Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 13 de xaneiro de 2014

Os nomes de lugar de Redondela

Carta ao director de Antón Coruñago Laxe no Faro de Vigo:


Os nomes dos lugares constitúen unha parte importante do patrimonio cultural dunha comunidade. Coma os vestixios arqueolóxicos e os monumentos históricos son un legado recibido dos antepasados e debemos entendelos como sinais dunha memoria común que representan en forma de palabras a relación da xente coa paisaxe ao longo da historia (Gonzalo Navaza).

O profesor Navaza, entre outras cousas, é membro da comisión de toponimia da Xunta de Galicia, da comisión de toponimia do Concello de Gondomar, responsable da toponimia do Concello de Catoira; da parroquia de Saiáns do Concello de Vigo, da parroquia de Rebordecháns do Concello de Crecente, da parroquia de Reboreda no Concello de Redondela, autor de varias publicacións sobre toponimia...
Gonzalo Navaza foi, como digo, o responsable no ano 2000 da recollida, rotulación e publicación ("Reboreda, os camiños da identidade") da toponimia da parroquia de Reboreda. Esta considerable e recoñecida obra foi o resultado de máis dun ano de traballo cun presuposto de tres millóns de pesetas (obra e publicación do libro) da época. Os recoñecementos foran varios, para a Sociedade Cultural da parroquia presidida por Antonia Amoedo Otero: de entidades públicas, de moitas entidades culturais e mesmo recibiu o premio "Pola Promoción e Defensa da Terra" no ano 2001, premio que entrega anualmente a "Irmandade Moncho Valcarce" do Concello de Cerceda. Os últimos premiados en 2013 foron o Museo do Pobo Galego e Manuel Lugrís Rodríguez.
Pois ben, sabedores de todo isto, no ano 2005 o Concello inicia os traballos de rotulación das restantes 12 parroquias do municipio, traballo que se realiza sen asesoramento técnico ningún e sen criterio de ningún tipo, asunto do que foron informados varias veces pola Asociación Cultural Alén Nós, pero foi coma se falaramos coas pedras da Casa do Concello. Conclusión: no 2011 rematan ese traballo que terminou sendo un asunto de vergonza pública: os erros, as faltas de ortografía, a omisión de topónimos, as dobres denominacións viarias, o non distinguir un camiño dunha estrada, unha rúa dunha avenida; supresión de lugares e núcleos de población (barrios)... Na parroquia de Chapela utilizarían o que se coñece coma toponimia de repertorio. Si, seguramente cansos de pensar, nos barrios de Igrexa, Angorén e Parada obviaron a toponimia e puxéronlle nomes de paxaros e de árbores a tódolos viais. Mesmo rotularon por riba do rotulado como foi o caso da parroquia de Reboreda para contradicir o traballo feito pola Sociedade Cultural. Non chegaría esta páxina para reproducir as chafalladas e disparates que aqueles "lumbreras" gobernantes(?) nos deixaron.
Estes aínda o fixeron peor que os do Concello de Moraña, alí uns fenómenos máis ou menos coma os de Redondela solucionaron o asunto denominando as rúas con números. A rúa 1, a rúa 2 ,a rúa 3...
Aqueles e estes pisabostas (é certo que hai que mirar para arriba pero neste caso para baixo) non saben que os nomes de lugar son a memoria que a terra ten de si mesma, que se perderamos os topónimos seriamos un repertorio de nomes sen saber a que se refiren. Seriamos un territorio amnésico. Os topónimos son os marcos da historia.
Canto prexuízo teñen os pailáns acomplexados contra o mundo rural, prexuízo que sempre vai desde a vila ata a aldea, impoñendo nomes e "civilizando". Trátase de un prexuízo contra a lingua galega, prexuízo antigalego disfrazado de cultural.
De todo isto e moito máis polo miúdo, temos falado desde Alén Nós co goberno actual desde maio de 2011. Entregamos a documentación que nos pediron avalada por un técnico en toponimia, propiciamos varias reunións cos responsables municipais deste cometido e co profesor Navaza... Déronnos a palabra e o propio alcalde manifestou a Faro de Vigo a decisión de acometer a restauración de toda esta desfeita para ben e decoro de todos.
Por nós non vai quedar a cousa así e recordámoslle ao Goberno que as cousas é mellor facelas ben, antes de que remate o tempo. En todo caso que lean a lei, porque do que se trata é de cumprir o seu mandato. Lei 1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG 14.07.1983). No seu artigo 10 establece: Os topónimos terán como única forma oficial a galega.Corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia. O nome das vías urbanas será determinado polo concello correspondente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario