Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 16 de marzo de 2021

Linguas libres

por Marcos Maceiras en La Voz de Galicia:

Se buscarmos un aspecto común respecto ás linguas na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, no Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos, na Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos ou na Carta Europea das Linguas Rexionais e minorizadas, acordos internacionais cos que está comprometido o Estado español, veremos como os pobos e as comunidades lingüísticas son iguais no seu dereito a realizaren todas as actividades humanas na súa lingua propia e, por tanto, a usala con plena validez xurídica, en todo e para todo. 
Se algo cómpre desterrar non é a diversidade senón o racismo, tamén o lingüístico que despreza, exclúe e discrimina persoas por formaren parte dunha comunidade lingüística e non renunciaren a continualo facendo. Hai 40 anos que o galego é cooficial, temos dereito a usalo mais a súa presenza e dispoñibilidade non se corresponde con tal consideración se a contrastarmos coa realidade cotiá. 
Que fai o Estado español pola cooficialidade? Menos do 1 % dos procedementos nos xulgados do social en Galiza se realizan en galego aínda sendo solicitado por unha das partes en, cando menos, o 20 % do total. Os servizos lingüísticos do TSXG só foron requiridos para consultas ou traducións en 145 dos máis de 330.000 trámites. A presenza do galego é anecdótica en TVE e nula en plataformas de televisión. Outros servizos dixitais negan a posibilidade de usalo mesmo pagando. Outro ano máis as prazas da Administración do Estado en Galiza para todos os corpos seguirán sen requirir coñecemento de galego para o servizo público. Nas longas listas de linguas que se nos ofertan na atención, información, etiquetaxe ou servizos, nengunha é a galega. Siri e Alexa nen nos entenden nen nos atenden. Sen oferta, espazos de uso, presenza, coñecemento, ula liberdade para a nosa lingua? Velaí o limite da cooficialidade, incumprindo acordos internos e compromisos internacionais como ben sinalaron recentemente o Consello de Europa ou o Relator especial da ONU para os dereitos das minorías.
Cómpre transformar os compromisos en realidade. Iso propoñen, de novo, A Mesa pola Normalización Lingüística xunto a oito entidades sociais a favor das linguas no documento Pluralidade Lingüística: liberdade, democracia, igualdade, que se debaterá no Congreso como proposición non de lei. O recoñecemento polo Estado español da pluralidade lingüística non pode ser só formal, nunha democracia debe ter consecuencias prácticas: igualdade de dereitos e de deberes e liberdade de uso e disposición.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario