda. Os do sur católico seguirían baixo o dominio español ata 1713. Despois, cos Países Baixos austríacos (1713-1795), pasarían a ser gobernados desde Viena.Entre 1795 e 1814, os Países Baixos ó completo (os do norte e os do sur) pasaron a depender de Francia. Napoleón –emperador a partir de 1805- decidira incorporalos ó territorio francés e planeara prescribir o uso da lingua francesa en todo o territorio; de non ser derrotado en Waterloo (1815), holandeses e flamengos quizais estarían hoxe falando en francés; polo de pronto, a burguesía flamenga da época, afrancesada, comungaba con esta idea.A derrota napoleónica en Waterloo (ó sur de Bruxelas) propiciou a reunificación das dúas partes, o Reino Unido dos Países Baixos (1815-1830), para formar un estado-tapón contra o expansionismo francés, esixido por Gran Bretaña. Mais axiña aflorarían as diferenzas relixiosas e lingüísticas entre o norte e o sur, pois o novo rei, Guillelmo de Orange, holandés, sería acusado de querer crear un Estado neerlandófono e laico, inspirado no modernismo calvinista. A burguesía francófona valona non estaba contenta co predominio progresivo do neerlandés na Administración; o clero católico vía no idioma neerlandés a penetración da “herexía” calvinista, e nin sequera estaban conformes os flamengos coa implantación do neerlandés oficial (o holandés), para eles distinto do neerlandés de Flandres.Cando Bélxica se constituíu en 1830 por vez primeira nun estado independente, malia que no artigo 23 da súa Constitución se dicía que o uso das linguas era opcional, na práctica o francés –utilizado tamén polas clases dominantes flamengas, pois daquela este idioma era o de maior prestixio en toda Europa- se foi convertendo na lingua oficial, e así se declara na Constitución de 1831. O francés era a lingua das novas ideas liberais, o neerlandés era o idioma do último invasor, e era percibido polo clero católico como elemento difusor do calvinismo.Non se xeraron problemas inmediatos. Tomábase esta decisión como normal: considerábase a lingua neerlandesa de Flandres unha lingua “morta” detida no séc. XV que non servía para o mundo actual; o valón, considerado dialecto do francés, tiña a mesma consideración. Só servían, tanto un coma outro, para “os sentimentos inxenuos, as imaxes simples e naturais (…), o teatro popular, as cancións e baladas...” (Charles Soudain de Niederwerth). O mesmo que se dicía do galego (no séc. XIX e aínda agora mesmo). As elites flamenga e valona consideraban a imposición do francés como unha misión patriótica, e avogaban porque a poboación flamenga esquecese o idioma propio e aprendese o de Francia, que daquela era o de maior prestixio de Europa.Pero a partir de 1840 os flamengos reaccionan a favor do uso da súa lingua. Empezan a chamar fransquillons ós flamengos francófonos (“os maiores inimigos do pobo flamengo”, aseguraban). Algúns intelectuais avogaron para normativizar a lingua flamenga e adoptouse a ortografía neerlandesa, pois as diferenzas eran mínimas (coma o catalán e o valenciano). O 1º dicionario de neerlandés data de 1864. [O primeiro dicionario do galego, o de F.J. Rodríguez, data de 1865; o segundo, de Cuveiro Piñol, de 1876; o de M. Valladares é de 1884].Ata 1870 todos os xuízos eran en francés, e iso deu lugar a sentenzas inxustas, pois a maior parte dos flamengos non o entendía. A partir de 1873 tamén se permitiu o uso do neerlandés. En 1898, tras moitas manifestacións flamengas, recoñeceuse a validez das dúas linguas en documentos oficiais.As loitas flamengas polo recoñecemento oficial do seu idioma foron continuas, pero lentas. Ata 1921 non se contemplou a obriga de que os funcionarios de Flandres tivesen que coñecer tamén o flamengo. Co recoñecemento do sufraxio universal masculino, contra 1920, os flamengos puideron impoñer a súa maioría, pero aínda quedaba moito camiño por andar (ter estudado en neerlandés non daba dereito a que un xuíz o puidese utilizar nun xuízo). Paradoxalmente, durante a I Guerra mundial os invasores alemáns permitiron que a Universidade de Gante dese clases na lingua de Flandres por vez primeira; o goberno belga non o autorizaría ata 1930.Entre 1932 tomouse unha decisión clave para o futuro de Bélxica: os flamengos estaban dispostos a aceptar o bilingüismo en todo o país, pero os valóns rexeitaron a proposta, pois viron nela unha vantaxe para os flamengos, que así ocuparían máis facilmente postos oficiais na propia Valonia, sen que a cambio puidesen eles ocupar postos en Flandres ó descoñeceren o neerlandés.O non francófono sentou as bases do que sería a fronteira lingüística con dúas rexións monolingües –Flandres e Valonia- con Bruxelas no medio: un país con dúas linguas, pero non bilingüe. Os dereitos lingüísticos non quedaban ligados ó individuo, senón ó territorio.A forza do movemento flamengo provocou unha reacción en Valonia, xa desde principios do séc. XX. O fundador do movemento valón foi Jules Destrée, que en 1912 nunha famosa carta aberta ó rei Leopoldo II titulada «Sobre a separación de Valonia e Flandres», escribía unhas frases que se fixeron célebres: “Déixeme dicirlle a verdade (...): non hai belgas, senón valóns e flamengos (...). Maxestade, Vde. reina sobre dous pobos”. O movemento tentou promover unha literatura en valón, pero o francés oficial acabou asimilando sen resistencia o carácter valón.Ademais da fractura lingüística tamén está a relixiosa, pero mentres a primeira é horizontal, a segunda é vertical: divide flamengos e valóns, pero non entre católicos e protestantes, senón entre católicos e laicos, pero cada un na súa nación. Existe un partido católico, un sindicato católico en Flandres e outro en Valonia, pero non se relacionan; o mesmo que un bloque liberal ou socialista, pero cada un na súa casa. Na actualidade, Flandres vota maioritariamente a dereita (mesmo á extrema), e Valonia –tradicionalmente máis industrial e obreira- os socialistas.Nota: Para a elaboración destes dous textos para a sección de Voces baseeime, fundamentalmente, no libro dun xornalista español casado cunha belga de Flandres: Jacobo de REGOYOS: Belgistán. El laboratorio nacionalista; Colección Ariel, Ed. Planeta, Barcelona, 2011. Tamén tirei información deste sitio web e destoutro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario