por Marcos Maceira no Faro de Vigo:
Homenaxear unha "figura autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe". Esa é a intención da Real Academia Galega cando institúe en 1963 o Día das Letras Galegas, segundo reflicte a acta da sesión que fixou a súa celebración. O Día grande da nosa lingua e da nosa literatura, como alta expresión do "xenio criador do noso pobo", que diría Castelao.
Coincidiu a institución desta data co nacemento das primeiras agrupacións culturais que tanto fixeron por estender a celebración ao largo e longo de Galiza, facendo que o Día das Letras Galegas, xunto co Día da Patria Galega, fose o máis sinalado do noso calendario. Unha data para a conmemoración, reivindicación e festexo de contarmos cunha lingua propia e de existirmos como pobo, como nación con dereito a se expresar.
Con pluralidade de opinións, con encontro, con diverxencias, discusións e debates de todo tipo, foi colectivamente asumido que o pobo galego tiña que festexar a súa lingua, cultivada tamén a través da produción literaria. Dignidade e conciencia, lingua e literatura, fixeron que o Día das Letras Galegas fose sempre o das máis grandes manifestacións de unidade do pobo galego ao redor do seu idioma como sinal vivo da súa existencia. A lingua foi , xunto ao berro de Nunca Máis, a protagonista das maiores mobilizacións en Galiza.
Recollendo o sentir maioritario da sociedade galega a Mesa pola Normalización Lingüística, nos últimos anos coa amplísima plataforma cidadá que impulsa, Queremos Galego, lanza unha convocatoria que fai que todos os 17 de maio as rúas de Compostela sexan testemuña fiel das miles e miles de persoas, falantes de galego ou non, que desexan que a nosa lingua recupere os espazos que lle foron roubados, dos que foi completamente excluída, ou dito doutro xeito, que desexan que o noso idioma recupere a plena normalidade e poida vivir e desenvolverse en igualdade de condicións xunto con todas as linguas que fan máis humana a humanidade.
Dos máis de quiñentos anos de secundarización do idioma galego, de exclusión planificada, de tentativas de eliminalo como o noso principal sinal de identidade colectiva e de negación do dereito elemental a usalo, o franquismo foi o periodo máis brutal por canto a utilización e defensa do idioma galego, tamén na literatura, foi obxecto dunha represión salvaxe que custou a vida, a liberdade ou o exilio ás mellores persoas, ás mentes máis lúcidas e dinámicas coas que contaba Galiza. O réxime saído da masacre de 1936 fixo bandeira e elemento central da súa acción política asasina o exterminio lingua galega.
O 5 de xuño de 2014 a Real Academia Galega acordou que Xosé Filgueira Valverde fose o autor homenaxeado para o Día das Letras Galegas de 2015. Polígrafo e erudito, din, como se iso estivese en causa, ou como se fose o único e irrepetíbel, esquecendo a mantenta o seu papel activo como dirixente político da ditadura franquista, non de simples observador cómplice.
Un papel político claro que o sitúa como depurador de "responsabilidades políticas" ou no selecto grupo dos cincuenta principais alcaldes da ditadura á fronte da cidade de Pontevedra ou no máis elitista dos Procuradores en Cortes. Por iso, o mesmo que o levou a ser alto cargo político de Franco é o que o inhabilita para ser "exemplo á sociedade galega" e referencia no Día grande da nosa lingua.
O seu Filgueira non pode ser exemplo para ninguén cun mínimo de sensibilidade democrática. Filgueira só pode resultar cómodo para a actual Xunta que ve así lexitimada a súa actitude no quinquenio máis negro que vive a nosa lingua desde a democracia. É útil e funcional á ideoloxía que mantén vivas as esencias do réxime anterior, tamén, como nos lembran continuamente, no relativo ao desprezo ao idioma galego. O mesmo desprezo que lle teñen á lingua e ao pobo galego é, por certo, o que lle teñen á institución académica tal como demostrou o feito de que o encargado de dar a nova da persoa homenaxeada fose o Secretario Xeral da política lingüística que padecemos. Nin iso deixaron para o presidente da Academia, tan republicano nas horas mortas como compracente e servil co poder.
Mais o 17 de maio de 2015 non ficará deserto. Malia Feijóo e os seus secuaces, o Día das Letras Galegas seguirá vivo e reverdecido como segue viva e frutífera a lingua galega. Non precisa do ar, xa irrespirábel, da rúa Tabernas ou de San Caetano. A sociedade é quen lle dá osíxeno e por iso voltaremos ser miles, falantes ou non, os que saiamos á rúa a reivindicar o que é noso, o idioma galego e o dereito a vivirmos nel, a dignidade que nos queren roubar os amigos de Filgueira, de hoxe e de sempre.
Coa lingua homenaxearemos tamén a rica e extensa produción literaria galega, e a todas as persoas comprometidas con ela e coa súa existencia que tamén é a nosa capacidade de vivirmos con dignidade. A forza do noso amor será a que faga que o Día das Letras Galegas se prolongue ás 8.760 horas do ano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario