Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 15 de xaneiro de 2014

Admítese pulpo como animal de compañía

por Mercedes Queixas Zas, nas Voces de Prolingua:


Contábame hai uns anos Isaac Díaz Pardo a memoria do dificultoso camiño transitado no seu día para introducir no galego estándar o vocábulo orzamento canda o sinónimo presuposto. As reticencias parecían proceder da coincidencia da primeira opción coa voz portuguesa, mentres que a proximidade da segunda ao castelán non ofrecía dúbida nin comentario, polo que a aceptación era irrefutábel.Vénme á acordanza esta anécdota léxica, así como a expresión física miúda do noso interlocutor aseverando a convición de que aquela tamén tiña que ser palabra galega de pleno dereito, por causa de certas dúbidas xurdidas no intelecto do alcalde do Carballiño para co nomeamento do polbo, ese molusco mariño sen cuncha da clase dos cefalópodos (Octopus vulgaris), de corpo globoso e oito brazos ou tentáculos con ventosas, chamados raxos, segundo definición do dicionario da RAG.Informan algúns medios de comunicación que as razóns desta solicitude que, desde o polbeiro concello ourensán, tramitaron á RAG para que inclúa no seu dicionario o popular pulpo, se basea nunha poderosa razón: ser unha palabra utilizada de xeito normal e habitual polos habitantes da vila.Non sería de estrañar que a próxima petición poida ser a volta á castrapización do topónimo El Caballino, xa que seguro que usuarios non lle faltan; polo de pronto www.carballino.org é o acceso virtual oficial á información deste concello galego. Pasiño a pasiño, ben sabemos, ímola revirando...Non semella partillaren esta profunda e transcendental preocupación municipal outros concellos galegos tamén recoñecidos polas súas celebracións gastronómicas con este produto culinario tan identificativo galego, como Mugardos, Bueu, Illa da Arousa, Mos, Foz ou Porto do Son, xa que a súa sinaléctica non arrubia acomplexada nin submisa co sempre colorista e atraente cartaz presentador da Festa do polbo.Agardamos, pois, polo ditame que, segundo únicas declaracións do Presidente da RAG – colligit, expurgat et innovat- elaborarán os especialistas en lexicografía da institución para comprobar se ratifica e oficializa -ou non- na norma padrón o que responde ao uso espontáneo. Norma e uso, dualidade que cómpre non lle permitirmos esquecer nunca ao coñecemento para non continuarmos o regueiro de pasos atrás que removeu Díaz Castro nos seus versos.Calquera de nós garda no seu acordo máis superficial do día a día múltiples exemplos de palabras e expresións de uso espontáneo, habitual e dialectal que non por presenza redundante teñen xustificada a súa adscrición á norma culta.Non consigo imaxinar ningún alcalde andaluz requiríndolle á RAE que contemple a entrada arma como sinónimo de alma -e a consecuente expresión tan patrimonial, pura marca España, mi arma!- só porque a pronuncia habitual aló polo sur así o xustifique. Nin moito mesmo que pretendan igualar a entrada onomástica do expresivo e popular Jezú! ao oficial Jesús.E mentres se focaliza a atención na tona, podemos esquecer que as que andan avoltas son as profundidades, pois toda a enxurrada arbitraria xustificativa do que en cada ocasión conveña en relación á lingua galega, mesmo avalada por eses tentáculos malos compañeiros que son a ignorancia e a ousadía, está amparada no peso maiúsculo da lousa interminábel e insuperada dos prexuízos lingüísticos.E así foi como lembrei algúns daqueles versos do poema “Os nenos dos casinos” do poemario de Manuel María, Versos para cantar en feiras e romaxes:
Os nenos dos casinosson tan finos,tan civilizadosque coidan que só os atrasadosson os defensores namoradosdo idioma dos seus antepasados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario