Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 9 de novembro de 2019

Os mortos non falavan castelao

por Iolanda Teixeiro, na Praza Pública:

Na Galiza acontecen cousas que non se dan en ningunha outra terra do mundo. Estou certa que en ningures son quen de normalizar unha lingua nun cemiterio. Porén a noite dos mortos deste ano a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia e o concello de Paradela, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, descubrirán unha placa no cemiterio parroquial de San Facundo de Ribas de Miño para celebrar a estrana circunstancia de que este sexa o único cemiterio de Galiza con todas as lápidas en galego.


Que escuros designios fan que sexa Paradela a única aldea gala que resiste ao invasor? Terá algo a ver que paradela teña o significado de parada curta ou detención breve? En que lugar do mundo máis ca nas portas do Alén atlántico se lle pode ocorrer aos poderes públicos celebrar a vitalidade dunha lingua nun cemiterio? Nunha nazón onde os devanceiros non teñen relevo xeracional por mor dun éxodo rural inducido xa dende o desenrolismo franquista dos sesenta do pasado século. E, sobor de todo, quen será tan arrichado para participar nesa cerimonia fúnebre xusto no día no que se abren as portas entre os mundos? Poida que sexa este cemiterio de Paradela o único no que mortos e vivos falen a lingua propria.

Enorme paradoxo que tras un lustro da aprobación por unanimidade da Lei Paz Andrade no Parlamento galego, unha lei para o achegamento da nosa lingua ao mundo da lusofonía, a penas teñamos avanzado, nen sequer para ofertar o português como lingua optativa no ensino secundario e porén, os presuntos defensores da lingua fagan do galego un santuario para Kodokushis. Para os inexpertos en linguais orientais, que saibades que os Kodokushis son as persoas que viven tan isoladas no medio da moitedume que só se descubre a súa morte moitos meses ou anos despois polo fedor, o atoamento de publicidade na caixa dos correios ou as luces acesas das súas vivendas. As novas luces da Compaña, agora sen candeas.

Será o fado quen destine a nosa lingua a finar como unha kodokushi coa presenza e honras fúnebres de quen a está chamado á protexer?.

Certamente, o escudo do concello de Paradela, amais da cruz e a mitra, que evidencian o camiño francés a Compostela, porta dous castiñeiros ou árvores do pan para nos lembrar, se cadra, a mortandade dos soutos onde se celebravan os Samain, bosques sagros para nos comunicar cos devanceiros e vencellarnos ás nosas raigames no fin do ano celta. As árvores baixo as que rendiamos culto aos nosos, á nosa cultura e aos nosos defuntos que non falavan castelao ás avesas do relato de Ánxel Fole en Á lus do candil.

Fole non podía concebir que os mortos falasen castelao na nosa terra e por iso as voces que Ramilo e os seus compañeiros escoitan no camposanto son de vivos, dunha parella de noivos que fuxen para casar e teñen a derradeira cita no camposanto, sobornando ao enterrador. E aínda así só enxergamos o emprego desa lingua porque o noivo era forasteiro. E xa se sabe que un forasteiro na Galiza é quen de mudar o xeito de falar de todo un povo.

Alguén poderá pensar que sendo os galegos de Paradela maioritariamente galegofalalantes non é sorprendente que as campas estean escritas en galego. Mais quen así pensa de seguro será forasteiro porque todos sabemos que a persecución da nosa lingua foi máis nas escrita ca na oralidade ate ben entrado o século pasado co medre das cidades e a xeralización do ensino.

Lembro que hai poucos anos Bernardo Penabade, un dos responsabeis do sobranceiro proxecto Neo, así como da normalización da nosa lingua apoiándonos na convivencia coa comunidade de Cabo Verde do concello de Burela, pedirame de tirar fotos de lápidas en galego no cemiterio de Catabois de Ferrol para un traballo sobre o galego nos cemiterios. Soprendeume a escaseza delas.

Dicíame unha muller idosa en Palmeira, a morte é un correo moi pecho. Ninguén veu dalá. Coa nosa lingua dando as últimas boqueadas, máis pecho vai ser. Pois se de tres xeracións cara atrás case que ninguén falava castelao...como nos imos comunicar cos devanceiros no Samain?.

Ningún comentario:

Publicar un comentario