A Fundación Luzes argallou este encontro sobre a lingua na escola presentado por Manuel Bragado. Os participantes son Valentina Formoso, Henrique Monteagudo, Mariló Candedo e Pilar Ponte. Recollo algunhas ideas das súas intervencións, aínda que o mellor e premer no play.
Valentina Formoso fai un moi claro resumo do Mapa sociolingüístico Escolar de Ames, o recente estudo promovido polo concello de Ames e a Real Academia Galega. Se alguén non se atreve a escoitar todo o debate, recoméndolle que polo menos escoite este dez minutiños. Máis adiante incidiu na importancia de mover os marcos dos imaxinarios sociais. Estamos nunha sociedade na que o galego está cargado de represencións negativas que cómpre mudar.
Henrique Monteagudo lembrou que no 2019 tamén se publicara a Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO na que pode contrastarse o declive da lingua galega en comparación co realizado 10 anos antes, xusto cando entra en vigor o funesto decreto 79/2010. Tamén denunciaría que a CELRM é unha lei de obrigado cumprimento que obriga á Administración a que ofreza a oportunidade dunha liña do galego. Denunciou que o o goberno do PP doulle oficialidade a un discurso radical xa existente, o da "imposición do galego". Pola contra, debemos apropiarnos do discurso do bilingüismo e o plurilingüismo co galego no centro.
Mariló Candedo comentou que o decreto 79/2010 asentábase baixo o paradigma do equilibrio lingüístico e estes estudos do concello de Ames xunto con outros como os das CELRM demostran que se quebrou o compromiso de asegurar a competencia en galego á par do castelán e a progresividade na normalización. Así mesmo tratou o tema da necesidade de espallar outro tipo de mensaxes sobre as linguas e da necesidade de abrir un debate social.
Pilar Ponte denunciou que hai moitos centros nos que nin tan siquera imparten en galego as poucas aulas que esixe o actual e retallador decreto. Tamén destacou que o alumnado non é realmente libre cando non é competente en lingua galega.
Ningún comentario:
Publicar un comentario