Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 11 de xaneiro de 2014

O polbo que nos matou

por José Luis Sucasas, en Praza Pública:

Semellaba que tiñamos o asunto finiquitado. Durante os anos da Pax Fraguiana, a regueifa mais rechamante fora o “L” floral dos xardíns da avenida Alfonso Molina, na entrada da Coruña: o monseñor alcalde a querer poñela e os bloqueiros a querer quitala. Pero como tódalas regueifas, sempre remata cansando algún dos contendentes, ou os dous; ou rematan leando sós, porque o que primeiro cansou foi o público que miraba apampado a arte de aparecer e desaparecer as cousas, da noite para a mañá. Case todos eramos conscientes que a normalización do galego non era cousa de dous días e que farían falla xeracións para atopar, levantar e asumir os marcos que estremaban o galego e mailo castelán. Pero os madrileños seguían a veranear en Sanxenxo, aínda que lle seguiran chamando Sanjenjo; os chairegos rillaban polbo no Carballiño, coma se fora o pulpo de toda a vida; e as pighas de García Barbón baixaban as filloas da Portuguesa de Castroverde, aínda que logo contaran ás amigas que probaran unhas crepes divinas onde Deus perdeu os zocos. O importante era o concepto e perseverar na dirección.
Daquela chegaron os anos negros da Restauración Genovesa. Rajoy recuperaba na Corte a política do sentido común e do como Deus manda, e o alguacil Feijoo facía outro tanto no Cortello Galaico. Deus sempre foi de falar en castelán: os que o entendían, respectábano, e os que non, como era o caso dos de Cadrón, pois temíano, porque sabe deus o que estaba a dicir. E nin a Pax Fraguiana conseguiu que Deus acadara o Celga 1 da Xunta de Galicia. E que nos di o sentido común? Pois que, se a lingua castelá foi desprazando e arrecantando á lingua galega, deixemos que o proceso continúe e non malgastemos tiros no aire. É coma se tes dous porcos, un san e ben cebado, e o outro, fraco e cheo de carrachas. A quen lle botas o caldeiro de relón? A selección natural dinos que se o partillas entre os dous, igual o san perde ceba e o fraco morre igual. Non será de sentido común botarllo enteiro na pía do san e así asegurarse unha boa pitanza para a invernía?
E foi nesas que uns ramistas da Festa do Polbo do Carballiño lle pediron á Xunta que normativizase como galego a palabra “pulpo”, alegando prexuízos económicos e a sona de grande lupanar que estaba a gañar over the world a vila ourensá. A Xunta de Feijoo aprobou por decreto a petición popular, a RAG incorporouna ao dicionario e o polbo volveu a ser o pulpo de toda a vida. Animadas polo éxito carballinés, dúas señoras fidalgas de Lalín pediron que Sanxenxo volvera ser Sanjenjo, alegando que os veráns xa non eran o mesmo e que cando ían a Sanjenjo tiñan as tetas duras, a pel tersa e o cu teso. A Xunta tamén accedeu, axiña e con grande contento de Galicia Bilingue, que animou a que cadaquén pedira a súa palabra a restituír. A Mesa de Normalización protestou, o BNG encheu Galiza de xuntanzas e manifestacións, e ata Caneiro e Jaureguízar mandaron unha petición conxunta de clemencia; pero Feijoo caloulles a boca a todos coa primacía do dereito individual sobre o colectivo, e que total que mais daba, se eran dúas palabriñas de nada.Pulpo, Sanjenjo, La Coruña, Enero, mariposa, oropéndola, cuchara y tenedor ... cadaquén pediu a restauración daquela palabra do castelán que lle resultaba difícil ou imposible abandonar
Pulpo, Sanjenjo, La Coruña, Enero, mariposa, oropéndola, cuchara y tenedor ... cadaquén pediu a restauración daquela palabra do castelán que lle resultaba difícil ou imposible abandonar, graza que lle foi concedida ás carreiras pola Xunta e incorporada de xeito automático pola RAG. En xaneiro de 2016, dous anos despois de comezado o proceso coa petición dos ramistas do Carballiño, o profesor Alonso Montero comprobou que as entradas do seu dicionario coincidían pe con pa coas entradas do dicionario da RAE, agasallo do tamén profesor Darío Villanueva. Chamou a Feijoo para contarllo e preguntarlle se, chegados a este punto, non sería de sentido común disolver a Real Academia rexional e marchar para a casa co dicionario entre as pernas.
-Nada más lejos, don Jesús! Ahora es cuando el proceso de normativización ha concluido y el gallego ha alcanzado la perfección . A usted, encerrado aquí entre libros, puede parecerle que se trata del mismo idioma, pero no lo es. Es cierto que se escribe igual que el castellano de Castilla, pero se pronuncia diferente. Es el gallego de Paco Vázquez de toda la vida y como Dios manda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario