por Mercedes Queixas no Sermos Galiza:
Abrímoslle a porta a este mes de xullo participándomos no X Curso de Verán sobre dinamización lingüística organizado polo Servizo de Normalización Lingüística da UDC en colaboración coa CTNL, o Concello de Carballo e mais a SXPL.
Nesta nova edición, a transmisión interxeracional do galego era o eixo nucleador das tres xornadas en que estivemos #traballandoenlingua. Analizar o estadio actual desta ponte transmisora comunicativa, emocional e vivencialmente, do idioma para as novas xeracións converteuse no obxectivo global, así como a avaliación de experiencias contrastadas e a proposta de novas medidas de intervención que faciliten o encontro con novos camiños que nos axuden a mellorar a transmisión interxeracional do galego.
As razóns desta centralidade temática poden ser ben doadas de confirmar desde unha perspectiva teórica analítica e mais da observación diaria da que calquera de nós pode exercer como testemuña.
Lembremos, apenas, os datos que nos ofrecía o Mapa sociolingüístico de Galicia de 2004, da autoría da Real Academia Galega, en correspondencia cos ofrecidos no estudo precedente de 1992.
Neste sentido, mentres que en 1992 o galego era a lingua inicial (primeira lingua de aprendizaxe na casa) do 60,3% da sociedade galega, unicamente o era xa do 20,6% en 2004. O galego pasou de ser en 12 anos a opción maioritaria á minoritaria como primeira lingua de relación interxeracional.
Consecuentemente, o monolingüismo en castelán nas novas xeracións avanzou substancialmente en prexuízo do galego.
Semella difícil xustificar esta tendencia regresiva nos datos da transmisión interxeracional do galego desde un punto de vista abstracto, alleo ás dinámicas de funcionamento da propia sociedade e desvinculado da propia historia interna do pobo que lle deu vida como lingua propia. Asemade, non parece razoábel, nunha comunidade cívica formada e respectuosa para consigo mesma, ignorar esta realidade anuladora da principal marca de identidade para se instalar na aceptación do espellismo da diglosia como irmán da normalidade lingüística ou na irremediábel morte natural da lingua.
Máis ben todo apunta á programada simbiose efectiva de procedementos expeditivos –prohibición explícita de usos- e indirectos –creación de imaxinarios que condicionan ou estigmatizan o seu uso social. Unha perfecta combinación que, andando o tempo, embafa o espello en que nos mirar até converter en irrecoñecíbel a expresividade lingüística de noso, apenas perceptíbel nas cada vez máis cativas marxes (persoas de maior idade, ámbitos rurais, nivel socioeconómico medio-baixo).
A familia é a encargada de reproducir as e os falantes dunha lingua e a observación diaria á que apelabamos antes confirma que deixou de o ser nos ámbitos urbanos e periurbanos, espazos cada vez maiormente urbanizados e vertebradores da socialización actual.
Nais e pais son quen deciden que lingua vai ser na que se recoñeceren e intimaren desde o primeiro minuto de vida –mesmo antes incluso! coas súas crianzas. Nada impedirá que a opción poida ser a lingua hexemónica, mais, no entanto, os cuestionadores interrogantes e as respostas xustificativas asaltarán no caso de optar pola non hexemónica. Nada impedirá que na comunicación familiar a lingua inicial sexa o castelán, mais, pola contra, todo dificultará que aconteza o mesmo no caso do galego, como ficou ben explícito no debate- entrevista mantido con tres nais e un pai, coordinados pola xornalista Belén Regueira.
A escola e os círculos de socialización múltiple aos que está exposta a infancia obrarán o milagre da aparición da diglosia como primeiro paso para avanzar no demorado proceso de substitución no que a realidade sociolingüística galega está inmersa desde hai máis de cincocentos anos.
O exercicio de observación para a confirmación da quebra interxeracional no caso do galego vai máis aló. Resúltanos ben difícil acreditar nos comportamentos sociolingüísticos aos que se ven sometidos avoas e avós. Elas e eles, voces transmisoras de pouso fecundo, vense inducidos ao abandono e silenciamento das palabras que os acompañaron para construíren toda unha vida. Roubámoslles o seu tempo para que coiden das nosas fillas e fillos; roubámoslles a súa liberdade para que cubran cos afectos a nosa ausencia en horario laboral e de relación social; roubámoslles os antropónimos de seu para obrigalos a ímprobos exercicios de memorización de nomes propios alleos, de difícil pronuncia e imposíbel escrita.
Roubámoslles as palabras para que perdan toda naturalidade comunicativa nesa estima única que crean os lazos entre cativos e maiores e obrigámolos a tatexar castrapos inventados convertidos en triste obxecto de mofa nos parques públicos.
De verdade imos permitir que nos siga a comer a lingua (inicial) o gato?
Ningún comentario:
Publicar un comentario