Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 20 de xullo de 2014

Ás voltas coa diversidade cultural. As conferencias de Claude Lévi-Strauss para a UNESCO

por María X. Rodríguez Valcárcel nas Voces de Prolingua:


Ás voltas coa diversidade cultural. As conferencias de Claude Lévi-Strauss para a UNESCO é o título dun volume que, baixo a responsabilidade de José M. Álvarez- Castro, vén de publicar Edicións da Curuxa. No mesmo recóllese a versión galega de tres conferencias que o antropólogo francés elaborara por encomenda da UNESCO: Raza e Historia (1947), Raza e Cultura (1970) e Reflexión (2005). Amais do editor, outras tres persoas participaron nos labores de tradución e revisión da obra: José Mª Anguita Jaén, Roberto Fernández Bermúdez e María Xosé Rodríguez Valcárcel.
Os tres textos de Levi-Strauss xorden da necesidade de artellar idearios antirracistas internacionalmente consensuados nun contexto moi sensibilizado polo pasado recente. Na conferencia de 1947 defendía o autor francés a idea dunha coexistencia de culturas baseada no respecto e perpetuación da orixinalidade de cada unha delas. Malia a que este texto tivera moi boa acollida no seo da UNESCO, as actuacións dos organismos internacionais non seguirán a liña deste discurso senón que, pola contra, se centrarán nos dereitos individuais fronte aos colectivos. Probablemente este sexa o motivo de que na conferencia de 1970 – que xa non contou cun apoio tan unánime- o antropólogo sosteña a necesidade da defensa dos dereitos colectivos como única alternativa para que os grupos culturais minorizados non se vexan engulidos polos máis estendidos, idea esta na que se reafirma no texto do ano 2005, o cal si contou cunha adhesión plena. Xa que logo, os tres discursos conforman un ciclo de interese histórico e, de feito, a cálida ovación con que a UNESCO en pleno se prostra ante Lévi-Strauss demostra que a crise e polémica entre o antropólogo e esta institución, nada nos anos setenta da centuria precedente, quedara definitivamente pechada.

Lévi- Strauss cualifica en Raza e Historia o mantemento da diversidade cultural como un “deber sagrado” e defende que se unha cultura perde os seus trazos orixinais fica inhabilitada para interaccionar, interacción que debemos entender como a achega xenerosa dunhas a outras. Xa que logo, manter a orixinalidade propia non é só un dereito senón tamén unha obriga para que poida funcionar o sistema de intercambio cultural.

Non é difícil daquela entendermos as motivacións de verter ao galego estas conferencias e as ensinanzas que delas podemos extraer para o noso contexto cultural. Por unha banda, non dispoñiamos na nosa lingua ata o de agora de ningún texto íntegro desta figura fundamental no pensamento contemporáneo. Por outra, o ideario de Lévi-Strauss proporciónanos argumentos de sobrada valía científica na defensa do noso idioma.

As agresións explícitas ao galego que se produciron na precampaña das eleccións autonómicas de 2009 xeraron unha abundante bibliografía no ámbito da sociolingüística na que, entre outros aspectos, se formulou e caracterizou o concepto de racismo lingüístico, se analizaron os prexuízos lingüísticos e mesmo se avaliou a legalidade ou ilegalidade do Decreto 79/2010 (mal chamado do Plurilingüismo) que o executivo xurdido desas eleccións aplicou no sistema educativo. A contribución do volume do que nos estamos a ocupar afonda na cerna destas cuestións. Salienta Álvarez- Castro no Limiar que, no contexto de interacción entre as diversas identidades culturais do noso planeta, a adscrición a actitudes de tolerancia pasiva é totalmente inoperante e por tanto enormemente enganosa. O dereito de cada pobo de manter viva a súa cultura xera nos demais obrigas cuxa desatención implica un acto de intolerancia e mesmo de racismo. É nestas teses que nos podemos apoiar para, alén de esixirmos o cumprimento da legalidade vixente na defensa do noso idioma, xustificarmos tamén por que esa legalidade debe manterse e mesmo reforzarse, lembrando que é en beneficio da humanidade mesma que un pobo non pode desatender o deber de contribuír coa súa achega á diversidade cultural mundial. O que tantas veces, e profusamente en tempos recentes no noso contorno máis próximo, foi cualificado por algúns grupos de imposición ilexítima non é tal senón, pola contra, o exercicio da nosa obriga colectiva de contribuír e movernos en galego no mar da civilización mundial.
Aplicando as ideas anteriores ao noso contexto sociolingüístico semella obvio que, seguindo ao antropólogo francés, poñer os medios para o mantemento da nosa lingua é un deber inescusable que implica a todas e todos. A belixerancia contra un idioma non é unha actitude válida, pero tampouco o é a tolerancia pasiva en tanto en canto ataca a diversidade cultural mundial. Tentar que as persoas que residen en Galicia (e nomeadamente cando están en idade escolar) non aprendan a nosa lingua é un acto de intolerancia e mesmo de racismo; a actitude oposta, isto é, defender o dereito a vivirmos en galego non é só un dereito individual senón tamén un exercicio de responsabilidade colectiva para podermos dialogar en pé de igualdade nunha conversa universal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario