por Xosé Luís Santos Cabanas, nas Voces de Prolingua:
Escríbolle neste foro aberto de ProLingua á Secretaría Xeral de Política Lingüística (en diante SXPL), por culpa da miña sospeita de que ande polas súas computadoras algún virus informático ou por se houber algún pirata dos modernos medios informáticos que envía mensaxes desde o enderezo sxpl.probascelga@xunta.es, de onde me chega un escrito á miña conta de correo electrónico, co longo título que copio textualmente: CONTESTACIÓN AS ALEGACIÓNS PRESENTADAS AO PROXECTO DA ORDE POLA QUE SE AUTORIZAN AS ENSINANZAS NON REGRADAS DE CURSOS PREPARATORIOS PARA OS CERTIFICADOS DE LINGUA GALEGA (CELGA) NOS CENTROS PÚBLICOS ESPECÍFICOS DE EDUCACIÓN E PROMOCIÓN DE ADULTOS NOS INSTITUTOS DE EDUCACIÓN SECUNDARIA CON ENSINANZAS DE PERSOAS ADULTAS.
Chégame así, todo en maiúsculas, nun escrito anexo ao correo. En letras minúsculas, exactamente o mesmo texto conforma o corpo da mensaxe, sen máis.
Confeso que ao principio pensei que o escrito ao que me refiro era da autoría da SXPL, pois está en papel oficial da Xunta de Galicia, co seu escudo oficial, e con todos os datos da SXPL, mais ao dereito comezaron a medrar en min as sospeitas de que se trata dunha falsificación.
É certo que podería chamar por teléfono, ou contestarlles por correo postal, mais penso que me ía resultar bastante complicado, pois o escrito non o asina ninguén, non aparece nin o nome nin o cargo do ou da responsable do mesmo. Entendo que ao se tratar dunha comunicación por correo e., se na Consellaría non dispoñen de aparellos como o xa tan común escáner, o cal puidera acontecer por causa da precariedade orzamentaria, non tería porque figurar a sinatura de puño e letra de quen corresponda, mais entendo que cumpriría indicar quen se responsabiliza do seu contido, ben no corpo do correo, ben no arquivo que me achegan con el. Reparen os lectores e lectoras desta carta que, cando lles escribe un banco, pon, por poñer un exemplo, Xaquín do Castro Barreiro, director da sucursal número 2 de Teo; se lles escribe a Administración, o común e poñer o nome do funcionario ou cargo político, segundo o caso: Fulano de Tal, Xefe de negociado de Orzamentos da Secretaría da Consellaría Cal. A administración cando se dirixe aos cidadáns identifica o nome e/ou o cargo de quen escribe. Se alguén presentara un recurso por unha multa de tráfico, se a contestación ao mesmo viñera asinada, sen máis, polo "Concello de Santiago de Compostela", a persoa receptora podería verse tentada a chamar directamente ao Alcalde. Disimulade, mais estou a decatarme de que neste caso escollín un exemplo nada adecuado, xa que encontrar un alcalde en Compostela parece bastante complicado, se temos en conta como foi a evolución de alcaldes na cidade despois das últimas eleccións municipais. Mais esta é outra historia, non se vai falar neste foro de ProLingua de como pode chegar a máximo responsable dun concello alguén que non recibiu os votos suficientes para ser concelleiro, rodeado de concelleiros non electos. Saberán desculpar a miña digresión. O que quería explicar é que comecei a sospeitar que non se trataba de nada oficial, a pensar que estaba diante dunha falsificación, ao comprobar que nin o escrito nin o correo que recibín veñen asinados por ninguén.
O segundo que me fai sospeitar de que se trata dun escrito apócrifo é que nel non se fai ningunha referencia nin á data nin á forma en que foron presentadas as alegacións. Por sorte arquivo os meus correos, e vexo que o día 14 de xuño do ano que andamos enviara, efectivamente, un escrito de alegacións a ese enderezo electrónico desde o que me escriben. Porque tamén é común que a administración diga, valéndose das formas correctas que lle son propias, algo así como: contéstolle ás súas alegacións de tal data, presentadas de tal maneira, .... Ademais, na actualidade os funcionarios e funcionarias dispoñen de excelentes manuais de estilo elaborados con rigor polos Servizos de Normalización Lingüística de diferentes administracións. Se alguén quere coñecer algún deles pode achegarse á páxina web da Universidade de Santiago de Compostela.
As miñas sospeitas foron en aumento cando reparei na redacción. No escrito din, e volvo copiar textualmente: "Unha vez examinadas as alegacións presentadas por vostede ao proxecto de dita orde, informarlle (letra negra miña) que ditas alegacións non se tiveron en conta...". Reparen vostedes. Non di cómpre informalo, ou debemos informarlle, ou debemos informalo, ou comunicámoslle que... Ao meu modesto entender esta redacción non pode provir da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que ten encomendada por lei a promoción do uso do galego. E mesmo desconfío de que sexa un erro de escrita a falta de concordancia en "unha análise detallado", pois nunha administración moderna os escritos revísanse, e coas ferramentas informáticas coas que se traballa na actualidade son moi doados de corrixir, e na Secretaría Xeral de Política Lingüística teñen necesariamente que ser moi escrupulosos con isto do galego escrito, sobre todo se están a contestar as alegacións dun cidadán sobre algo tan importante como os cursos de galego para adultos, preparatorios das probas CELGA.
A seguir díseme que as alegacións non se tiveron en conta, "fundamentalmente porque non entran en cuestións técnicas referidas ao contido do proxecto da orde".
De ser iso certo, a autoridade competente da Administración que conteste debería explicar con algún argumento esa súa conclusión de que as alegacións presentadas non entran en cuestións técnicas, ou, polo menos, enumerar, aínda que fose entre paréntese, cales son esas cuestións técnicas que as miñas alegacións deberían valorar, mais non di máis nada o escrito sobre este aspecto ao parecer tan importante, e a seguir explica que, "non obstante, pasamos a contestarlle, facendo unha análise detallado(sic) de cada unha das súas alegacións".
Ao mellor non entendo ben, non sei que opinará quen lea esta carta, pero a quen escribe dálle a impresión de que esta maneira de redactar induce a pensar que alguén che está a facer un favor. Explícome: presentas alegacións que non se poden valorar porque deberías entrar en non sei cales cuestións técnicas, pero aínda así voume permitir contestarche. Para que, pregunto eu, se o que presentei non se debe de ter en conta (aínda que eu non saiba por que, xa que non me explican nada desas "cuestións técnicas" das que seica non falei ao alegar). Non, a práctica de facer favores non ten que ver coa Administración. Que non se ría ninguén ao ver na mesma frase as palabras favores e Administración, que nesta carta estamos a falar dun procedemento administrativo, non de corrupción, que esa é outra historia, como o é a da alcaldía de Compostela.
Nas miñas alegacións dise que "é necesario un equipo estabilizado de profesorado específico para a formación da poboación adulta". No escrito que eu penso apócrifo contéstanme que o profesorado dos centros de ensino teñen (outra falta de concordancia) unha formación axeitada para facelo. Non entendo que se poida contestar deste xeito, pois ninguén discutiu a demostrada competencia que ten o profesorado dos centros de ensino públicos. O que se demanda nas alegacións é profesorado específico para os cursos CELGA (até non hai moito habíao), e pídese estabilidade para eses profesores, despois de os seleccionar "seguindo criterios de capacidade, mérito, igualdade e publicidade".
Nas miñas alegacións tamén se di que nos últimos tempos se estivo a formar e preparar profesorado específico dos cursos CELGA, o que, "ademais de ser un novo paso atrás para a lingua, supón (...) tirar pola borda traballo, planificación, proxectos e recursos". Pois no escrito que di proceder da SXPL contestan falando dos créditos orzamentarios, que seica non van aumentar. Non se di nada polo tanto desta alegación, pois se se formou profesorado nos últimos tempos, e despois se prescinde del, tiranse efectivamente pola borda recursos económicos e recursos humanos e planificación.
Explican tamén que o que se pretende é que os cursos sexan impartidos nos centros de adultos e cos medios persoais e materiais propios (sic) da Consellaría. Daquela, pregúntome eu abraiado, daquela o profesorado que impartía os CELGA até non hai moito era dunha empresa privada, era alleo á Xunta de Galicia?
Á alegación que reclama un plan específico para a programación de cursos e outras actividades, no escrito contéstase, e copio para ir rematando: "A SXPL é o órgano encargado da planificación e execución da política lingüística na Comunidade Autónoma galega, segundo establece o Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, e conta cunha programación para o desenvolvemento de medidas para o fomento do uso do idioma galego nos diferentes eidos sociais e económicos de Galicia".
Este último parágrafo que copiei aumenta, se cabe aínda máis, as miñas sospeitas da falsidade do escrito. Abofé que o texto o escribiu alguén que quere desprestixiar a Secretaría, se temos en conta o clamoroso retroceso na promoción da nosa lingua propia nesta lexistatura. É como se o escribira un pirata informático para lembrarlle aos responsables da SXPL o que deberían facer.
Xa nin comento, para non alongarme máis, a última das contestacións deste presunto escrito oficial, nas que se di que os cursos de lingua galega van ter a mesma cobertura xeográfica que o resto das ensinanzas. Como se os cursos para adultos, que ao meu xuízo significan unha efectiva e necesaria promoción da lingua galega, tivesen que ver cos currículos de estudos académicos regrados.
Remato. Non cabe dúbida de que os responsables da Consellaría lerán esta carta, pois se a súa función é promover o uso do galego de ningunha maneira non poden deixar de visitar esta sección Voces da páxina de ProLingua, que leva xa algún tempo traballando nesa dirección. E, se como eu penso, a contestación ás miñas alegacións a un proxecto de orde da Secretaría Xeral de Política Lingüística relacionada coa docencia dos cursos de galego preparatorios para as probas Celga, se esta contestación sen sinatura é falsa, tomará a SXPL as medidas oportunas, pois o correo electrónico que recibín ten que proceder dalgún recuncho da Administración que dependa, supoño que orgánica e tamén funcionalmente, desa Secretaría.
Desculpen os lectores e as lectoras a extensión destas liñas que escribo en Bustelo de Luou, Teo, o 17 de xullo de 2014.
Ningún comentario:
Publicar un comentario