Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 15 de xaneiro de 2014

O invento do café con leite morno ao fío de vellos preconceptos

por Goretti Sanmartín, no Sermos Galiza:


Extracto de monólogos nunha cafetaría de calquera cidade galega (mesmo tamén de diferentes vilas):
"Somos moitas aínda as persoas para as que 'morno' é unha palabra común, unha desas que Séchu Sende describiu como palabras en vías de substitución/extinción"
-Un café con leite morno, por favor.- Un café con leche que?- Morno, un café con leite morno.- Como?- Nin quente nin frío, morno.- Ah, inventades cada palabra! Nunca tal oín.
Somos moitas aínda as persoas para as que 'morno' é unha palabra común, unha desas que Séchu Sende describiu como palabras en vías de substitución/extinción e con medo a saíren á rúa e exerceren o seu traballo no seu magnífico Made in Galiza. Na lóxica do desemprego que nos asolaga, a persoa que solicita ese café rematará por mudar a súa expresión nos días seguintes, primeiro por unha forma que se xulga como máis neutra, "un café con leite *templado", para poder mesmo rematar por asumir o "café con *leche" desas escenas bífidas magnificamente retratadas por Singala e levadas ao teatro para unha reflexión colectiva que volve a nós unha e outra vez.
Porque o problema non está en que esas palabras non existan, non se trata de ningunha cuestión técnica con diferentes puntos de vista e, por tanto, non se precisan informes e contrainformes lingüísticos para enredar e causar confusión entre a cidadanía. Non temos que botar man do glosario de voces galegas de hoxe e observar que nel aparece rexistrado 'polbo', 'polbeiro', e 'dorna polbeira' en distintos puntos do país. Non precisamos ir ao dicionario, a calquera dicionario da lingua galega, e constatar que existe unanimidade no rexistro de 'polbo' como forma única para a denominación deste cefalópodo.
Quizais si pague a pena salientar que, para alén de constatarmos este uso tradicional, existen tamén na actualidade crianzas (algunhas delas xa hoxe adultas) para as que 'polbo' forma parte do modelo de lingua inicial que recibiron, para as que 'polbo' é como 'can', 'cadela', 'vaca', 'xirafa' ou 'coello', simplemente o nome dun animal, que escoitaron desde o berce (ou el haberá que dicir *'cuna', como ben retrata a curta “A escola das areas”, sobre o método de aprendizaxe de Sarmiento?). Do punto de vista destas crianzas, 'polbo' é a palabra con que se refiren a un determinado animal en calquera circunstancia se falaren en galego. Por tanto, existen -moi ao pesar de quen quere ocultalas- persoas galegofalantes que (re)coñecen esa palabra como propia e que non só chegan a ela a través da aprendizaxe escolar, se quixermos facer desta cuestión un criterio principal. Con todo, entre a lóxica evolución dun idioma que conseguiu un certo prestixio e que forma parte (aínda que cativa) do sistema educativo, de certos medios de comunicación, das institucións..., está a restitución de formas perdidas, deturpadas e españolizadas que volven empregarse con normalidade. Cantas destas formas non popularizou no seu día a CRTVG! Quen non coñece a xeración Xabarín?
Cantas veces non asistimos a ese redescubrimento de formas que estaban na tradición inicial, mais que deixaran de se incluír no uso cotián! Urxe, pois, sermos conscientes da capacidade de atracción para volver a pór en circulación formas que na mente de moitas e moitos falantes pertencen ao pasado, a unha ou dúas xeracións anteriores, mais que están a pairar entre nós , agochándose nos petos, nas huchas, nas gabetas, nos libros, nas cancións..., porque calquera día o seu uso pasará novamente inadvertido entre a poboación.
Tras a xa vella polémica de lle conceder á forma *'pulpo' lexitimidade no léxico do galego –á beira, iso si, como teiman en afirmar, de 'polbo', para que estigmatice as persoas que elixiren a denominación propia– está a renuncia (neste tempo de involucións constantes) a todo o que significou recuperarmos e dignificarmos o idioma. E nesa volta atrás tanta relevancia ten a negación de que existe un referente culto para o galego como a ocultación de que hai un idioma vivo e ben conservado, tamén transmitido xeracionalmente por persoas conscientes da súa obriga de futuro, un idioma que as institucións e as persoas que son referentes públicos deben promover e potenciar. E asistimos, máis unha vez, ao preconcepto de converter nunha minoría estrafalaria aquel grupo que se preocupa polo idioma, que o utiliza con normalidade e en toda a súa extensión, que non afonda nas súas feridas a través dunha falsa polarización de rexistros, onde achamos o tópico sen sentido de “sempre se dixo así”. Fronte a esa perspectiva, cómpre traballarmos pola cohesión social a nivel lingüístico e por arroupar o labor realizado desde moitos espazos de intervención comprometidos co idioma.
Porque non desexamos acudir ao glosario de inventos onde queren chegar a rexistrar palabras como 'nai' ou 'fariña' ou 'carballo' ou 'auga' ou 'muíño' ou....

Ningún comentario:

Publicar un comentario