Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 12 de decembro de 2025

 


por Xosé-Henrique Costas no Nós Diario:

Debido ao falecemento dun familiar, este ano vinme obrigado a lidar con varias notarías e rexistros para facer trámites de herdanzas, aceptacións de herdanzas, mercas e vendas de propiedades etc. Había case trinta anos que non me vía envolveito en cousa semellante e a experiencia anterior con estas instancias non fora moi positiva: daquela un banco non me quixera dar o escrito da hipoteca en galego e recomendárame, ademais, que non teimase moito coa "lideira" do galego porque do contrario a escritura de propiedade da casa podería demorar meses. Naquel momento traguei, tiña présa por pechar a operación. Logo cambiei de banco e, despois de moitas voltas, conseguín galeguizar a escritura.


Eu pensaba que despois de trinta anos as cousas serían diferentes. Nestes meses pasados, nas escrituras e documentos compartillados con outras persoas tiven que negociar con elas a posibilidade de os facermos e rexistrarmos en galego, cousa que non sempre conseguín porque hai xente que aínda ten moitos medos e inercias e pensa que a documentación en galego aínda lles pode traer problemas e demoras. Pero nas que a responsabilidade era só miña, tratei de facer todo en galego, malia as dificultades que ás veces me presentaron.


En galego após 23 días

Hai poucos meses fun a unha notaría do centro de Vigo para facer un documento e soliciteino en galego. Uns días despois mandáronme un borrador en castelán e citáronme para asinar a escritura. Collino, corrixinlle un par de detalles, traducino eu mesmo e devolvínllelo en galego indicándolles que o solicitara nesta lingua e que así o asinaría.


Cando na data sinalada fun á notaría a asinar a escritura comprobei que estaba de novo en castelán. Avisáronme alí mesmo que a miña tradución non valía porque eu non son tradutor xurado (só son un simple catedrático de Filoloxía Galega) e que se a quería en galego terían que a mandar á Xunta e agardar uns días a que esta reenviase a tradución para eu a asinar.


Calquera cidadán que se vise apurado tería que apouchar co castelán. Pero eu non tiña présa e agardei por unha tradución de cinco folios que demorou 23 días. Que pasaría se fose un documento urxente? Tería que renunciar aos meus dereitos lingüísticos? Nestas condicións, que cidadán se vai arriscar a demandar nada en galego? Non é este un trato disuasorio e discriminatorio? Non é unha sorte de chantaxe para que desistamos? Consolábame pensando que peor lle fora a Carlos Callón nunha notaría de Compostela, onde directamente lle dixeran que non.



Outramente, hai persoas que me comentaron que nunca tiveron problemas nas notarías: algúns traduciron eles mesmos os seus documentos e a outros a notaría atendeunos en galego sen problema ningún, aínda que tamén sei de casos coma o meu con xente a agardar pola tradución da Xunta, porque a notaría non tiña persoal cualificado en galego ou programas informáticos e modelos en galego etc. Ou o caso de Callón. Unha lotaría.


Rexistro e toponimia

E iso que en xuño deste ano a Irmandade Xurídica Galega e a Xunta asinaran un convenio para o impulso do galego no notariado, polo que o Colexio Notarial de Galicia ofrecería "activamente" (sic) aos usuarios a posibilidade de realizar os trámites en galego e para iso a Xunta fornecería modelos e ferramentas informáticas. Descoñezo os termos do convenio pero nalgunhas notarías non se notou nada. Non sería bo que publicitasen nalgures (na web do Colexio de Notarios) unha relación de notarías onde se pode escriturar calquera documento en galego con normalidade? Porque do contrario é unha lotaría e ás veces moi desagradable. E peor aínda é o caso do Rexistro, onde o galego está totalmente ausente e demandalo é como falar cunha pedra.


E outra cousa máis: a toponimia nos escritos e no Rexistro. Se un escrito antigo en castelán ten a toponimia acastrapada (La Lage, Panjón, Villarino, Valladares…) por que se mantén esa castrapización nos documentos modernos en galego que recollen esas propiedades? Para seren fieis ao documento antigo? Que fidelidade é esa? Para que vale o artigo 10 da Lei de Normalización de 1983 que di que a forma galega da toponimia é a única oficial?


Gardo unha escritura familiar de 1950 onde se acastrapou ou traduciu o nome de varias leiras, entre elas unha situada no lugar chamado "Donde ruge el agua"(sic). Aínda ben que ao notario lle acordou pór logo entre parénteses o nome verdadeiro da leira ("Onde roxe a auga") porque un calquera podería pensar na sabana africana e non nunha fervenciña ruxidoira do regato que atravesa a leira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario