Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 10 de xullo de 2023

Xabier P. Docampo, o lóstrego do conto


 por Malores Villanueva en ProLingua:

Un lustro é o tempo que pasou dende que Xabier P. Docampo deixou de contarnos historias. Nestes cinco anos perdemos, de seguro, algunha narración que abrollaría do seu maxín para facer as delicias das persoas que agardabamos os seus libros coma, nestes días de tanta calor, anhelamos unha airexa. Sempre xeneroso, deixou dúas obras que se publicaron postumamente: O pintor cego, unha historia lendaria, de gusto clásico, que ofrece unha reflexión sobre a bondade e a xustiza; e os Contos de obxectos, que un imaxina na voz rotunda do autor, á vez que saca do peto as cousas das que fala, nunha posta en escena xa só soñada. 
Coma un lóstrego que te atravesa, así entendía a literatura e así chegaban a el as historias que relataba. Sempre as traballaba minuciosamente, unha e outra vez, ata que cada palabra acadaba o seu pleno sentido. Case dezaseis anos investiu na novela A nena do abrigo de astracán, a historia de Susana, a meniña que gustaba de ver películas e comentalas coa súa madriña, da mesma maneira que el facía coas súas amizades.

«Fíxenme escritor porque teño memoria de min e dos meus, porque habito a lingua e a infancia, as dúas patrias do ser humano». Esta afirmación de Xabier P. Docampo define a súa vida e unha traxectoria de compromiso co país que o veu nacer un día de primavera de 1946. Fillo dun muiñeiro, Raimundo de Granda, e dunha costureira, Teresa Docampo, seus pais souberon alimentar a súa imaxinación co mellor dos óleos, a narrativa oral que estaba sempre en boca do seu proxenitor, un auténtico fistor, como lles chamaban en terras chairegas aos bos contadores. Súa nai teceu os seus soños con poesías que aprendera de memoria e, nese amor á palabra, fíxose mozo e comezou a buscar outras historias nos libros. Con todo, sempre se sentiu narrador oral e, alí onde estaba, a súa voz emerxía e a xente prendía nela polo pracer de escoitalo.

 FUNDADOR DE PROLINGUA

 En 1995 obtivo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil coa novela Cando petan na porta pola noite, onde desenvolve con mestría o saber de contador de relatos de medo. Foi un defensor da infancia e encantáballe contar as moitas anécdotas que amoreaba nas súas visitas a centros de ensino. Con preocupación, observaba que a rapazada nos últimos tempos xa non se dirixía a el en galego ou que o facía con dificultades. Sempre activo, en 2009 foi un dos fundadores de ProLingua, capitán e mariñeiro dunha dorna que emprendeu a súa singradura nun momento de graves ataques e inxurias contra a lingua propia de Galicia. ProLingua naceu como unha asociación apartidaria e plural e en reacción á aprobación do nefasto Decreto de Plurilingüismo e a un discurso falsario de imposición, entre outras calumnias e prexuízos que se recolleron no libro 55 mentiras sobre a lingua galega. As persoas que formamos parte do proxecto pasamos a ser irmás e irmaos de Xabier, así se dirixía a nós en cada comunicación, na fraternidade que dá o amor e a defensa do idioma e tamén «o argumentario da razón». Docampo ensinounos que a lingua non ten siglas, nin lle pertence a ninguén, porque é todos e de todas.

 

cartas abertas... moi incisivas

 Con anterioridade, foi mestre vocacional e activo nos movementos de renovación pedagóxica, enrolado en Nova Escola Galega, que cumpre agora o seu corenta aniversario e que segue a procurar a democratización e a galeguización do sistema educativo. Sempre militou nas causas xustas, a carón dos seus, da súa xente, do seu país, da súa lingua, sen complexos, sen prexuízos, fronte aos negacionistas e glotocidas, rebatendo coa forza da palabra e da razón cada ataque. Nunca poderemos corresponder tanta xenerosidade. 

Nos últimos anos, Docampo escribiu moitas cartas abertas, cun ton incisivo, cheas de retranca, pero tamén de contidos e de reivindicacións. A miña hoxe vai para ti, querido irmao Xabier, para que saibas que aínda que navegas xa polos mares ignotos do Alén, aquí séguense a reimprimir as túas obras e novos lectores e lectoras descobren as historias que ti nos deixaches. 
Na túa derradeira intervención pública alzaches a túa voz xa feble para pedir que o libro galego seguise vivo e podes estar tranquilo, porque non abandonamos a loita, pois, como ben sabes, no relativo á nosa lingua nada nos deron nin nos darán, temos que conseguilo, coma sempre. Farémolo coa forza da razón, do teu exemplo e co ronsel de afecto que nos deixaches. «Escribo para que me queiran máis os amigos, para que me lea a xente», e un lustro despois do teu pasamento segues entre nós.

Ningún comentario:

Publicar un comentario