Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 18 de xaneiro de 2014

Non, non foi un bo ano para a lingua galega

Manuel González González avalía o 2013 desde a perspectiva da normalización da lingua galega, nas Voces de Prolingua:



Váisenos un ano e temos que preguntarnos: avanzamos?, cara a onde imos? A resposta non invita a sentírmonos satisfeitos. Os problemas estruturais da lingua galega non só non se resolveron, senón que, en xeral, se agravaron. A transmisión do galego no seo da familia vai a menos e non se fai nada por remedialo, os xornais escritos en soporte papel están totalmente varridos (benvida Luzes, un facho de luz no medio da escuridade), aínda que é verdade que hai varios xornais dixitais que están a ocupar un espazo cada día máis importante dentro do sistema informativo galego, e están chamados a crecer aínda máis. O galego segue presentando unha asociación moi forte coa ideoloxía política, e isto non é achacable ao nacionalismo nin á esquerda: a realidade móstranos cada día nas tertulias dos medios de comunicación que as persoas que utilizan de maneira sistemática o castelán pertencen case sempre a un determinado sector ideolóxico. E isto é algo sobre o que deberían reflexionar algunhas forzas políticas: o problema non é, como tantas veces se ten manifestado, que o nacionalismo pretenda apoderarse en exclusiva do galego, o problema real é que sectores importantes de determinada ideoloxía o están abandonando, e ás veces mesmo facendo manifestación ostentosa dese feito, baseándose en que “tan gallego es el gallego como el castellano”. Slogan tan burdo que fala por si só.
A calidade e nivel de corrección do galego utilizado polos nosos principais dirixentes sociais deixa moito que desexar. Claro que hai excepcións, pero nalgúns casos tal é o desleixo que mesmo leva a pensar que se están burlando dela. Non coñezo ningún caso semellante noutros lugares do mundo.Non, non foi o 2013 un bo ano para a lingua nin para a cultura galega (en realidade, non foi un bo ano para a cultura en xeral). Un ano que comezaba cunha operación destinada a descabezar a RAG e cambiar o seu rumbo como referente fundamental da modernización da lingua galega, da súa promoción e da defensa dos seus dereitos, operación que desembocou nun proceso electoral certamente convulso, que danou nalgunha medida a imaxe da RAG diante da sociedade galega. A admisión a trámite por parte do Tribunal Supremo do recurso presentado pola RAG contra o Decreto de Plurilingüismo mantén aberto o litixio da RAG para defender os dereitos da lingua galega que considera gravemente lesionados por este decreto.A situación dentro da Administración tampouco mellorou, polo menos institucionalmente: nin dentro da Administración Autonómica, nin na Administración Periférica do Estado, nin na Administración Local. O galego segue ausente do Plan Informático da Administración de Xustiza. Non coñezo con exactitude o número de sentenzas ditadas en galego o 2013, pero a impresión é que non aumentou, e isto a pesar dos esforzos realizados pola Irmandade Xurídica Galega, que ano tras ano vai incrementando o número de efectivos comprometidos co uso do galego no ámbito da xustiza, e que hoxe por hoxe é o instrumento máis dinámico co que contamos para a galeguización da xustiza. Houbo, non obstante, neste ámbito tamén algúns feitos positivos importantes, como a lectura da sentenza do Prestige en galego, que, aínda que como sentenza non nos guste, permitiu que a lingua galega fose escoitada en moitos países asociada a un acto de alta formalidade. Feitos positivos foron tamén algunhas sentenzas do TSXG, como a ditada hai só uns días na que ratifica que “unha demanda presentada en galego terá plena validez, e, se debe surtir efectos nun territorio fóra da Comunidade Autónoma Galega e se solicita pola parte a súa tradución ao castelán, o xulgado procederá á súa tradución”. Saudamos outra iniciativa positiva importante, que facilitará certamente o uso do galego na xustiza: a posta en liña da lexislación galega consolidada, mediante unha aplicación que estará ao libre dispor de todos os potenciais usuarios. É un proxecto que se está levando a cabo no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dirixido por Antonio López Díaz e Xabier Ferreira Fernández, que estará activo a comezos do 2014.Tamén no mundo da empresa ao galego lle custa conquistar novos ámbitos. Poucas alegrías percibimos este ano fóra das iniciativas impulsadas por ese exemplar dinamizador que é Xosé González Martínez sobre todo a través da Irmandade Galega de Adegueiros e Agroalimentarios, que logrou un avance espectacular na etiquetaxe en galego dos nosos viños, e que agora está tratando de extrapolar a galeguización do sector vinícola a outros produtos elaborados polas nosas industrias de transformación agraria. Recentemente o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha proposición non de lei que insta a Xunta a promover a etiquetaxe en galego, a favorecer o consumo de produtos etiquetados na nosa lingua, e, en xeral, a adoptar as medidadas contidas no Plan Xeral de Normalización Lingüística na área de comercio.O mundo do ensino é un ámbito no que a presenza da lingua galega debe ocupar un lugar nuclear, porque é na etapa escolar cando os nosos nenos e os adolescentes entran en contacto con coñecementos e realidades que consideran do máis alto prestixio. Por desgraza, o 2013 quedará marcado coma o ano en que foi aprobada a LOMCE, unha lei que o mellor que lle podemos desexar é que non consiga ser aplicada, unha lei que tras bonitas palabras non consegue ocultar unha recentralización das competencias educativas autonómicas, unha lei que conduce a un concepto de educación retrógrado e clasista, unha lei que non respecta a diversidade de linguas e culturas do Estado español. Tampouco o 2013 foi un bo ano para a presenza da lingua galega no sistema escolar da zona galegófona do Bierzo que, aínda que non pertenza administrativamente á nosa Comunidade Autónoma, forma parte da galeguidade e da cultura galega.O 2013 tróuxonos unha boa nova, a aprobación por parte da ICANN, dun dominio .gal, feito histórico que permitirá dentro de poucos meses que a lingua e a cultura galega teñan visibilidade no mundo enteiro a través da Rede: cada vez que en calquera lugar do mundo alguén abra un enderezo .gal, estará a recibir a información de que existe un país chamado Galicia, e que existe unha lingua e unha cultura galegas. O dominio .gal deberá ser un instrumento que tamén nos beneficie economicamente, especialmente ao servizo das industrias e das empresas relacionadas con produtos en que a asociación con Galicia implique un plus de calidade. Este dominio vai facilitar a eficiencia dos buscadores para atopar todo tipo de información relacionada con Galicia. Pero esta visibilidade na Rede debe servir, sobre todo, para que nos sintamos recoñecidos ao mesmo nivel que outros pobos do mundo e para aumentar a nosa autoestima.A estas alturas non hai que explicar que as linguas, todas as linguas do mundo, son un patrimonio da humanidade, e cada vez que unha lingua desaparece é unha mutilación que o noso corpo social sofre. Alguén poderá pensar que ao longo da historia desapareceron moitas linguas e nós seguimos vivindo igual. Ao longo da historia tamén se aniquilaron fisicamente moitas poboacións enteiras, e nós seguimos vivindo. Pero estas amputacións sempre nos fan máis pobres, máis pobres social e espiritualmente. Por iso as grandes organizacións internacionais defenden as linguas e proclaman os dereitos dos seus falantes, por iso hai unha Carta europea das linguas aprobada polo Consello de Europa, e por iso a Constitución española di que todas as linguas de España deben ser obxecto de protección.Non hai máis que unha maneira de protexer as linguas: normalizalas, convertelas en vehículo de expresión normal das comunidades que historicamente as posúen e das que son vehículo de expresión social e cultural. Todo o demais son amendos mal postos, que poden tapar temporalmente as vergonzas, pero que non protexen do frío nin serven para construír o traxe que a comunidade necesita.Isto que é tan evidente para calquera que analice un pouco polo miúdo a historia das linguas e dos pobos non acaba de ser percibido en xeral coa mínima seriedade polos responsables políticos e polas clases dirixentes: o galego váisenos pouco a pouco das mans, váisenos esvaecendo sen decatármonos e, polo tanto, sen escandalizármonos. Pero non por iso somos menos responsables.Estes anos estanse realizando traballos de recuperación do Pórtico da Gloria, estanse reforzando as torres da fachada do Obradoiro da Catedral de Santiago. O noso goberno reaccionou con rapidez diante da desgraza do incendio do Santuario da Virxe da Barca de Muxía. Son todas actuacións ben loables e que agradecemos, pero aínda agardamos a que se afronte con seriedade o problema da normalización da lingua galega, que é o monumento máis grande que construíu o noso pobo ao longo de moitos séculos de historia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario