Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 22 de setembro de 2019

O Premio Arquímedes rexeita o galego

por Víctor F. Freixanes, en La Voz de Galicia:


O Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades convoca cada ano o Premio Arquímides, ideado para fomentar entre os universitarios, alumnos de grao ou de master, a investigación científica. Vai pola XVIII edición. Son en total 25 premios con dotación económica, e 4 estadías en centros de investigación. O primeiro premio (premio especial) está dotado con 7.000 euros, hai un segundo premio de 6.000, catro terceiros de 5.000 euros, e varios máis ata un total de 87.000 euros, con cinco distincións tamén para os titores de traballos.



A miña amiga Andrea pensou presentarse. Acaba de defender o traballo fin de grao en Santiago, na facultade de Farmacia, cun excelente 9,8 de cualificación. Non é a única. Hai outros compañeiros na súa situación. A convocatoria fai referencia especial a materias como as Ciencias Biolóxicas e Biomédicas, Ciencias Experimentais, Ciencias Sociais e Humanidades, Enxeñería e Arquitectura. Pero na convocatoria explicítase unha condición que ademais vén subliñada en negriña, para que non pase desapercibida: «el trabajo de investigación debe de estar redactado en castellano». E a miña amiga Andrea presentara e defendera o seu traballo en galego.

Estamos a falar da Universidade española, que en principio nos inclúe a todos. Falamos do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Falamos de materias de especial valor estratéxico e, asemade, simbólico: o mundo da ciencia experimental sobre todo. Mais falamos, unha vez máis, do tratamento e a consideración que na concepción xeral do Estado (que, repito, somos todos) teñen as «outras linguas», neste caso: catalán-valenciano, éuscaro e galego, idiomas cooficiais nas súas respectivas comunidades autónomas e sobre os que existe un compromiso, mesmo constitucional, de protección, estímulo, uso e dinamización.

¿Unha anécdota? En absoluto. É a expresión do discurso dominante, actitudes que algúns consideran superadas, porque no papel existe un recoñecemento formal da diversidade, pero que na práctica vemos como se reproducen os mesmos vellos prexuízos que nos tollen e que explican moitas cousas, fundamentalmente a distancia ás veces abismal entre que se predica e o que se fai. Cada vez síntome máis indignado diante dese dobre discurso: as grandes palabras da retórica oficial por unha parte e o desleixo, a preguiza, o abandono, a indiferenza, cando non a hostilidade activa na práctica. ¿Como pensar unha lingua de futuro, moderna, competitiva nos espazos da globalización, con actitudes como as que denunciamos? ¿Cómo explicarlle á cidadanía, homes e mulleres do noso país, que o seu idioma, a lingua dos avós que queremos tamén para os fillos, pode e debe ser tamén a lingua da ciencia, do coñecemento, mesmo da riqueza material, se sabemos utilizala? Alguén debería pedir desculpas. E corrixir.

Ningún comentario:

Publicar un comentario