Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 6 de novembro de 2021

Cinismo e castigo

Por Francisco Rodríguez no Nós Diario: 

Calquera persoa galega con conciencia lingüística práctica, isto é, utente do idioma galego como norma na súa vida social, sabe da precariedade que o acompaña, en especial cando acode aos servizos públicos: falta de protección e amparo, exposición a tratos discriminatorios, vexacións e desprezos. A cuestión de fondo aboia sempre: o seu idioma, con excesiva frecuencia, non atopa correspondencia na resposta oral ou documental escrita que se demanda ou necesita, mesmo tendo que asinar a conformidade e pagar do seu peto. O resultado é que, malia o devandito, a persoa pode seguir mantendo o uso oral ou escrito do galego no que del depende. Porén, tenderá a resignarse, a non ser en ocasións propicias por ser posíbel o diálogo, a aceitar que o atendan en español. O resultado do uso dunha lingua non pode ser un sarillo de conflitos continuos, de amarguras e convulsións emocionais, incluídas secuelas represivas. Non falaremos das desercións do propio que acaba provocando situación tan hostil. Esta é a consecuencia dunha política lingüística oficial que, a comezar polas administracións públicas, presume dunha cooficialidade do galego na Galiza, incluídos dereitos dos seus falantes a ser atendidos neste idioma, que logo nega por non existiren deberes para elas poderen garantilos. Eses deberes refírense só ao español. Con este panorama, o conflito é inevitábel que aboie cando alguén reivindica ser atendido en galego en calquera servizo público da Galiza dependente do Estado, da Xunta ou dunha corporación local, xa non falemos dos que teñen titularidade ou xestión privada. Para alén de negar un dereito humano elemental e un suposto dereito que unha parte da actual lexislación contempla, a reacción oficial fronte a quen defende ser atendido en galego bota man do recurso a denigrar quen ousou tal atrevemento, terxiversando as causas que deron lugar a unha situación conflitiva. Hai que converter a vítima nun axitador e provocador insolente. Hai que privalo de racionalidade e de razón: unha rareza antisocial, fóra da norma, que só pode ser catalogado de alborotador, desequilibrado e case delincuente. O que lle sucedeu ao veciño de Rianxo que acudiu o 17 de abril a un cribado de Covid no centro de saúde e solicitou ser atendido en galego, coas secuelas posteriores, é un botón de mostra. Non teño a menor dúbida de que a negativa, enunciada pola recepcionista do Sergas, á súa petición de ser atendido en galego, xa de por si despótica, foi acompañada dun improperio insoportábel: “Vaya a la tienda del barrio, que allí lo atienden, paleto”. Un insulto revelador de quen o emite (que autoodio!). Comprensíbel é que o veciño se alterase e berrase. Non sei se lle é esixíbel ter sangue de orchata. Non se produciu nunca unha interrupción do servizo.

 

Foi chamada a policía local por Protección Civil. A súa ocorrencia foi denunciar o veciño por alteración do servizo e mesmo por falta de respecto á súa autoridade, de onde se derivou a aplicación da chamada Lei Mordaza e a proposta dunha multa de 600 euros. Que fixo realmente a policía local? Non creo que lle comunicara ao alcalde, un home que seguramente non avala esta forma de proceder, a súa denuncia á Delegación do Goberno. O que si, deixou constancia por escrito de cal foi a súa conduta en dúas afirmacións delatoras na súa denuncia. A policía local explicoulle ao alterado cidadán para calmalo que “ambas lenguas son cooficiales en la Comunidad Autónoma” [sic]. Conclusión: non hai lugar para o galego. Tamén lle informou que “el personal sanitario no tenía la obligación de hablarle en gallego” [sic]. A verdade, que tortura! Non me estrañaría que o veciño perdese a compostura. A policía local recoñece e avala a través da súa sentencia a exclusión e discriminación do galego. E por se fose pouco, incentiva o trámite dun castigo pecuniario exemplar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario