por Miguel Moreira Barbeito no Sermos Galiza:
Segundo a hipótese da relatividade lingüística as linguas, lonxe de constituíren unicamente instrumentos con que nos comunicamos as persoas, constrúen a realidade que nos rodea dun xeito único en cada caso. Isto é, o feito de sermos falantes de galego determina que interpretemos o mundo de forma diferente a como o fan as persoas falantes de noruegués, italiano ou español; e que isto sexa así non vén dado pola nosa procedencia, senón polo filtro con que percibimos a realidade.
Para xustificarmos esta argumentación podemos mencionar o ilustrativo exemplo das cores. Desde ben cativ@s sabemos da existencia de dúas cores distintas como son o azul e o verde, que constitúen dúas categorías diferentes do noso abano cromático. Dicimos dúas categorías a pesar de que en todo estoxo de cores aparezan tradicionalmente catro lapis que inmediatamente catalogamos como azul escuro, azul claro, verde escuro, verde claro. Resulta evidente para nós que constitúen variantes de dúas catergorías principais, azul e verde, e mesmo poderíamos referir moitas outras intermedias, como verde musgo, azul cobalto…
Pola contra, as persoas falantes de galés non distinguen entre azul e verde, non existe nas súas mentes esa división, de tal xeito que para elas forman parte dunha única categoría. Como é obvio, si perciben visualmente a diferenza, mais só se trata dunha gradación dentro da mesma cor, do mesmo xeito que o son o azul escuro e o azul claro para nós. Esta forma diferente de percibirmos e de nomearmos unha mesma realidade vén dada polo feito de sermos falantes de linguas distintas, o que implica neste caso dous xeitos diversos de representarmos a realidade, dúas cosmovisións diferentes.
Doutra banda, como é sabido, a presenza de palabras ou construcións lingüísticas foráneas nunha lingua como resultado da cohabitación forzada nun mesmo territorio de dúas variedades lingüísticas diferentes, constitúe un indicador da existenza dun proceso de substitución lingüística. Non temos máis que pensar no que ocorre no contexto galego, onde a presión exercida polo español desde hai séculos motiva innúmeras interferencias lingüísticas, como as morfosintácticas, por exemplo a modificación do xénero dalgúns substantivos acomodándoos ao español (*a mel, *a sal, en lugar de o mel, o sal), a transformación de diversos paradigmas como o dos demostrativos (*estos, *esos, *aquelos, en lugar de estes, eses, aqueles) ou o verbal (mediante o emprego de falsos tempos compostos, como *había dito, en lugar de dixera), alén da creación de formas de plural impropias, como no caso do pronome *quenes, entre outras moitas.
Mais sobre todo localizamos interferencias no léxico, por ser este o ámbito máis permeábel á presión exercida por outras linguas. Resultan tan abondosas que mesmo podemos facer unha gradación atendendo ao seu grao de implantanción; así atopamos, en primeiro lugar, as que conviven coa forma autóctona acoutando o uso desta última, como *pulpo e polbo, *escoba e vasoira; en segundo lugar aquelas que aparecen baixo unha falsa apariencia galega, como *conexo e coello, *parexa e parella; ou, por último, os termos que son interpretados maioritariamente como patrimonias cando en realidade se trata de castelanismos, como *bueno.
O certo é que nos últimos anos o proceso de substitución lingüística do galego avanzou até callar no seu colectivo de falantes a idea de que non é preciso comprometerse individualmente coa lingua propia empregando unha variedade de calidade, senón que, moi ao contrario, parece que abonda con transmitir unha lingua deturpada, lingüisticamente empobrecida, inzada de castelanismos e de categorías baleiras alí onde antes atopábamos unha construción sintáctica ou unha palabra autóctonas, por considerar que pese a todo a lingua sobrevivirá tal e como fixo até o de agora. Mais a realidade é moi outra, e o galego, do mesmo xeito que as linguas minorizadas da nosa contorna, non sobrevivirá se o abandonamos á súa sorte, se non desenvolvermos unha planificación lingüística horizontal, que abranga tanto a administración como o conxunto de falantes, xa que a participación consciente deste último no proceso resulta fundamental para acadarmos a plena recuperación.
Porén actualmente comprobamos que a realidade camiña moitas veces cara a outra dirección pondo pexas ao fin do conflito lingüístico. Comprobámolo, dunha banda, na progresiva redución do marco xurídico que debería protexer o galego, desenvolvida precisamente polas persoas con responsabilidade directa en política lingüística e, doutra banda, na recente solicitude dun representante político ourensán para que a máis alta institución galega en materia lingüística, isto é, a Real Academia Galega, lexitime o emprego dun castelanismo incluíndoo na normativa actual, amparando esta reclamación no seu extendido uso social cando en realidade este feito vén determinado pola propia imposición histórica do español sobre o galego.
Deste xeito, a inclusión na norma do termo español pulpo xunto á forma patrimonial polbo suporía un paso decisivo para a implantación do español no territorio histórico do galego, pois abriría o camiño para o recoñecemento das voces españolas como propias na variante lingüística galega prestixiada, acelerando a disolución da lingua minorizada na opresora, impondo, de acordo coa hipótese da relatividade lingüística, unha cosmovisión allea e, en suma, anulando a identidade colectiva que nos constrúe como pobo independente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario