Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 9 de abril de 2021

Xosé Ramón Barreiro (1936-2021). In memoriam


 por Xosé María Lema, nas Voces de ProLingua:


O pasado 17 de marzo de 2021 finaba na súa casa de Coruña o historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández, que tamén foi Presidente da Real Academia Galega (RAG) de 2001 a 2009. 

Casualmente estaba eu a piques de enviar á imprenta Pola nosa lingua. Unha década de artigos en defensa do galego (2009-2019) -cun prólogo e cunhas artísticas ilustracións de Heitor Picallo e un epílogo de Maka Arca- e, pola temática desta obra, veume á memoria o que talvez fose o derradeiro gran discurso do finado no cargo académico: o pronunciado o 6 de setembro de 2009 no convento de Celanova, onde a RAG recibía do daquela novo Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, o Premio Celanova Casa dos Poetas, outorgado por esta entidade celanovesa. Segundo as informacións de diversos xornais e dalgúns asistentes ó acto, estes foron algúns dos parágrafos do discurso do presidente académico Barreiro na recepción do Premio (1):

 “Señor Presidente: non podo desaproveitar a oportunidade; a Real Academia Galega non pode ficar en silencio nin mirar para outro lado cando se toman decisións e asinan decretos que atinxen á súa lingua ás súas costas. (...) Cando se fan decretos sen contar coa Real Academia provócase desasosego entre os seus membros. (...) Non son eu quen ten que dicir o que debe facer o poder político, pero a RAG ten a responsabilidade de velar polo idioma. (...) A primeira obriga que teñen os poderes públicos é fomentar o sosego, a paz e a tranquilidade e non crear problemas sobre estes e outros puntos. (...) Estamos nunha sociedade moi crispada no tema da lingua, e a RAG non foi quen removeu as augas”.

 Contan os cronistas presentes no acto que Barreiro Fernández pronunciou este discurso de maneira espontánea e mesmo sorprendente (ningún académico tivera o máis mínimo coñecemento previo del), sen ningún papel diante, con moita finezza e maior tranquilidade, coma unha homilía -el fora crego-, sen que en ningún momento lle tremese a voz.

O académico Manuel Rivas cualificou este discurso improvisado unha declaración histórica, inesquecible, que comparou metaforicamente coa célebre xura de Santa Gadea de Burgos: “En Celanova, e enténdase como xogo histórico -escribía Rivas-, tamén había unha pregunta que facer, retórica mais necesaria: «Se ti es partícipe ou consentes na desaparición do galego».

“En Celanova houbo quen non oíu nada -remata Rivas-, agás a propia voz e o acostumado rendez-vous. Mais Barreiro oíu ‘Que tempos!’, unha negra visión en ruínas coa que remata A igrexa fría, un dos poemas polos que o celanovés Manuel Curros Enríquez foi perseguido polos reaccionarios de antano, polo visto máis poéticos dos que hogano gobernan Galicia”.

Remato facendo miñas esoutras palabras do admirado Xosé Ramón Barreiro, que resoaron no solemne acto do milenario mosteiro de Celanova: 

“Sigamos sendo rebeldes para loitar pola liberdade e pola cultura galega. (...) Todos, políticos, intelectuais e pobo, temos a obriga de transmitir íntegra a nosa cultura ás próximas xeracións, sen rebaixala; transmitir unha cultura é transmitir unha lingua: isto é o que lles pido ás autoridades aquí presentes”.

No ceo dos poetas, os celanoveses Curros e Celso Emilio seguro que aplaudiron este discurso cheo de sentidiño e, sobre todo, de dignidade. Mais, en vendo que o destinatario facía oídos xordos quedarían “mirando ó chau” e dirían: “Que tempos!”

Graciñas, Xosé Ramón, polo teu exemplo de dignidade. Procuraremos seguir esa rebeldía da que falabas para transmitir íntegra a nosa cultura e a nosa lingua (2).

1.- Tomei os parágrafos seguintes crónicas e artigos: https://elpais.com/diario/2009/09/07/galicia/1252318694_850215.html; https://www.vieiros.com/nova/76236/feijoo-rag-historia-dun-desencontro; https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2009/09/07/presidente-rag-abre-frente-xunta-acusarla-crispar/0003_7954216.htm; http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/3659-opinin--xose-ramon-barreiro-prudencia-dignidade-rebeldia; 

https://elpais.com/diario/2009/09/11/galicia/1252664315_850215.html.

2.- Ó ter noticia do seu falecemento, o director da audición de radio Sempre en Galicia de Montevideo, a máis antiga en lingua galega, pediume unhas breves notas biográficas de Barreiro Fernández para emitir como editorial no programa seguinte. Así se fixo o domingo 21-03-2021 ás 9 da mañá, hora uruguaia. Quen queira escoitala (seis minutos), aquí ten o enlace, a partir do minuto 2:50 https://www.facebook.com/francis.queijogonzalez.3/videos/1851098728379962). Vén despois unha interesante entrevista coa xornalista galega Belén Regueira, premiada cando traballaba da Radio Galega (RG), e remata o programa con emotivos comunicados de emigrantes galegos no Uruguai que agradecen seguir escoitando o idioma da súa infancia, ou o que falaban os seus pais e avós: manifestan unha sensibilidade da cara á lingua que o Goberno galego non ten.

Ningún comentario:

Publicar un comentario