Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 2 de xuño de 2015

O galego non serve para nada

por Jon Amil, no Sermos Galiza:

Sete da mañá. Soa o despertador. Mentres tomo o café con calma, acendo o portátil. Dou unha ollada ás novas do día no Praza Pública e no Sermos Galiza. Éncheme tanta política. Vou a Memoria Pixelada para ver se falan dalgún xogo interesante. Troco para Mallando no Android, vamos ver cal é a última que fixo Google. Repaso a portada do Chuza! apurando o café, que xa é moita hora e vou perder o bus.
O galego non serve para escribir novas.
Subo no bus, saudando cun Bo día! á condutora. Respóndeme cun Bos días bastante mecánico, mais é que a quenda de mañá non debe ser moi apetecíbel. Sento atrás de todo e saco o mp3. Soa Terbutalina a todo volume. Se cadra é un pouco forte para estas horas. Poño algo de Ataque Escampe e entretéñome ollando pola xanela.
O galego non serve para facer música.
Chego ao hospital. Hoxe teño prácticas de Pneumoloxía. Mándanme facer a historia clínica ao primeiro doente da mañá.
—Fuma?—Eu non fumo, non, que mo quitou o médico.—Non fuma nada, nada? — retruco con voz suspicaz.—Vaia ho, un cigarriño co café, máis nada.
O galego non serve para ser médico.
Chega a hora do xantar. Como non me apetece cociñar, vou ver que hai hoxe na cafetaría. Encóntrome con Maria, unha das alumnas portuguesas que veu estudar Medicina a Compostela. Convídame a sentar con ela.
—Assinaram-te as práticas hoje?—Asinaron. A ti non?—Não, o tutor não estava e a residente não me quis assinar.—Ai, ho! Está todo tan mal organizado...
O galego non serve para falar con xente de fóra.
Á tarde vou tomar algo cos amigos. Pido un refresco de laranxa. ¿De naranja? De laranxa, si. Sóame o móbil. É unha mensaxe do Centro de Transfusións que di A unidade móbil estará diante da facultade de Medicina os días 24 e 25. O teu sangue é vida. Póñoo en silencio e continúo a botar contos. Comeza a escurecer. Vai sendo hora de ir para a casa. Preparo a cea e chántome diante da tele. Hoxe botan Serramoura. Estou enganchadísimo.
O galego non serve para facer series de televisión.
Acaba o episodio e non teño sono. Abro o portátil. Vou ao Youtube e premo onde di As miñas subscricións. Hai vídeo novo dos Poetarras. Moito me prestan. Vou ao apartado Que ver e chámame a atención un vídeo sobre ciencia. Vaia, está en inglés. Vou mirar nos subtítulos e... bingo. Ten subtítulos en portugués do Brasil. Miro a hora de esguello. Xa é tarde. Fago unha visita rápida ao Facebook, que me pregunta Que andas a pensar?. O que ando a pensar é en ir durmir, que se non mañá vai facer falta un guindastre para me erguer da cama.
O galego non serve para navegar pola Internet.
Ao deitarme na cama acórdanme pensamentos aleatorios. Penso nesa rapariga que me ten perdidiño, nos exames que están a piques de chegar e nos plans que teño para a fin de semana. Porén, o sono acaba por vencer e vou adormecendo aos poucos, acochado ao quentiño. Mañá ha de ser outro día.
O galego non serve para nada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario