Antonio Lorenzo, veciño de Sela (Arbo) relata moi ben tanto os seus xuízos como prexuízos lingüísticos. Van algúns exemplos: "aquí falamos unha mezcla co portugués, como vasoira", que o futuro do galego "no rural non ten duda, pero tendo en conta por onde nos levan as autoridades [...] aí véxoo difícil [...] aínda que hai moita xente nova que fala galego, incluso xente preparada que fala galego e que nos dan moitas veces exemplo a xente que vai a Vigo unha semana e vén falando o castelán", "eu o galego que falo é malo, e escribilo non teño puñetera idea, [...] falábalo na casa pero no colexio falabas o castellano"
Este vídeo é unha mostra do material que podemos atopar en FRONTESPO un proxecto da Universidade de Alcalá de Henares de documentación lingüística por toda a fronteira portuguesa. Nas canles de vídeos que manteñen en Vimeo ou no You Tube podemos consultar moitas entrevistas sobre distintos temas: vida familiar, tradicional, relacións coas vilas veciñas, festas,... e tamén, como acabamos de comprobar, a lingua. Penso que se trata dun material do que se lle pode sacar moito proveito didáctico. Podemos seguir as súas novidades desde as contas que manteñen en Twitter ou Facebook.
Francisco e Lola, son de Rubiás (Calvos de Randín) comentan como na outra beira da raia á "taza" chámanlle "cunca" e no canto de "cuchara"din "culler". Aínda que recoñece que lle chama culler "á de botar a sopa ou o caldo". Os netos están en Cataluña, e "de pasar o verán aquí chegan alá falando palabras en galego".
Lola de Pitões das Junias (Montealegre), do distrito de Vila Real, cóntanos que os veciños do norte mesturan portugués e español, sen recoñecer njn principio a existencia do galego. Mais recoñece que cando lle falan en galego enténdeos mellor que cando lle falan en castelán.
Nemesio é de Castromil (Hermisende), na provincia de Zamora di que fala un "chapurreado do galego". Tamén nos conta, con algo de risa que indica que non comparte a actitude, que cando os portugueses van a Hermisende non falan o portugués, nin o galego, falan o castelán!. Nemesio sempre fala en galego, agás cando van ao médico, a Zamora.
Luis Morais, de Moimenta (Vinhais), no distrito de Braganza. Cando lle preguntan como falan cos galegos contesta "meio galego, meio espanhol". Mais, cando se lle insiste en se hai diferenzas entre o galego e o castelán confirma que o galego é moi semellante ao portugués mentres que "o castellano é un bocado diferente". Tamén se lle pregunta polas distintas variedades de portugués e no relato destas comparacións chega a facer referencia ao mirandés. Luís é quen de diferenciar os sotaques das aldeas veciñas, porén entende que en Braganza falan coma el.
Ningún comentario:
Publicar un comentario