Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 7 de setembro de 2021

Máis do mesmo. Cara e cruz

 


por Pilar García Negro en Nós Diario:

"Falar galego é saudábel”. Tal foi o lema da campaña da Mesa pola Normalización Lingüística e mais do Grupo de Normalización do Estudantado de Medicina que apresentaron ao Presidente do Parlamento en Febreiro de 2020. Este diario informaba daquela de que esta campaña declaraba como obxectivo desenvolver con normalidade en galego a relación entre persoal sanitario e pacientes. Lembro isto porque, no meu último artigo, referinme á exigua presenza do galego na vida académica superior, e é de xustiza felicitar o labor de estudantes de Medicina que defenden algo tan elementar como poderen se familiarizar co galego na carreira e, así, teren unha base práctica para o exercicio posterior da súa profisión. Ninguén discute a necesidade de os futuros médicos saberen algo de grego, por ser esta lingua formante de termos científicos e clínicos. É menos o galego na Galiza? 
Escena nunha vila galega mediana. Piscina pública. Desde a auga, unha nai, nova, anima o pequeno, remiso, a entrar nela. En galego. Ao saír eu, secundando a nai, díxenlle: “Anímate! Estache boísima!”. A nai sorriu e eu non tiven tempo de a felicitar. Si se me ocorreu falar co monitor dun curso de natación para nenas-os (un rapaz novo) para lle suxerir, con todos os miramentos, o bon que sería se dirixir aos alumnos en galego, pois están na idade en que isto é máis preciso. Quixera ter gravada a conversa. De primeiras, díxome: “Eu son galego”. “Home, casualmente, eu tamén son galega”, respondinlle. A partir de aquí, mudou ao español, para me aclarar que o usaba por ser a lingua “estándar” (?!), que el era profesor (nova coincidencia, sinalei), e deu por concluída a leria, displicentemente. Paso por alto que un rapaz a quen lle levas como mínimo 40 anos te atúe, non por proximidade, xaora, senón con ese falso democratismo que se gasta cos vellos. Rematei, como unha imbécil, pedíndolle desculpas por interromper o seu traballo, e retireime. Digo como unha imbécil, porque non sei até que ponto paga a pena aturar pacientemente un recital de insolencia ou de desprezo. Lingua “estándar”: onde aprendeu semellante “definición”, acompañada, como non, do sempiterno argumento de “los niños de fuera”. Os de dentro, galegos, que vaian fritir minchas. O furto do galego, estendido, normalizado, defendido, xustificado. Así nos vai. 
“Subamos” agora ao nível gobernamental. A Cons. de Educación autoriza 225 áreas bilingües en 106 centros de primaria, secundaria, bacharelato e FP. Máis español, máis inglés. O galego, no rocho. O tal ensino “bilingüe” multiplica por sete o existente hai trece anos e dispón de 628 auxiliares de práctica oral, pagados. Contratarán algunha década destas nativos galegos, talvez zombis, para transportar o alumnado ao remoto galego? Iso si, teremos cursos gratuítos de galego para obter o CELGA. Para que? O DOG, por exemplo, vén de publicar a declaración de interese galego da “Fundación La Toja” [sic; art. 10 da Lei de Normalización Lingüística: 38 anos], si, a mesma que trae á colonia persoeiros españois variados para nos aleccionar adecuadamente, isto é, para que aprofundemos a nosa dependencia e a nosa submisión.

Ningún comentario:

Publicar un comentario