Co comenzo do curso os afiliados á CIG-Ensino recibimos un exemplar do Xornal do Ensino no que tiven a alegría de colaborar con este artigo:
Os máis altos representantes políticos da cultura acoden a presentar o libro
Guía dos elementos químicos. Historia, propiedades e aplicacións .
Queren visibilizar que foron eles os que tomaron a decisión de apoiar súa
edición. Esta é a ilusión. Distribúense os exemplares polos centros de ensino?
Non. Seguen estando na súa maior parte almacenados no Centro Ramón Piñeiro. En
todo caso o libro non se pode usar na escola; a propia consellería que o edita
xa se encargou de prohibilo polo feito, precisamente, de estar redactado en
galego. Velaquí a realidade.
O método consiste en crear a ilusión de que a Xunta cumpre cos mínimos na normalización lingüística cando a verdade (oculta) é precisamente a contraria. Deste tipo de políticas hai exemplos a moreas. Mellor dito, toda a política lingüística está sustentada neste proceder.
Con todo, esa obra de química foi o único das materias prohibidas en galego que se permitiu publicar baixo a éxira do funesto decreto 79/2010.
Volvamos a vista atrás para ver todo o que levamos perdido. No ano do
decreto un grupo de traballo de profesores de matemáticas ofreceulle
gratis á Consellería de Educación un material didáctico para a ESO e que se aloxaría nun portal do Ministerio de Educación. Os profesores non recibiron ningunha gratificación económica, nin premios, nin recoñecemento algún. A resposta da Consellería consistiu en presionar ao Ministerio
para que non o publicase. O problema era que o material estaba en galego. O resultado foi que, durante algún tempo as únicas unidades
didácticas de matemáticas na nosa lingua había que descargalas dunha web dependente do goberno
de Madrid que se pechou cando M. Rajoy alcanzou
a presidencia do estado. Agora esas unidades proscritas teñen que aloxarse nun
portal privado.
Un ano antes, 2009, todos os estudantes levaban nas súas mochilas un libro da
materia de Física e Química, outro de Matemáticas e un máis de Tecnoloxía.
Todos eles en galego. Todos pagados pola Xunta. Feijóo determinou tirar con
estes centos de miles de libros ao lixo. Obrigóuselle á sociedade galega, no
peor momento da crise, a comprar outros tantos libros en castelán. Varios
millóns de euros de gasto para a exclusión do galego. E así cada ano, até hoxe.
Todo este malgasto, todo este esforzo para que unha xeración enteira vise drasticamente
reducido, en moitos casos eliminado, o seu contacto co galego. O obxectivo
final é a ignorancia da lingua de noso e a perda da identidade. Estamos vivindo
o maior fracaso social e educativo de toda a historia do goberno da Xunta.
Van xa 5 anos nos que este goberno vén declarando novembro como "mes da ciencia en galego nas bibliotecas escolares". Escollamos ao chou unha das actividades que se programan, a das mochilas viaxeiras. Consideremos, por exemplo, nunha das mochilas de matemáticas de ensino secundario. Alí temos 31 títulos. 28 deles son de libros en castelán. Non fixemos trampa, este é o panorama xeral. Aínda máis, dos tres títulos en galego, dous hai moito que están descatalogados. Do terceiro, aínda que o autor foi un matemático inglés, podemos sustentar que non é de matemáticas. Así e todo, o seu título é significativamente explicativo. Trátase de Alicia no país das marabillas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario