Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 30 de xullo de 2025

Vivir en galego


 por Yuri Carrazoni no Nós Diario:

Que tempos vivimos, nos que unha traballadora pode ser increpada por empregar a súa lingua no seu propio país. O caso do dolmen de Dombate, en Cabana de Bergantiños, é máis unha mostra do longo camiño que aínda nos queda por percorrer para garantirmos uns dereitos lingüísticos básicos que a Xunta da Galiza non parece interesada en nos brindar. Seica aquilo do "bilingüismo harmónico", que noutrora foi a política estrela de Núñez Feixoo e que hoxe o seu sucesor aínda segue a replicar, consiste na práctica en falar en galego "na intimidade" –que diría Aznar–, onde non molestes a ninguén, e cando esteas exposto ao público botes man de "la lengua común", como porfían en nos vender o castelán os españolistas. Aínda que esteas na túa terra e no teu posto de traballo, e aínda que o obxectivo das institucións sexa dar a coñecer o noso patrimonio na nosa lingua propia. 

xoves, 24 de xullo de 2025

5,7% en galego


 por Manuel Bragado no Nós Diario:

No informe de resultados sobre hábitos de Lectura e Compra de Libros en Galicia 2024, encargado pola Consellaría de Lingua e Xuventude, o que merece parabéns, destacan dous datos. O primeiro: a poboación galega lectora, a partir dos 14 anos, é de 69,5%, unha porcentaxe elevada, superior a 65,3% do ano anterior, nos niveis da media española; sendo superior a de mulleres (76,2%) ca de homes (63,3%) e a da provincia de Ourense coa de maior proporción de lectorado. O segundo: a poboación lectora habitual en galego é de 11,8%, inferior á do ano anterior (12,4%); sendo a porcentaxe de homes (13,3%) superior á de mulleres (10,7%); como a da poboación lectora entre 25 e 34 anos a máis galeguista (15,30%), xunto coa maior de 65 anos (13,6%); destacando a provincia de Pontevedra sobre as restantes pola cifra de lectorado habitual  en galego  (17,1%).

martes, 8 de xullo de 2025

40 anos de placebo normalizador?


 por Xosé-Henrique Costas, no Nós Diario:

En 2024, Alberte Facal realizou 367 enquisas sociolingüísticas nos 18 concellos galegófonos do Eo-Navia para analizar alí a situación do noso idioma. Hai poucos días presentou os resultados nun congreso internacional en Ovedo.