Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 6 de xaneiro de 2014

Catro anos e un día (a política lingüística na Casa da Matanza)

Hai catro anos e un día botaba a andar este blogue. Catro veces percorreu a Terra o seu camiño arredor do Sol e seguimos pechados no mesmo cárcere, o dunha política lingüística funesta e inimiga da necesaria expansión da lingua de noso. Vai un exemplo.
Significativamente hai unha semana reuníase a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) na Casa da Matanza. Xa non disimulan nada. Anunciaban con toda a fachenda que organizaran aproximadamente 300 actividades no ano que vén de rematar e que tal é o éxito da RDL que xa chegan prácticamente aos 160 membros. Tendo en conta que se trata dun organismo formado esencialmente por concellos, unha simple división ofrécenos o penoso resultado de dúas actividades por concello ao ano. Dúas actividades, ademais, que normalizar, non normalizan nada. O seu único mérito é que se desenvolven en galego. O natural sería que fosen programadas pola Consellería de Cultura como tal, pero parece que ésta prefire honrar a memoria dun escritor en español, negándolle absolutamente o protagonísmo a outro ilustre e recente difunto. Pero claro, este segundo tiña o defecto de ser un refente do galeguismo do século XX e iso é imperdonable. Polo menos tan imperdonable como a hipocrisía que demostrou o secretario xeral de cultura cando fai este ostentoso esquecemento cando hai dous anos era un dos protagonistas no velatorio de Díaz Pardo.
Sospeitosamente ningunha das accións que desenvolve a RDL ten que ver con un dos ámbitos que máis lle debería preocupar a un traballador pola normalización: o mundo do comercio e empresarial. As razóns deste baleiro son posiblemente múltiples. Entre elas están seguramente que a aprobación por parte do goberno de Feijóo dunha Lei do Comercio na que excluían todas as referencias á normalización que viñan no proxecto de lei que estaba preparando no seu día o bipartito. Claramente hai outras razóns como a escandalosa redución dos orzamentos para a política lingüística; e tirando deste fío, se no 2013 o programa que nos ofreceu a RDL foi vergoñantemente ridículo, que podemos esperar para este ano se a disposición da caixa é menor?  Este é o victorioso balance que ofrece a Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Teño unha pregunta que me remoe cada vez que a Xunta lanza un dosier sobre a RDL: hai algún plan para a normalización lingüística baixo o paraugas desa Rede? Nese caso, conviña que nos explicaran con cantos traballadores da normalización contan e en que concellos e de que maneira se pretende que contribúan a ese inexistente plan para o fomento do uso do galego nas administracións locais.  Algún destes expertos coordina o traballlo desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL)? De non ser así estariamos en disposición de sospeitar que esa reunión da Casa da Matanza era de carácter exclusivamente político e propagandístico. Eu non digo nada e será galiña, pero cheirar, cheira a can.

7 comentarios:

  1. Noraboa e parabéns por ter chegado ata aquí. Para min e para o blogue do centro (A voz do Alobre) Carta xeométrica é unha referencia e unha necesidade. Apertas

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas. Non sabes canto cho agradezo.

    ResponderEliminar
  3. Noraboa! E que sexan moitos máis, que o país ben o precisa

    ResponderEliminar
  4. Sempre vén ben reflexionar sobre estes temas; non o deixes!

    ResponderEliminar
  5. Parabéns, Cibrán! Á espera de tempos mellores, sempre un pracer visitar Carta Xeométrica e gozar do aire fresco. Unha aperta!

    ResponderEliminar
  6. Que a cousa siga andando, Cibrán. A túa voz virou necesaria, imprescindíbel. Cómprenos a nós, os que seguimos este blogue e lemos os teus atinados posts, a obriga de espallala, de facela chegar a convencidos, a mornos e a descridos, porque é unha voz de verdade e de razón. Obrigado agora e sempre polo teu traballo.

    ResponderEliminar
  7. Moi agradecido a todos. Vós sodes os que lle dades sentido ao blogue.

    ResponderEliminar