Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 21 de xaneiro de 2014

´Sardinilla´ non!

por Xosé Luis Méndez Ferrín, no Faro de Vigo:


A un tiro de pedra da casa na que é fama que se imprentou a edición príncipe de Cantares Gallegos, Rúa Real de Vigo, traballa desde antigo, un establecemento de viños e comidas
chamado Fai bistés. De aquí a pouco, moita xente notará raro tal nome, ou mesmo descoñecerá o seu significado. Nos pasados anos a palabra bisté caeu en desuso en galego e no castelán de Galicia, e foi substituída por "filete". Cos nomes dos peixes e fauna mariña ocorre que están sendo substituídos por formas exóticas. Na xeración dos meus país, e xa antes da Guerra Civil, nas prazas de abasto, fogares, tabernas e hoteis de Galicia a pescada ou pixota perdeu os seus nomes tradicionais e pasou a ser "merluza". Diante dos meus ollos abraiados, retirouse das cartas dos restaurantes e das pescaderías sapo, peixe-sapo ou rabada para no seu sitio ostentaren o nome estranxeiro de "rape". Os que de nenos e mozos tentábamos pescar robalizas, ou mesmo robalos, na Ponte das Correntes de Pontevedra, onde desauga o río que Sarmiento chamaba Elba, e hoxe é Alba, sentímonos tristes cando en algures alguén nos serve "lubina". Non gosto nada de ouvir falar de "centolas", porque en Galicia ese crustáceo sempre andou en feminino, centola, a non ser que se trate de bruños, que son menores. O pobo galego, moi amigo da sardiña pequena, ao revés do portugués, que a ignora soberbiamente, designou históricamente os individuos "infantouxuvenís". Se se me permite a disparatada expresión pedagoxista, como parrocha ou como xouba. A liña de demarcación entre xouba e parrocha está posta, por uns, en Muxía, e por outros ás portas da Coruña. O que resulta escandaloso é que os fabricantes de conserva de Galicia (as súas marcas son Miau, Palacio de Oriente, ou La Onza de Oro, ben pouco fachendosos da súa galeguidade) están a comercializar as latas de xouba/parrocha como de "sardinillas". A xarda, rincha por onde eu como peixe, se é pequeña, aparécenos agora como caballa. E, o que resulta máis molesto, hai quen ten a impertinencia de lle dicir gallo, como Herdeiros da Crus noutro contexto, ao que a nación galega chama rapante, ollón, sollón, meiga. Os que conspiran para estropear o galego en materia de peixe e froitos de mar, baten nun con moi duro. Domo decer en castelán nécora, vieira, zamburiña, croque/berberecho. Non hai palabra castelanizante que lle vaia. A palabra galega para designar a especie Octopus vulgaris é polbo (portugués polvo), pero hai quen pretende introducir no diccionario académico a voz castelá pulpo. Non pensó eu que o consigan, entre outras cousas porque a RAG actualmente está paralizada

Ningún comentario:

Publicar un comentario