por Ana Outón no dixital de Poio, O Castrove:
Como tantas veces ocorre, o gran amor da nosa vida está moito máis preto do que pensamos; e o que buscamos non sempre está lonxe nin é inalcanzable. Tan só hai que darse conta, o que pode non ser doado.
Cando eu era pequena, xogaba con el, e encantábame. Temos comido xuntos, e merendado, rimos e choramos moitas veces; durmiamos e soñabamos compartindo cuarto. Pasabámolo moi ben. A nosa relación era a normal para nós, que eramos libres e non atendiamos a ningunha regra social.
Un bo día (ou malo) empezamos na escola. El era o mesmo, pero eu empecei a cambiar. A min gustábame moito, pero non a tódolos meus amigos e tampouco lle caía moi ben a algúns profesores. O pobre, que non se sentía cómodo, non quería arredarse de min, pero eu, pouco a pouco, fun adquirindo a habilidade necesaria para ilo deixando de lado. Non sei moi ben o que tardamos, pero acabei por rexeitalo por completo, ignorábao e nin miraba para el. O pobre, aceptouno, sen máis nin menos. Contentábase con terme na casa, na rúa, na nosa aldea. Aprendemos os dous a ter esa rara relación que nos facía íntimos e inseparables no noso e descoñecidos odiados fóra do noso.
Pasaron así non poucos anos. Despois da escola veu o instituto. Xa sabemos todos como son estas cousas... Como o pobre continuaba sen facer moitas amizades, eu continuei co meu rexeitamento. Ninguén, que raio!, quere verse fóra do grupo nin coma un bicho raro. Xa son abondos os cambios físicos e hormonais, como para ter que afrontar outros problemas. Facemos todo o posible por pertencer ó grupo e cedemos sempre á súa presión. A nosa felicidade xira en torno a sermos iguais e non distintos.
Non sei ben en que momento foi, pero outro sentimento comezou a xurdir en min con moita forza: a pena, a intensa mágoa que escorrega para unha profunda dor de peito. Dábame pena. Así é, que lle vou facer? E o peor de todo é que me sentía mal por rexeitalo, por cometer eu con el a inxustiza que os demais cometían tamén. Vinme a min mesma tirándolle pedras como os demais facían. O odio empezou entón a virarse contra min. Afastábame del e rexeitábao por unha forza superior que me movía cal monicreque. Chegabamos logo á casa e abrazabámonos baixo unha enorme manta de bágoas, ata ficar secos.
Volviamos despois xogar coma sempre, rir coma sempre, durmir e soñar coma sempre, ata que outro día amencía e volviamos ó instituto. Bendita a fin de semana, que nos permitía gozar do noso amor esquizofrénico despedindo e saudando un novo día con liberdade, falsa liberdade.
Fun probando outros amores, teño que confesalo, pero, aínda que cheguei a agarrar algún con forza, sen sabelo, non deixaba de buscar.
No último ano de instituto a presión de grupo comezou a afrouxar un pouco. Eu sabía que a partir dese momento me ía atopar con outra xente, noutros lugares e que, quizais, esta era a miña última oportunidade para resarcirme e para desfacerme do tipo de persoa no que me convertera nos últimos anos e que tanto odiaba. Esta era a miña oportunidade para acoller con forza e de novo e en público o meu amigo e compañeiro, o meu gran amor.
Custoume armarme de forza. Non foi nada doado tampouco; pero a decisión estaba tomada e era irrevogable. Así pois, o último día de instituto, agarreino con forza da man, erguín a cabeza e díxenlle: de aquí en diante, ti sempre ó meu.
Xa pasaron algúns anos desde aquel día. E seguimos xuntos. Síntome orgullosa daquela decisión como de ningunha outra. Esa decisión fixo que me reconciliase comigo mesma, que me sentise cómoda dentro de min, que me gustase o tipo de persoa no que me estaba a converter. Poucas cousas na vida valen tanto.
Como ocorre en tódalas relacións que duran tempo, tivemos os nosos momentos bos e non tan bos, atravesamos situacións difíciles e duras, enfadámonos nalgunha ocasión (máis eu ca el); pero soubemos, e saberemos, sobrepoñernos a cada situación para continuar o noso camiño da man.
E agora é hora, desde aquí, e porque o mereces, de dicirche, meu ben, meu amor, miña prenda, canto te quero e canto te amo. Porque me sufriches, e soubeches permanecer sempre ó meu lado, porque grazas a ti son hoxe a muller que son, quero confesarche en público e berrando ben alto, o que ti xa sabías desde sempre e eu tanto tardei en me decatar, que te amo e te amarei por sempre ata que a morte nos separe e, se cadra, máis alá dela, porque ti, meu querido Idioma Galego, es o meu fiel e leal amor eterno.
Grazas por existir e por escollerme a min.
Ningún comentario:
Publicar un comentario