Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 2 de novembro de 2021

Referentes

 


por Mª Pilar García Negro en Nós Diario:

 Hai 50 anos, exactamente o 24 de Outubro de 1971, un Pau Casals de 95 profere un discurso na sede da ONU en Nova Iorque, a celebrar a música que el proprio compuxera para un Himno á Paz, encomenda feita polo daquela secretario xeral da ONU, U Thant, e mais a receber a Medalla da Paz desta organización. A letra fóralle pedida ao poeta inglés Wystan Hugh Auden. O grande músico catalán e universal interpretou tamén na sede da ONU “El cant del ocells” e, aínda coa voz firme, proferiu un discurso, en catalán e en inglés, cuxa primeira afirmación foi: “I am a Catalan”. A seguir desta afirmación tan sinxela como rotunda e verdadeira, permitiuse explicar que á aquela altura a súa terra –catro provincias españolas– era unha great nation. De certo que o impacto deste discurso chegou a amplas capas da povoación catalá, cuxo goberno da Generalitat concedeu en 1979 a Medalla de Ouro da mesma, postumamente, ao seu grande artista. Morrera seis anos antes, en Outubro de 1973. Sen dúbida, un referente, onte e hoxe, da súa nación.

 

50 anos despois, na Cámara Alta, o senador Cleries, de Junts per Catalunya, interpela ao presidente do goberno español (a cuarta feira pasada) e a primeira afirmación que fai é a de que as políticas españolas son lesivas para a súa patria, Catalunya. Nas mesmas datas, semana arriba, semana abaixo, aquí, aturamos que se deforme a nosa toponimia (A Toxa) e que un viciño de Rianxo receba un aviso de sanción de 600 euros, despois de “alterar el orden”. A policía local desbota calquer desestima do galego, mais o caso é que este cidadán SI pediu ser atendido en galego. Ergo: alterou a orde. Porque a ORDE consiste, a todas luces, en nós declinarmos o uso do galego se o interlocutor de quen dependemos non o usa; a ORDE consiste en falalo só con quen o fala; a ORDE consiste en ocultalo e pasar a falar español perante unha autoridade (médica, xudicial ou de calquer outra instancia); a ORDE consiste en dar por natural e lóxica a ocultación do galego na súa propria terra. 49 (subliño: cuarenta e nove) anos despois de un taxista de Rianxo ser ameazado mesmo coa supresión da licenza por escreber este nome no seu taxi, seguimos a verificar que o galego altera a ORDE.

 

Hai 47 anos nacía a Unión de Traballadores do Ensino da Galiza (UTEG). As e os seus membros decidiron alterar a orde estabelecida e proceder a impartir as súas aulas en galego. Hóuboas no ensino primario, no secundario e no universitario. Aulas de química, de ciencias naturais, de matemáticas, de francés, de Economía, tamén de literatura española... Minoría exigua, si, mais cualitativamente da maior importancia. Cantas profesoras-es, hoxe, imparten as súas materias en galego? Ignóroo.

 

A procura de referentes é hoxe tópico repetido. Cómpre oferecer modelos para as-os adolescentes podérenos emular. Non existen referentes galegos? Ou, máis ben, será que cómpre identificalos e recoñecelos, darlles voz? De canta máis paciencia do santo Xob haberá que botar man para que, 40 anos despois de o Estatuto de Autonomía declarar o galego “lingua propia”, o sexa todos os efeitos, en calquer lugar, con calquer interlocutor e para calquer función? Para cando unha autoridade galega dirá: “Eu son galega/o e cómpre exercer de tal”?

Ningún comentario:

Publicar un comentario