Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 18 de abril de 2022

"Historia de los Reyes de León"


Por Xosé María Lema Suárez, nas Voces de ProLingua:

 

Hai xa tempo, en agosto de 2021, unha amiga leonesa, Paloma Fernández, me obsequiou na miña visita á súa cidade de San Andrés del Rabanedo co libro Historia de los reyes de León (Ed. Rimpego, León, 2020) do historiador leonés Ricardo Chao Prieto. San Andrés fora a parroquia definitiva do cura galego Juan Antonio Posse (1766-1854), e Paloma é outra admiradora deste personaxe de vida tan novelesca e axitada; tanto é así que en breve vai saír a luz unha publicación súa sobre as vivencias do crego nesta cidade, hoxe a terceira en poboación da provincia de León. 
O de Chao Prieto é un libro de historia de 350 páxinas de carácter divulgativo, que, segundo o seu autor, ten como obxectivo principal loitar contra “la amnesia histórica que nos afecta”. É dicir: o esquecemento do reino de León por parte da historiografía oficial española, que potenciou e mitificou ata o inimaxinable o reino medieval de Castela. “León, un reino olvidado”, reza o primeiro epígrafe do seu prólogo. Síntome solidario con esta reivindicación: ben sabemos que o reino medieval de Galicia non só quedou relegado, senón totalmente borrado da historia oficial peninsular. 
No eido da desmitificación do reino de Castela, pon no seu sitio a figura do Cid Campeador, “sin duda el sujeto más mitificado de la Edad Media hispana. Las principales fuentes que retrataron al personaje son por lo general tardías y están plagadas de anacronismos, exageraciones y errores históricos. (...) Su condición de mercenario al mejor postor es históricamente irrefutable” (p. 185). 
Ten moito de positivo esta historia sucinta de Ricardo Chao, como é o feito de reproducir a documentación da época medieval, sacala a luz e tela en conta, e non disfrazala, ocultala ou reescribila como fixeron historiadores españois dos séculos XIX e XX.
Deste xeito, Chao Prieto recoñece en repetidas ocasións que o único reino ó norte do río Douro que aparecía na documentación da época, polo menos ata o século XII, era o reino da Gallaecia, debido ó enorme peso histórico que aínda tiña o nome da antiga provincia romana: 
«En crónicas y documentos extranjeros (francos, andalusíes, vikingos, anglosajones, papales...), al hablar de estos primeros monarcas, se designa su reino como Gallaecia de muy diversas maneras: rey de las Gallaecias o de las Galicias, rey de la Gallaecia y de Asturia, Yilliqiyya (musulmanes), el reino de Santiago, “Jakobsland”, en raras ocasiones se denomina reino de Asturia (en singular)» (pp. 97-98).

 El mesmo conclúe con que:

 «Cualquiera de estas versiones constituye una muestra de con qué intensidad perduraba la división administrativa de época romana, mantenida e impulsada por el reino suevo. Aquella provincia de Gallaecia y el Convento Asturicensis coinciden muy bien con el núcleo del pujante reino galaico-asturiano-leonés” (...) A partir del siglo XIII ya es norma denominar “reyes de León” a los que hoy decimos reyes asturianos, y esta situación perdura prácticamente hasta el siglo XVIII» (p. 98).

 

Recoñece que Astorga e León eran á altura cidades da Gallaecia (Yilliqiyya para os cronistas árabes do Al-Andalus), e que Afonso II, Afonso III e outros monarcas constan como reis de Galicia (unicamente). É o que levan repetindo, con frecuencia clamando no deserto -mesmo na propia Galicia-, algúns medievalistas galegos actuais. Tanto é o pouso da “historia oficial” que nos inculcaron desde a escola e, no que a min me toca, tamén desde a universidade. Ignoro se agora están cambiando algo as cousas.A pesar da documentación existente e do que afirma nos parágrafos anteriores, a Chao Prieto tamén lle custa o seu recoñecer esta evidencia, de tal xeito que no seu relato prevalece a anacrónica denominación xeral de “reino de León” para os acontecementos anteriores ó séc. XII. E nisto se centra a nosa crítica: que debera dar un paso máis e admitir sen reviravoltas que o nome real do reino de todo o noroeste era Gallaecia, recoñecido internacionalmente, aínda que os monarcas residisen, en Oviedo primeiro e despois en León. Os documentos en latín non menten: “regnante in Oveto”, “regnante in Legione” (“en Oviedo” e “en León”, pero non “de”: eis a diferenza). Despois do séc. XII o extenso territorio da Gallaecia, dada a súa heteroxeneidade, acabará dividíndose en tres reinos -Galicia, León, Castela (máis adiante catro, con Portugal)- e xa todo será distinto.

 

Outra crítica que non podemos obviar é que o autor non cita, nin sequera na bibliografía, ningunha obra de ningún historiador galego. Parece que non se teñen en conta nin se valoran máis alá do Cebreiro e do Padornelo as investigacións dos nosos medievalistas, e un pregúntase para que serven logo os simposios e congresos nacionais e internacionais.
 En fin, que así como se acabou aceptando a fins do séc. XIX para o idioma galego medieval falado ó norte e ó sur do Miño a denominación convencional de “galego-portugués”, non estaría de máis que polo menos se aceptase a denominación de “reis ástur-galaicos” ou “galaico-asturianos” para os da corte ovetense, e “reis galaico-leoneses” para os da corte leonesa no citado período histórico. Seica xa hai quen o fai así. Entre 1157 e 1230 galegos e leoneses compartimos reis privativos nosos, Fernando II e Afonso VIII (convertido en IX por obra e gracia da historiografía española), que habitualmente asinaban os documentos coa fórmula “Dei gratia Legionis et Gallecia rex”. Estes dous monarcas foron os mellores que tivemos na Idade Media, e eles si que merecerían ter rúas, prazas e mesmo estatuas dedicadas en cidades e vilas galegas, pois ben que as favoreceron. Están enterrados no Panteón Real da catedral de Santiago, onde hai certo tempo só constaban como reis de León. Ignoro se ultimamente houbo algún engadido no letreiro.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario