por María Reimóndez, no Nós Diario:
Tantas veces temos escoitado esa expresión de "a lingua que nos une" para referirse ao castelán (coma se as outras linguas nos separasen), que non puiden evitar volver a ela nun contexto totalmente diferente. Hai uns días que estou na miña segunda casa, en Támil Nadu, pero no voo de chegada ao Estado indio dirixido a Delhi, unha muller maior quixo sentar ao meu carón, no canto de sentar á beira dunha irlandesa branca, coa expectativa de latricar, pois é habitual que a xente non me identifique como estranxeira. Ela e o outro home que compartían fila comigo ficaron coa boca aberta cando lles dixen que non falaba hindi, que o que falaba era támil.
En particular, a reacción del lembroume a de moitas persoas do Estado español falantes de castelán: "Pero o hindi é nosa lingua nacional". Salvando as distancias culturais, que son moitas, en canto ao entendemento do concepto de "nación" que podemos facer en Europa do que se fai no subcontinente, está claro que hai unha mentalidade que percorre moitos estados coma unha pantasma. Se ben na India o monolingüísmo é unha rareza (de feito esta mesma persoa falaba outras linguas), si hai unha categorización que diferenza a lingua do Estado das linguas dos estados (federais), sen atender a que cada unha delas ten millóns de falantes (o támil, máis de sesenta) e a súa propia historia.Esta escena, como galegofalante, resultoume profundamente familiar. Fíxome pensar que, se cadra, a lingua que nos une é realmente a posición de non hexemonía que temos todas as persoas que falamos linguas sen Estado, linguas categorizadas coma secundarias, linguas que se envían ás marxes (e, obviamente, cando falamos de linguas referímonos a falantes, a persoas e comunidades) fronte a outras que se constrúen como importantes e imprescindibles. Malia isto, en Galicia adoitamos buscar as afinidades por rama lingüística ou historia colonial e penso aquí no preocupante concepto da lusofonía ou nas supostas afinidades con América Latina –habería que preguntar con que persoas da lusofonía e de Nuestramérica, como denomina a feminista italomexicana Francesca Gargallo o territorio dende a visión dos pobos orixinarios–.
Se cadra é máis importante entender que a lingua que nos une é unha posición no mundo que pode achegarse a outras alteridades pois esa é a chave dunha porta que temos na nosa man abrir dende a autocrítica, pero sen deixar de buscar as alianzas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario