por Manuel Bragado no Nós Diario:
No informe de resultados sobre hábitos de Lectura e Compra de Libros en Galicia 2024, encargado pola Consellaría de Lingua e Xuventude, o que merece parabéns, destacan dous datos. O primeiro: a poboación galega lectora, a partir dos 14 anos, é de 69,5%, unha porcentaxe elevada, superior a 65,3% do ano anterior, nos niveis da media española; sendo superior a de mulleres (76,2%) ca de homes (63,3%) e a da provincia de Ourense coa de maior proporción de lectorado. O segundo: a poboación lectora habitual en galego é de 11,8%, inferior á do ano anterior (12,4%); sendo a porcentaxe de homes (13,3%) superior á de mulleres (10,7%); como a da poboación lectora entre 25 e 34 anos a máis galeguista (15,30%), xunto coa maior de 65 anos (13,6%); destacando a provincia de Pontevedra sobre as restantes pola cifra de lectorado habitual en galego (17,1%).
Datos sobre lectura en galego, que descenden a 10,1%, cando se refire á lingua do último libro lido e a 5,7% cando se refire á compra habitual de libros en galego (non de texto). Cifras que polo reverso, amosan que 88,1% do lectorado habitual en Galicia escolle o castelán e 87,3% do que compra na libraría faino de títulos en castelán. Porcentaxes desequilibradas, indefendibles en calquera política de fomento da lectura en galego, tiradas dunha consulta fiable que contou cunha mostra moi apreciable de 1.200 persoas. Números que amosan a situación dramática do libro galego tanto na biblioteca coma na libraría, onde se merca 71,1% do libro en Galicia. Cifras que ofrecen un novo perfil para o libro galego, excluído o de texto e o infantil e xuvenil, reducido ás faragullas dun mercado de apenas 5,7% de persoas lectoras seguidoras das novidades editoriais, lonxe do 8% de hai dous anos; lectorado masculinizado (feito novidoso) e liderado polo tirón da provincia de Pontevedra (aventuraría que da clientela libreira da cidade de Vigo). Anoten: 5,7%, outra cifra do devalo do sector editorial galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario