por Yuri Carrazoni no Nós Diario:
Que tempos vivimos, nos que unha traballadora pode ser increpada por empregar a súa lingua no seu propio país. O caso do dolmen de Dombate, en Cabana de Bergantiños, é máis unha mostra do longo camiño que aínda nos queda por percorrer para garantirmos uns dereitos lingüísticos básicos que a Xunta da Galiza non parece interesada en nos brindar. Seica aquilo do "bilingüismo harmónico", que noutrora foi a política estrela de Núñez Feixoo e que hoxe o seu sucesor aínda segue a replicar, consiste na práctica en falar en galego "na intimidade" –que diría Aznar–, onde non molestes a ninguén, e cando esteas exposto ao público botes man de "la lengua común", como porfían en nos vender o castelán os españolistas. Aínda que esteas na túa terra e no teu posto de traballo, e aínda que o obxectivo das institucións sexa dar a coñecer o noso patrimonio na nosa lingua propia.Non axuda tampouco termos un presidente que presume de se opor, desde o exercicio do seu cargo, a que o noso idioma sexa recoñecido como oficial nas institucións da Unión Europea. Tampouco que unha década despois continúe en vigor un decreto, o malchamado "do plurilingüismo", que limitou a docencia en galego. Daqueles pos veñen estas lamas. E os discursos reaccionarios cada vez máis presentes, que disparan indiscriminadamente odio en todas as direccións, tamén se dirixen cara á nosa lingua.
Ningún comentario:
Publicar un comentario