A próxima vez pido café con gotas. A fin de contas, de tanto pretender manter intacta a conciencia lingüística usando Twitter para o autobombo tralo Telón de Grelos unha xa aprendeu a escribir en bilingüe: «Novela en nada: escritora feliz»; «Casa en Madrid para prestarme?». O certo é que podería saír beneficiada co café con gotas en bilingüe, aínda que unha é responsábel e non bebe alcohol se está traballando, nin cambia de lingua nos bares de Pontevedra.
Fun pagar: «Cóbrasme un gin-tonic, unha botella de auga e un café con xeo, por favor?». O desprezo pintóuselle na cara, preméndome na mala conciencia burguesa. Trateino mal?, pensei. Preferiría que non o atuase? Por un intre, coidei ter un moco asomando, algo especialmente vergonzoso cando a túa indumentaria te precede na procura dun glamour do que careces. Comezaba a tocar disimuladamente a punta do nariz, cando o camareiro repetiu: «Gin-tonic, agua y café con hielo». Foi sutil, pero insistiu no final. «Si, con xeo», contestei, supoñendo unha dúbida. Igual oíra mal e non sabía se era manchado, cortado ou café con gotas. Pero non, era café en galego. «Con hielo», insistiu, e aí miroume, cargado novamente dese desprezo dos que dan leccións ás lesmas antes de pisalas.
A conciencia lingüística ten a particularidade de que é quen de esmagar os declasados, os que xulgan e os machistas (si, iso tamén: a sociolingüística é complexa). «Falo seis idiomas», fachendeei, «pero non falo en impertinente...». «Que pagues, cona!», dixo o camareiro en bilingüe perfecto, engadindo un préstamo de incorporación seguramente recente ao seu vocabulario...
No mostrador, detrás do meu vestido cheo de ar, quedaron os cartos do gin-tonic e a botella de auga grande, sen gas.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
mércores, 7 de agosto de 2019
Café con xeo
por Inma López Silva en La Voz de Galicia:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario